segunda-feira, 10 de agosto de 2015

Pombas

   

   Estes días de verán propician que un ande con máis tempo por fóra e mesmo que poida pararse a observar pequenos cambios aos que, noutras condicións, non lles presta excesiva atención. 

   A horta está seca, non chove e iso nótase na terra que se abre sedenta por ver se así recolle algo do resío fresco que poida traer a noite. As herbas amarelean, algunhas follas secan antes de tempo, a froita non dá medrado e en todo vemos falta de auga. 

  As verzas non son excepción. As poucas coles que teño plantadas non producen todas as verzas que quererían coellos e galiñas, se llelas dese a fartar, e por riba agora vense todas comidas por canto becho debe haber, mesmo con aspecto de cribo, con máis superficie destinada a furados que partes de verde. E medio murchas. Tan mal se ven que nelas non destaca que rompan de cando en vez algunhas follas, coma se nin forzas tivesen para aguantar o seu propio peso. 

   Os paxaros andan por toda a horta, mais a necesidade de comida atráeos por alí, polas coles, pois preto teño un bieiteiro, e os seus froitos son apetitosos para as aves en xeral; nótase ben porque, cando lles abro, as galiñas marchan a toda velocidade desde o galiñeiro ata xusto debaixo da árbore, coméndolle todo canto froito lle cae, incluso as carabuñas, inmunes a esa cor renegrida que ameaza con tinguilas enteiras e facer que poñan ovos da cor do viño tinto. 

   Ao que ía, por alí paxaros hai; pero, hoxe mesmo, souben quen me comía as coles, e quen lles rompía as follas. As pombas. Vin unha pomba preciosa, ben mantida e excesivamente pesada que atopaba as verzas suculentas, e non semellaba ter nada dese estrés que seica lles damos as persoas coa nosa presenza; estivo cómoda e tranquila ao seu, por máis que me vise preto; a pomba comeu con peteirazos certeiros na folla que tiña diante ata que cansou, e despois de arrotar, que eu xuraría que botou un par de arrotos con satisfacción (que non eran arrolos, non, que eses soan doutra maneira) marchou voando, cunha potencia e un estrondo que deixou á folla na que pousaba rota, do mesmo xeito que outras que apareceran en días anteriores.

   Non me queixo. De pequeno, meu avó dicíame sempre que o froito das árbores había que compartilo cos paxaros, que tamén eran de deus, coma nós. Creo que el dicía paxaros e árbores; pero debía estar pensando en animais e plantas,  en xeral. Así que aí polo outubro, cando plante as coles deste ano, aumentarei a cantidade para que non haxa problemas coa cota a compartir. 

Nota:- As pombas deben parecerse máis ás galiñas que aos paxaros, tal e como din os libros, porque as verzas cómenas da mesma maneira e con igual voracidade.
















Na miña horta
veñen ás coles todas as pombas.

Pombas, galiñas,
pulgóns e vermes… todos ao verde!

Verde que eu planto
insuficiente se o queren tantos. 

Tantos o comen
que no outono porei máis coles.

Coles de outono…

E cando medren

eu terei caldo, verzas pra eles!













.