quarta-feira, 30 de maio de 2012

Ra





Que o mundo está a volverse un pouco tolo vémolo cada día, e eu non vou ser unha excepción. Cando todos andan a saber obsesivamente de Bankia, do IBEX 35 e da prima de risco, eu prefiro relaxarme coa lectura descansada da prensa científica, e aproveitar para instruírme algo. Desta vez foi o ABC, que se ocupa sempre de cuestións realmente importantes para os cidadáns que o lemos, o que me trouxo a noticia de que a teoría da evolución podía andar un tanto errada, tal e como anticiparan Bush e outros adiantados dos nosos coetáneos. Para axudar a clarexar o debate, as ras, que sempre se sumaron ás discusións bizantinas, aportan agora uns innecesarios dentes na mandíbula inferior. E líana parda. Rompéndonos a cabeza como fixeron durante séculos co mundo clerical, ao que tiveron a deliberando, sen facer outra cousa, por saber se comelas ou non nos tempos da vixilia. En realidade aínda hoxe seguen sen poder facer moito, dado que non o teñen claro de todo. Son carne ou son pescado?
Evolucionamos ou involucionamos?







Por bicárenme os teus beizos.


Por perderme nos teus ollos
puiden encontrar cariño;
por namorarme o teu riso
andei contigo o camiño.


E bicáronme os teus beizos.


A vida que compartimos
xunta pasado e futuro
con presentes recibidos
pra lle dar luz ao escuro.


Ao bicárenme os teus beizos...









.












sábado, 26 de maio de 2012

Fogares





Miramos as persoas e vémolas de maneiras diferentes en función de canto saibamos delas. Unhas veces por exceso de información, outras por descoñecemento pleno e outras por tratos superficiais que nos conducen a equívocos. E o noso corazón colle rumbos  tan distintos que mesmo semella que somos nós os que nos transformamos.
Esta sociedade convulsa móvese con présa e, segundo os canons tradicionais, por momentos sen cabeza ningunha. Obsérvase como non hai argumentos, nin motivos, nin éticas ou valores que xustifiquen as accións máis aló dun sentido de puro egoísmo persoal. Non se pensa nos demais e o mundo faise realmente antropocéntrico, mesmo parecería que o centro do universo veña a situarse no propio embigo. E iso é o que amosamos. O que ensinamos. 






As cereixas saben ben,
pero máis sabe un bo figo,
e tamén saben os vermes
que os merlos levan consigo.

Senten como cambia o tempo
e avisan no seu cantar,
pero por máis que se escoiten
son difíciles de ollar.

Paxaros moi bos cantores
cantando con moitos brillos
anunciando primaveras
mentres atenden os niños.

Esas construcións perfectas
sempre chaman a atención:
os ovos verdes e azuis
serven de decoración.

As femias coidan as crías
mentres o merlo as atende,
non vaian preocuparse:
do perigo el as defende.

Pasado moi pouco tempo,
o merlo ponse a cantar,
os pequeniños medraron
e xa se queren marchar.

O niño queda baleiro,
xa ninguén fai a limpeza;
con paus, con herbas, con barro,
outra nova historia empeza.











.

domingo, 20 de maio de 2012

Feirón






Merquei onte un sombreiro reversible no feirón, nun posto rexentado por un amable subsahariano. Entendémonos ben, con poucas palabras, ao mellor porque o rapaz negro, máis escuro ca un tizón, colleu axiña que eu falaba galego, e non tivo reparo e dicirme podes probar, teño grande (vese que tamén captou ao instante que son cabezón). Como non andaba convencido, non llo merquei á primeira, e el díxome cun sorriso e cuns golpiños no ombreiro depois, depois, non problema. Para min que creu que non ía mercar, xa que non regateei nada cando el dixo des euros, des. El non sabe que nunca lles regateo desde que decidín non deixar propinas cando ando de bares ou restaurantes, e aínda así aforro cartos. Creo que a eles venlles mellor cá min (para a autoestima) ese euro ou dous de diferencia. E tén cuerda para atar, e son dois, con volta. Volvín, si que volvín, deille os dez euros e quedou feliz, polo menos coma min, véndome atar os cordóns do meu chapeu do trinque.  









A vila está bonita cando viste de mañá,
mira a ría pensativa e abre as portas
para o sol que vai chegar.

Pola sombra, entre as rúas moi estreitas,
sae a vida despertando da súa noite
ao abrírenlles as contras e as portas
a esas tendas ben pequenas con amigos
agardando desde hai anos aos clientes.

