domingo, 18 de dezembro de 2016

Caín



Calquera ha de matarme (se me prende).

O concepto da culpa por veces ocúpame. Afortunadamente non moito, a verdade; mesmo menos do que debería, quizais. Pero, si, de cando en vez, párome a pensar niso da culpa, do pecado, do perdón...


Penso nesa xente que vive pegada á relixión, que fai procesión de fe, que respecta canto os seus dogmas establecen e que trata de gañar un ceo no que di crer, esquecéndose do chan polo que se arrastra, e polo que reparte mentira e iniquidade  sendo ruín a diario, para  poñer  na fin de semana o traxe de pureza e devoción. 

Esas das que falo, esas persoas que todos coñecemos, como o levarán? Será verdade que con confesar a culpa, con recoñecer o delito e saberse merecedores de castigo, poderán amañalo?; ou mesmo cun par de rezos ou cun par de puñadas pectorais de contrición! Mira que se é así, e se por riba teñen máis mérito que todos aqueles que nunca mal fixeron, que aquella xente que nada tén de que arrepentirse... 

Non sei, pero a min a verdade é que me gustaría que lles pasase, aquí, na terra, o que dicía Caín, máis que nada por se ao final vai e tócalles xusto a elas desfrutar de paraísos. 






A vinganza son mil actos feitos culpa.

O castigo vén de seu.


Perdidos,
derrotados nas batallas padecidas 
sen querer nelas loitar.

Cansos,
esgotadas as finitas ilusións
consumidas en fracasos de optimismo.

Tristes,
desgustados sabedores do esquivo da razón
xorda  xustiza.

Humillados,
pésimos actores neses dramas
do teatro  máis real.

Vencidos,
invadidos por xenreiras,
consumidos por rancores
viscerais
na enerxía que nos volve non mellores
que aquel que a provocou.

Aí,
vivindo na compaña da derrota do que fomos
e no acre que ha de ser.

Ata a victoria sempre
che, amigo, compañeiro.
E sen perdón.


































.
















sábado, 10 de dezembro de 2016

Presépio








       Andamos acelerados, con moita velocidade e case sen tempo a pararnos fóra do imprescindible. Eu, coma todos; así que non é de estrañar que de cando en vez, e se o traballo o permite, adique parte do tempo vital ao pracer de ver. Observar o que pasa desapercibido ao noso redor, atopar algún detalle agochado no que non caía de primeiro, ter a sensación de que percibo, que sinto e padezo, que non son simplemente un vulto con funcións vitais primarias. Inténtoo, de verdade, e por veces sácolle un certo proveito. 

         Estes días andei polo país veciño, aquí mesmo ao lado. Mais eu vino moi lonxe, polo menos no pensamento. Velos a eles, verlles a súa relixiosidade neste tempo de Natal, a súa fervorosa paixón polas igrexa, con eses edificios que rematan por ubicar sempre no cume do monte máis alto que teñan á vista, sabelos moi crentes, non me facía pensar na querencia tan absoluta que teñen polos presépios, como eles lles chaman. Beléns por todas partes: enormes todos, os grandes e os pequenos, con figuras de todos os tamaños e de todos os materiais. Exteriores, sen que lles importe a climatoloxía, e abertos, accesibles ao público sen necesidade de desembolsar un só céntimo. Algúns fermosos na súa delicadeza, outros atractivos por presentaren en miniatura os monumentos máis prezados da vila ou cidade que representan; iso si, coa mestura correspondente das escenas de deserto que por estas terras é imposible ver. Impactantes, abofé. 
         
           Camiño de Bragança, desde Chaves, e un pouco antes de Vinhais, nunha aldea de nome perdido na néboa da mañá de decembro na que pasei, intuín, debido á pouca visibilidade, o nacemento máis inusual de cantos observei. Nunha rotonda, protexido polos indicadores de dirección e utilizando o resalte proporcionado polo círculo interior, estaba un nacemento tamaño natural. Non crin o que vían mal os ollos.  Pasei a rotonda seguindo as indicacións do GPS e algo máis adiante decidín dar volta. A voz da muller que nos guía no aparello non facía máis que avisar me que volvese virar, que ía en sentido contrario; pero non me resistín e non lle fixen caso, volvín á rotonda e fíxenlle unha foto, máis que nada para asegurarme de que non era unha alucinación, que alí estaba o belén, o presépio, e que a vista non me enganaba. Un nacemento  ao frío, padecendo unha mañá de catro graos e de néboa espesa, e co neno xa no berce, por máis que faltasen quince día para o día de natal propiamente dito.











Perdemos emocións
no día a día
na présa que non deixa ver os fríos
no tempo desa fuga pouco atenta
no aire en disimulo 
do que atende a como caen as follas 
e se murchan.

Vanse os sentimentos diluíndo
e pérdense nas néboas mil sonidos.

A quen queremos nós,
a quen o aprezo?

Xogamos as partidas entregados,
e, si, 
o sangue é noso en cada acción,
sangue, pel, suor, temor,
enteiros, 
decididos, 
por crer cada segundo o máis vital.
























.