segunda-feira, 27 de junho de 2011

Bares


Aparvado. Ando aparvado.

Lin enteiro o artigo do Xornal dedicado á entrevista con Vázquez Portomeñe. Antes si que había mentes preclaras e homes decididos e intelixentes. Mira que tomar uns viños, galegos, claro, e entre grolo e grolo, aproveitando algunha tapiña de minchas ou pementiños, por cousa das enerxías necesarias, e dándolle digno uso aos gardanapos, trazar todo o plan directorio do Xacobeo nunhas liñas apuradas e concisas. Eso si, foron tantas as servilletiñas usadas que houbo que encargarlle á compaña que as gardase e transportase para llas entregar ao día seguinte no traballo. Tal e como o dilixente subordinado ou subordinada fixo (ao mellor era muller, por eso de saír de copas).

Dos panos de mesa a unha sinopse curta e contundente en papel normal (imaxino que das celulosas de Pontevedra, para que todo quede en Galicia) e ao Xefe, para que dea a autorización necesaria. Iluminado el como era, a resposta xa a sabemos todos... E a de Rouco.... E os beneficios...

E eu que teño parado no Gato Negro para ocuparme coas cuncas de ribeiro e os berberechos, e nunca  me chamou o de  usarlle o papel para escribir!

Aparvado non ando, realmente sigo aparvado desde hai ben tempo.






Lonxe, debuxándose na noite
unen os seus brillos diferentes
collen os espazos máis baleiros
e déixanlles perdidas as memorias.
Soas: fugas vitais, tristes destinos.


Simbiose de calor e máis de luz
obsequio dos seus raios fulgurantes
lenes na lembranza evocadora
encadeada sempre ao seu desexo
súplica nacida coa invernía.


Encaixe dos soños máis brillantes
suspiros nos silencios máis nocturnos.
terras que nos dan a fantasía
regalada en lazos cheos de sol
enviada por ensinarnos os camiños
lugares na distancia inaccesibles
achegados coa maxia da ficción
seducindo as vontades e a intención.









.

quinta-feira, 23 de junho de 2011

Circos

Ir a un circo con moitos nenos é un puro espectáculo de maxia e alegría. Ver nos ollos dos nenos mundos de ilusión, oír risas aceleradas e desinhibidas, desde o comezo da función ata o remate mesmo, é coma sufrir o contaxio da alegría á que un non é capaz de negarse. Non importa que o circo sexa grande ou pequeno, que os artistas sexan polifacéticos ou grandes especialistas na difícil arte circense, se o circo tén os nenos, tén xa o necesario para que a función saia adiante. Ver un neno que se abriga por primeira vez debaixo dunha carpa, que entra con medo ao descoñecido e vai abrindo os ollos paulatinamente, ata ceibar libre as primeira gargalladas, mesturándoas coas bagoas que aínda lle humedecen as meixelas, é unha gratificadora experiencia para calquera adulto que teña ocasión de contemplalo. E abofé que tamén esto nos trae a nós á infancia.









Eu quero ser teu amigo
Desde o día en que te vin
Sabendo que se te miro
Podo ver un querubín

Quen che regalou os ollos,
quen che puxo esa color
sabía que con crearte
o que deixaba era amor.

Amor que vemos en ti
Cada vez que te miramos
Cando sabemos que ris
E se é que te escoitamos.

Amor ao teu lado traes
Véndose tan ben contigo
Non é ningunha miragre
Que teñas ao amor de amigo.









.

sexta-feira, 17 de junho de 2011

Premonición




Pois aí veñen.

Sempre pensei que o do poema ese famoso tiña razón, pero cada vez síntoo máis claro. Primeiro foron os da construción, pero eu non era albanel. Logo tocoulles aos inmigrantes, pero eu non era inmigrante. Agora veñen polos …

En realidade non han vir polos banqueiros, nin tampouco corren perigo os políticos, e menos as multinacionais. Van vir polos indignados; menos mal que eu xa nin siquera me indigno.
















Esquécese o  honor detrás de muros,
de pedras que recordan a opresión,
paredes nas cadeas da ignominia
 nas tebras que escurecerán a vida.

Non lembran as razóns do pesadelo,
ignoran os valores que son causa
usada como un  fin que  xustifica
perversa condición no ser humano.

Poñámolos moi lonxe e afastados
perdidos de camiño para a volta,
segredo inconfesable coñecido
en  ángulos máis mortos cá razón. 

