O mercado, algo máis lonxe, señorial,
elevado en escaleiras, coma altar para adorar;
moi clasista: uns para fóra e outros dentro,
en razón da procedencia do que venden.

Ver un posto do exterior
é atopar un vendedor afeccionado,
os produtos nas trabancas ben se ven,
os produtos son da terra, e terra levan,
mercar algo e falar máis
coa persoa encargada de cobrar;
se xa é tarde e hai que irse,
malvender sen regateos canto antes,
por marchar coas moedas conseguidas
(con esforzo).
No interior todo é distinto,
Cada posto vese dono do seu sitio,
nada aberto ou casual neste lugar,
o exemplo está na tenda máis central
na que pon que non se fía,
todos froitos de etiqueta, moi limpiños
e brillantes de aceitados
ofertando os sabores dunha imaxe
sen un verme ou unha mancha, esas froitas
de presenza artificial, e que bonitas!
Outras carnes amosadas nin as vemos,
atraído o noso ollar con tanto peixe
tanta especie, tanto tipo, tanta escama
que nos leva, inexorable, a preguntar.
Escamados polos prezos desiguais,
do mesmo peixe,
imos fóra evitando tropezar
ao ver o pan.
Respiramos aliviados fresco aire...
Menos mal!
O feirón é pasear!

Mirar por todos, mercando a uns poucos;
alí non ves, e queres máis, atopas xente
a saudar,
e coa que falas,
e así a mañá xa non é igual;
Volves ao centro vendo outras cousas,
todo é rebaixa,
menos un euro,
onte dez máis na mesma rúa,
dorme o top manta de negros guapos
que aínda non piden ser de color,
só que lles merquen algunha cousa,
ante locais que son miróns
por controlaren pequenos cambios
nun gran feirón.

Como faltaba,
chega o ambulante co seu pregón:
Mentireiro verdadeiro!
O mentireiro!
Morreu o cura,
o que o facía,
e faise igual
moi ben impreso con santoral!,
con refraneiro!
con predicións!
veñan e compren:
fáganse hoxe coa adquisición!

Os soportais que nos acollen para o descanso
nese camiño que vai á ponte,
tráennos bancas cheas de cestas,
fóra das tendas xa centenarias e moi tranquilas
cos seus balances, sempre a mellor,
moi animadas desde o concello,
que lles dá, en horas, gozo e pracer
vistos en xogos, longas conversas
de pouco apuro e moito labor
nunha gran vila dona das xentes
cando convén.



























.








segunda-feira, 14 de maio de 2012

Contos




Non sei como as cousas poden ser diferentes cando se viven e cando se contan. Hoxe contáronmas e gustáronme moito.
Lembrei como, case sempre, ao volver de vacacións ou dalgunha viaxe un pouco longa, o noso fillo pequeno pedía sen pensalo nada, por favor, mamá, cóntame como o pasei; explícamo; dime o que fixen e canto me gustou. Creo que durante días iso acababa por converterse no conto final das boas noites, ese conto que propicia os soños felices e que desbota lonxe a negrura vacua do sono. Se podemos pechar os ollos co sorriso aceso...
Pola tarde, namentres unha compañeira contaba o traballo desenvolvido ao longo do ano, eu mesmo fun quen tamén de deixarme ir na música das súas palabras e vivín nun conto tan marabilloso que a todas luces non podía ser real.
Por favor, cóntamo outra vez...










Queremos aprender,
pensamos en formarnos unha vida,
sabendo o difícil de conter
o mar sen a ribeira.


Buscamos ser mellores,
exemplares,
sumamos os valores
de xente tan amada, tan querida.
E diferente...


Gañamos unhas regras,
ensinamos a vivir con convencións
esquecéndonos o libre e o espontáneo.
Porta ao campo.


Perdemos ilusións.
Vivimos,
mais a idade fainos vellos.
Valoramos o sinxelo no querido.
Estrañamos a nenez.
(Sen unha norma).











