sexta-feira, 26 de fevereiro de 2016

Pasado



Nunha destas conversas virtuais que nin conversas son, poñíanme aquel verso de que “nuestras vidas son los ríos…” e a min veume á cabeza, polo efecto ese de contaxio que teñen as cousas, outra parte do poema na que teño reparado máis dunha vez “…cómo, a nuestro parecer// cualquier tiempo pasado// fue mejor.”

Nunca o crin, nin hoxe o creo. 

A nosa evolución, o noso camiño, as necesidades diarias que nos levan, aínda que non sexa máis que por curiosidade, a actuar de modos imprevistos, a non repetir o pasado, por vello, por caduco, por demasiado experimentado ou mesmo por excesivamente imposto, proporciónanos o pracer do descubrimento, o goce do descoñecido ou a satisfacción da conquista. Que polo medio obteñamos algún que outro erro, non deixa de ser un aliciente máis para esa grande novidade que debe ser o futuro.

Vén todo isto a conto  dun escrito que lin hai media hora, e no que se evocaba o erotismo que rodeaba as relacións da xuventude, e a perda del nos tempos actuais. Xusto como ameazaba o poeta. Pero non, eu non podo concordar con esa perda da pulsión erótica dos nosos adolescentes. Máis ben aseguro esa ausencia nas persoas que hai anos foron adolescentes e hoxe, e neles, o erotismo transformouse nun  recordo vago e difuso, tan diluído que pode acabar transmutado en calquera outra sensación que, coa perda de vista que regalan, os anos levan a tomar por erotismo. Curiosamente, ese erotismo que eles ven perdido, aparéceselles claro e explícito en  "Un día de campo", película de Renoir que resiste, casualmente, ben peor o paso do tempo que o relato de Maupassant no que se basea.

Non. O poeta debería estar errado, porque,  ao meu humilde parecer, cada tempo por vivir  ha ser mellor.






















O círculo da historia que nos leva
por veces tén parada afortunada
detense 
e hai foto  fixa
imaxes de certeza creadora
cambiando paisaxes do disgusto.

Subidos xa no círculo outravolta
as escenas recupéranse de antigas 
sen paradas, 
non,
non é ese o tempo
onde nada se recorda no cambiado.

O círculo avanza indiferente
con outros a pararen na fortuna;
enténdese por fin o que aquí somos 
sabendo,
que máis dá!

onde nós imos.





















.