.

terça-feira, 14 de junho de 2011

Árbores



Si. Pódese pasar o tempo facendo as cousas máis sinxelas e obtendo delas praceres curiosos. Non sei se foi polo de ter subido á cerdeira, pero esa experiencia elevada quedou levitándome durante un tempo e facéndome ir pola horta en busca doutra árbore resistente, á que lle deixar só algúns froitos despistados para acougo de merlos famentos. E atopeina. Un nixareiro gande e fermoso, con follas de cor morada, que fun podando e amañando de xeito que se abrise a unha sombra propicia par a a lectura de verán, coa vista do mar ao fondo. Cando o prantei, puxen dúas arboriñas xuntas. Non pegadas, pero xuntas, de tal xeito que ao medrar fosen entrelazando as súas pólas, tal  e como eu fun entrelazando as miñas. Agora as dúas son unha soa, de pegadas que están, e de maneira que un non poida saber moi ben cal froito é de quen. E lévanme, quero dicir que levan ben, esas pólas das que falo, todo o meu peso, e amósanse como un seguro soporte cando, subido a elas,  comezo a sentirme máis grande do que en realidade son. Ou cando, acollido o meu lombo pola cortiza firme do toro, son capaz de descansar das miñas batallas imaxinarias.

Si. Collín un paxe de aro de níxaros, e vou facer con eles algo semellante ao que fan os do Salnés cos mirabeles, xa que estes tamén son mirabeles, aínda que colorados, xogando a esconderse nas follas vermellas. Debín coller case catro quilos, creo. Pero en realidade este froito non é o que máis me interesa das árbores. Penso que aprezo moito máis o resto.





Estou en ti
Paseo nas cadeiras cuando andas
camiños case ignotos, nese paso
que move moi a modo así a conciencia,
deixándolle gozar novas paisaxes.

Observo atentamente cada imaxe
camuflado nesas manchas do teu iris,
por ver a información que, no  cerebro,
conmove esa  alma branca cando miras.

Busco abrigo no ceo da túa boca,
transformado en papila gustativa,
coñézoche os aromas e os  sabores
se, na lingua,  desatan a  paixón.

Ás veces caracol, nunca martelo,
refuxiado no oído,  recollido,
oíndo os bisbiseos desexados,
por medo que se perda algún sonido.

E aló polas mañás, cando ti cantas,
gardado na túa gorxa, como corda
vibrante, tensa e firme, pero débil,
podo dar cualquera nota que ti pidas.

O perigo na túa  pel non me obsesiona,
pois no baño, tendo a ducha refrescante,
serei célula  tan núa  coma ti
agardando  por caricias  de auga lenta.



Seguro que estarei no corazón,

e anque cambie  de lugar, serei eu mesmo
renovado, intentando comprender
por qué  eu  estou en ti.  Estou en ti.















.


domingo, 12 de junho de 2011

Opinión



Nunha sobremesa agradable explicáronme  hoxe algo da teoría de supercordas e, horas máis tarde, pensando no asunto e nas moitas analoxías que atopei, acabei  volvendo ao sábado pasado, o sábado catro de xuño de 2011, e ao Auditorio de Narón, para asistir a unha función do grupo Animalario, nada menos.

Impresionoume o auditorio. É feo con gañas, pero monumental. Creo que cada época trae debaixo do brazo a súa arquitectura, e nesas datas do ladrillo infame e premiserento, o que mellor lle cadraba para estes fins eran edificios enormes, grandísimos, con moitos ocos imposibles de utilizar, pero de tamaño descomunal. Ven sendo algo coherente, mamotretos que asombren e nos ensinen o insignificantes que somos ante estas barbaridades. E se nós somos insignificantes, a nosa opinión vólvese inaudible, tal e como corresponde tamén.

A obra, Penumbra, en consonancia co marco: abondábanlle os vinte primeiros minutos, e quedaría como un bo exemplo de traballo de actores, sen máis.

De todas maneiras, nin eu mesmo me fago moito caso, e terei que ver por aí o que din as persoas que saben de arquitectura e teatro. Non vaia ser que me acabe nacendo o pensamento propio. Claro que ao mellor pásame o mesmo co teatro que coa teoría das supercordas, porque mira que me custa pensar en imaxinar algo máis que tres dimensións! (Vale, concedo catro)







Público expectante no teatro.


Ao  fondo moito plástico,
por diante casa en ocos,
con ventá e cunha porta, de madeira;
tamén porche,
simulado,
e casa máis pequena,
lonxe, pero ao lado.

