sexta-feira, 20 de maio de 2011

Linguas



Estoume  convencendo de que á lingua galega pérdea a boca. Cada vez fálase menos en galego porque a boca anda ocupada noutras cousas.
O mesmo día 17 de maio, o galego non ocupou tempo no telediario da Sexta, e si o ocupou a XXI Edición daTortilla Xigante de Carcacía. Creo que era enorme, viña a pesar 2.200 quilos, pero non sobrou nin a proba, porque había unha chea de xente ocupada en zampala antes de que os anacos, que lles servían con paleta de albanel, perdesen o equilibrio imperfecto que acadaban nos pratos de plástico, característicos de toda romaxe popular campestre que se estime.
A Sexta contou a nova máis importante de Galicia en detalle e non nos podemos queixar. Carcacía non está en Guadalajara, é unha aldea do concello de Padrón, ao pé mesmo da cidade de Santiago e, o martes 17 de maio, foi o lugar de Galicia onde máis xente se reuniu. Moitos máis que en calquera das cidades onde se celebraron as letras, e mesmo máis ca en Monforte, a onde foron as autoridades a falar de Lois Pereiro.
Nós vivimos pola boca, e somos universais por ela. Non nos podemos queixar, de Padrón son tamén os pementos máis famosos do mundo.







Non estamos, non levamos,
Que deixamos ao marchar?

Unha luz que non se acende
Un lume que xa non arde
En ocos que empequenecen
Pouco a pouco, sen tardar…








.


Sem comentários:

Enviar um comentário