terça-feira, 22 de dezembro de 2015

Profundando e profundando





Profundando coma o outro. A reflexión profunda, como tén que ser. Nós non facemos autocrítica. Para que? A política só pode facerse politicamente correcta. Non se move nada nun país que tén como última necesidade a autoinmolación. Vaise ao martirio para conservar a virxindade, a pureza. Os ideais non se poden manchar e un ha renunciar antes á vida que aos sinais de identidade. El honor es patrimonio del alma, y el alma sólo es de Dios; traxicómico, si, pero porque isto é puro teatro; e tamén é de seminaristas que teñen falado de máis de alma, de honra, de Deus. 

Faise dificilísimo entender que todos os nosos referentes como país teñan que retrotraerse a tempos pasados. Seguimos botando os ollos atrás e apostando por un mundo idílico e rural, fermoso e amable, coa terra como parte de todos nós, como matria, seica. Iso é o que ilusiona, o que conmove. E as nosas raíces ancoradas nela tan profundamente que separarnos, movernos ou simplemente andar, significa romper co Edén e dar comezo inmediato ao laio da saudade, da morriña, da dor da perda insuperable e ao nacemento do soño do regreso. E agora xa non hai volta. 

Por moito feísmo que vexamos, por moita mala industria espallada nos lugares máis insospeitados, deberiamos deixar de buscar quen fomos e pensar quen queremos ser, e como o imos conseguir. Futuro, vida, adaptación aos tempos ou simplemente supervivencia. Primeiro comamos para garantir que sobrevivimos, e cando xa non teñamos fame, se se dá o caso, empecemos a pensar nos nosos deuses, mesmo ata nos deuses pasados. E inda poderán profundar todos os que o desexen. E se para entón volvemos precisar heroes e fillos e fillas da nosa matria, a por eles! 

Namentres, a comer e a calar humildes, por se despois, de casualidade, se pode empezar a deixar de chorar.














Crenzas

¿Que chuvia cae do ceo  conmovida
a prestar as frescuras agardadas,
tan suave no  momento da caída,
e tan tenaz nas horas empregadas?
¿Que lágrima ha saír da despedida
mollándonos as almas derramadas
en amores de idea perseguida
con dores para  vidas rematadas?
¿Que chuvia é a que lava o acabado
con bágoas de cariño magoado?



















.

domingo, 20 de dezembro de 2015

Profundando




É sábado. Si. O día do barbeiro.

Días de políticos, nos que nos obrigan a escoitar un cento de veces a palabra reflexión, adornada, ademais, co tempo dunha xornada completa, e nos que non deixa de virme á cabeza a historia que contaba Castelao: o caso daquel barbeiro de sábado amante de todos os libros que non entendía, e que lía de principio a fin. Ao barbeiro, seica, era doado atopalo coa cabeza entre as mans, case ao xeito do pensador de Rodin, laiándose de non saber, pero “profundando”.

Eu tamén profundo nestes tempos. 

Debo tomar decisións, e pérdome en lecturas, todas, que sigo sen entender. Dedico a xornada a reflexionar unha acción ao parecer  importante e fundamental. E logo, no luns, presumo que, outra vez coma no conto, irei catro anos máis baixo terra sabendo, despois si, que un xa o sabe todo.







A margaridiña mira
onde se pode pousar,
ten as cores tan brillantes
que non as quere manchar.