.

sexta-feira, 11 de maio de 2012

Mirón





Dentro das miñas curiosidades múltiples están tamén as novas tecnoloxías e as súas posibilidades de relación. As redes sociais impóñense en tódolos sectores poboacionais e, queirámolo ou non, acaban tocándonos a todos. Eu incluído. Ando na rede e iso, cando menos ao primeiro, dá un punto de atractivo, de incertidume e, ata se me apuro, de aventura. É como asomarse ao balcón da casa para ver pasar o desfile  e saber del, por máis que só se participe na emoción e no pensamento ou acaso coa  exposición  á visión momentánea dos que por alí pasan.
Ten de bo, participar aínda que sexa así, o de ver que o argumentario (no strictu sensu desta palabra inexistente) que nos permite ser nós vai aparecer noutras persoas que, en moitas ocasións, axudan a que saibamos por que pensamos dunha determinada maneira, dándonos as razóns xustificativas da nosa conduta. Incluso podemos discrepar, disentir, por máis que nos expoñamos ao desprezo (para a nosa categoría moral),  dos maximalistas que se reservan o dereito de sanción, que os hai, claro, tanto á esquerda ou a dereita  (independentemente de onde estea un adscrito) e así, grazas a unha escolla realizada ao fin ao fío dos noso intereses e gustos, podemos estar informados ao minuto de como se move o mundo nos campos da nosa atención. Claramente, sen mensaxes subliminais nin publicidades rexeitables, sabemos non só de información, tamén de opinión e de valoración final.
Con todo esto, a min, e coa escasa experiencia acumulada, dáme un tanto a sensación de estar sendo un voyeur, un mirón que goza das luces acesas das casas sen cortinas que ve namentres vai paseando por un carreiro máis ben baleiro, nos horarios nos que a xente de ben tende a ocuparse do descanso reparador imprescindible para afrontar a mañá deste incerto futuro que nos agrada.
Por consolarme, e froito tamén da miña inseguridade vital, ás veces repítome que só aprende o que escoita, e nunca o que fala. A menos que un acabe escoitándose a si mesmo, só polo gusto puro de falar, que aí xa son outros lópez.










Se berro soedades aterido
Se penso en agonías, se me afogo
Se podo así aprazarte para logo
Se chamo á sensatez perdendo o tino
Se esquezo a necesaria compañía
Se dou para as urxencias a reserva
Es ti, ti que me faltas, esa perda
Es ti na miña ausencia de alegría.


Es ti que fas o mundo convencido
Es, si, só ese fin: o que eu prefiro.











.



segunda-feira, 7 de maio de 2012

Cartos




Como contamos os cartos?

Todos de distinta maneira, e non falo de Bankia, nin  dos cartos que nos está a supoñer.
Eu vexo agora que algúns contan por números negativos sumando todas aquelas cantidades  inexistentes que deberían posuír para non térense que humillar ante a vida. Que difícil resulta recoñecer a impotencia, renderse sen máis a unha derrota implacable. Se por un casual acabamos por poñerlle nomes á pobreza, se no medio nos dan conta da necesidade de leite que un precisa na casa durante un mes, ou mesmo do número de cueiros mínimos necesarios para saír adiante, é moi fácil que a mente busque evadirse,  pensando no que non é, e máis rápido aínda que coas imaxes ás que nos poden levar os soños. 

Lembro hoxe, despois de ter lido  da aparición de dúas páxinas descoñecidas do Principiño, que unha das características dos adultos era o preocupármonos só por preguntas sobre números. Agora, nestes tempos, que algunhas persoas só lles atendan aos números é unha unha gran traxedia.










A min dádeme a vida que máis quero
porque todo o demais volo regalo
R. L. Stevenson


Soñamos realidades inventadas
futuros vistos antes da chegada,
billantes nos papeis que nos reparten
para actos relevantes a vivir.


Soñamos, por adultos e inexpertos,
instantes importantes fuxidíos
se compensan as horas de diario
das vidas que talvez non desexamos.


Soñamos, de maduros e infelices,
poder volver soñar.

















.



sexta-feira, 4 de maio de 2012

Simples







Véñenme á cabeza historias diferentes:
O neno que é o primeiro en ver espido ao emperador.
Hansel e Gretel pasando o óso  entre os  barrotes da porta.
A nena que dá a solución para que o camión pase baixo a ponte.
Scherezade.




Por que o máis sinxelo é o máis próximo á verdade?














O soño era agardar á  alba do día
enchido de esperanza o pensamento
tan  vívido o  amor de tempo lento
tan cálida e feliz era a harmonía.


O corpo a regalar coñecemento
en frases que pronuncia  na  caricia
librando do pecado da avaricia
temeroso de infernos sen tormento.


Dura máis cá vida un só momento
se colle o que se ofrece na paixón
agasallo fugaz no seu contento
despertos os sentidos á emoción
que volverá a tenrura  en alimento
roubando así das horas o seu son.
























.