sexta-feira, 20 de dezembro de 2013

Abecedario

Como as noticias que me chegan estes días non me dan a menor felicidade, ocórreseme empezar agora un vocabulario básico para andar pola vida, con ánimo e sen el. Ou sexa coma a roupa de diario, que estivo ben, e pode pasar, e por riba aínda di máis do que finxe. A vida. As necesidades e os gustos. Os efectos de pensar en se mover, e comezar algo sen interese. Ou da ansiedade do que nos tarda tanto que xa non sabemos se o imos ter. Se a primeira palabra que se me ocorre é amor, a última está próxima a zas ou zoquete. Veremos que cae, pois.

A
AMOR


Vivimos pensando que é a palabra fundamental para gobernar a nosa vida, guiando as nosas accións cara a destinos queridos. No soño de crernos donos das decisións que nos afectan somos quen a dar o que non temos, a prometer o que sabemos que non habemos cumprir e mesmo tentar ensinar que seremos como non somos. E, ao modo de calquera outra forma de enerxía, un día, xusto cando máis  andamos a precisar que nada cambie, vai e remata, sen que nós saibamos que é o que había e  non hai; que desapareceu sen que nós chegásemos a decatarnos.










Pensando no recordo que esvaece
nas noites que nos traen estes días,
no silencio que devora desde o aire
todo canto foi o ben achado.


Hei de repetir unha e outra vez
no feito de sentirme afortunado.
O amor estivo aquí.
Viviu comigo.


O amor estivo aquí e trouxo nome
ao darme todo aquilo que é preciso,
aos ollos esa luz que así repara,
á voz o tenro alento do aloumiño.


Aquí quedou amor por compañía
vivindo  incertas horas de agonía.



























.




sexta-feira, 13 de dezembro de 2013

Eurovegas



      Seica hoxe mingua a noite e medra o día. Para nós, para todos, creo que vén sendo así. A nova de que Eurovegas acabe por non estar en Madrid fai que algo, queirámolo ou non, medre o día. Xa non todo é tan escuro como ameazaba.


     Bo día, pois, para lembrar algunhas das declaracións dos políticos madrileños metidos ata riba na morralla que toda esa cidade suporía. E mesmo tamén para lembrar as posicións rapidamente adoptadas polos medios de comunicación defendendo os intereses que máis lles acaían.


     Por se algún remorso quedase do investimento que non se fará nunca, abonda con pensar que hai fins que nunca xustificarían nada (aínda que esteamos a adaptar este tópico ás nosas necesidades).
                                                             

                                                                         PD.- Unha sorte a hemeroteca de diarios.es












A fame cambia de nomes...
mentres mantén apelidos.


Por sempre a mesma fame
comendo a mesma xente.
Espallarase no mundo
afastada aos recunchos miserentos,
nin cheiro nin fedor
na boa mesa,
no xantar daquel que a puxo lonxe.


Moverase no medio da inmundicia
acomodada
no baixo da voz que a representa
na que clama.


De crelo un espellismo,
de verse libre,
invisible fame ocupa outros lugares
iguais así a este mundo,
levando os apelidos que son seus.




















.

quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

Animais

Temos agora tres galiñas e un galo. A verdade é que hai máis de tres meses que só nos quedan esas catro aves: tres galiñas poñedeiras e un galo araucano. Cada día dámoslles comida en abundancia e recibimos delas un ovo. Un solitario ovo ao día. Para nós chega, pero vaia, tamén nos apetece regalalos de cando en vez. E non hai maneira. Ata algún que outro día quedamos sen ovo. Nada de nada. Dous poñedoiros enormes e baleiros. Con paciencia e método acabamos por saber cal das galiñas é a que pon. Collémola con coidado e marcámola cunha cinta nunha pata, puxémoslla verde para que non se lle note moito entre a herba, cando anda a pasear polo medio da horta, e aí segue. Ela, e as outras. Con todo, un vailles collendo cariño. Ata o mesmo can llelo ten. Cando lle toca a López un anaco de codia das que lles dou aos coellos e a el cáenlle as faragullas da boca xa na primeira trabada, as galiñas corren decididas a comelas ao seu lado, sen medo ningún, e sen apartárense do can para nada; a menos que o anaco caído sexa grande e dea para varios bocados, que aí si, pois nese caso marchan a saltiños a peteiralo lonxe, non vaia ser que o can lles faga o mesmo a elas. Sabendo cales non poñen, a idea era poder facer unha sopiña, para o frío. Ou mesmo un caldo limpo; pero, non somos capaces, e rematamos levando á pota as de coren que nos venden na tenda.

O que nos ocorre coas galiñas non nos estraña. Estamos afeitos a que nos pase tamén cos outros animais. Os mesmos coellos afanse de tal maneira a nós e agardan polas nosas visitas con tanta atención, que tamén nos teñen gañado o cariño. E actuamos mesmo como dicía Pavlov: eles saúdannos, érguense nas patas de atrás e asoman as cabezas polas portas, agardando a que os toquemos, cousa que nós facemos obedientes. É tal a familiaridade que temos uns cos outros, que moitos deles prefiren a comida colléndoa na nosa man, sexa a que sexa, e dando unhas trabadiñas na nosa pel de cando en cando, coma se desexasen darnos os bicos de agradecemento que a nosa relación merece.


 Véndonos a diario con estes costumes, as pegas, sempre atentas a todo o que pasa no seu territorio, andan atarefadas en pertencer á nosa gran familia, e xa son quen de comer o penso dos gatos ou do can namentres eles, tumbados ao seu lado, as miran fartos e compracidos da vida pacífica e sosegada que lles tocou vivir.





Galiñeiros de broma,
divertimentos;
cariños regalados,
encantamentos.






.







sábado, 7 de dezembro de 2013

Egos


Como nos vemos e como nos verán.

Cada día que pasa estou máis convencido que creamos burbullas aillantes nas que nos metemos e nas que atopamos o reflexo da imaxe que desexamos para convencernos de que en realidade somos xusto como nós pensamos. E non é. Ou non soe ser en moitos casos, polo que, se extrapolamos, é probable que no noso caso tampouco.

A autoestima, esa protección necesaria para saír da casa tódalas mañás coa mínima enerxía precisa para afrontar un día que non se prevé moi diferente dos acabados de vivir, acaba por non ser máis que a falacia na que nos abrigamos e na que imos caer por puro (e imprescindible) egoísmo. E todo vai ben, menos cando, para que nós sobrevivamos, non queda outra que ir mutilando cabezas por entre os que nos rodean. Iso si, quede claro que non é por mal,  só o facemos por pura supervivencia.

E para maior abondamento:







Intempestiva
a rabia conquista o seu terreo,
rápido é o avance,
brutal na impiedade.


A rabia faise sangue turbulento
anega cada poro
e alenta na intención
que mal goberna.


A rabia necesaria,
sen perdón,
gardada polos tempos silenciosos.


A rabia que consume e que dá forzas,
maldade necesaria
na milagre da bendita violencia.















.