Actores suman cinco
Contando o monicreque,
Monigote como neno manexado.
A cousa é soñar soños
Contados e finxidos,
Mais cridos
E vividos
Por  un público entregado.


Nin un sitio baleiro no auditorio,
Gastados eses euros
Pola fama,
Dos actores.

Aquilo non se entende,
Non ten xeito,
Todos  mudos,
calados coma petos,
boca aberta,
ollos coma pratos.

Acción?
Todo era acción:
Había un matrimonio,
Había malos tratos,
Había unha loucura
Tamén neto e  avós.
Quizás había protesta,
Tal vez houbese praia polo que eles dicían
Ou por ver á muller vestir un bañador…
Incluso un barco había,
E tiña capitana,
E máis tripulación.

E todo foi a pique,
E o barco naufragou…
Igualiño que a obra,
Coma os espectadores,
Idéntico final
Excepto...
Para quen?
Para a do “bravo!”
Berrado en voz moi alta,
Desde a primeira fila
E así óese moi ben.
Resoa entre os aplausos
Que a xente dá sen gañas
De que se poida ver
Que aquilo non se entende,
Que como se ha coller…!








E os títeres soñando
nas mans do produtor
que move todo paso
no espectro da  ilusión.














.

sexta-feira, 10 de junho de 2011

Melancolía

Un anda suspirando por aí sen saber siquera os ais que dá. A melancolía debe ser un aire  vago que se pega a nós en ocasións e fai que notemos a falta de cousas que nunca tivemos. Ou a min parécemo, porque de cando en veces suspiro, según me din, e cando fago inventario non noto nada a faltar. E crer, creo que algo de melancólico traen estes días morriñentos que non se aclaran definitivamente, sen nos deixar  chegar o verán agardado.  




P1030068






IV
Empezando polo pé
e rematando no pelo,
se  bonito é o que se ve
felicidade é querelo!


V
Nos teus ollos recollido
vexo un mundo de colores, 
mundo alegre e divertido,
en ollos prometedores.





.

segunda-feira, 6 de junho de 2011

Verán

Non se lle pode facer caso ás estacións. Din que a primavera dura ata o vinte e un de xuño, e estes días de agora traen un sol e unhas temperaturas propias do verán. Mesmo parecen avisarnos de que hai que coller vacacións e facelas verán total. Sen présas, prolongando as tardes ata sacarlle proveito á noite e deixando que o corpo se desorganice e non saiba moi ben a que hora debe reclamar as distintas atencións rutinarias aprendidas maquinalmente no tempo do traballo.
As fins de semana empezan a ser máis curtas, e os luns a coller esas caras de pouca risa e ollo baixo que non convida precisamente a sentir fermoso o comezo da xornada.
Por favor, que veña o verán!
Rápido!






Soña o mar  o teu ser en aloumiño
Dan as ondas as  ausencias e  non doen
Nas feridas que o sal volve lamento
Mariñeira como eras nese mundo
Navegándoo sen portos para o acougo
Con velas moi lixeiras coma as
Para sempre despregadas moi abertas
A cubriren con estrelas  o desvelo
Producido neste tempo de evocarte.










.


sábado, 4 de junho de 2011

Catro

Os días resultan especiais cando nós os asociamos ao cariño, cando lles damos parte do noso sentimento facéndoos diferentes e por completo distintos. A felicidade xúntase a eles, a alegría a nós, as distancias desaparecen e, ao escapar de ocupacións persoais, as horas e os segundos ilumínanse dun xeito brillante.

Por un día especialmente feliz!











Vendo a hedra convencinme

Que, de poder escoller,
Vivir coa aperta de alguén
É un bo modo de querer.

A hedra non só se apreta,
Tamén tapa coa súa folla
Faise forte se é que abriga
E non deixa ao que a acolla

Hedra volvereime o día
En que me vexa ao teu lado
Hedra forte, decidida
A entregarme nun abrazo.









.







quinta-feira, 2 de junho de 2011

Cerdeiras



Fun máis novo por un tempo. Fun ás cereixas e volvinme neno. Subín á cerdeira co paxe de aro e o seu gancho, convenientemente armado co meu cambito. Deixei o medo no chan e ascendín para ver o mundo un pouco desde arriba. Non me imaxinei paxaro, seguramente polo peso, pero as pólas da árbore tamén abanearon comigo. Gustoume ver Ombre coas cerdeiras a verter tódalas gamas posibles e imaxinables de vermello. Eu vinas roibas e verdes, danzando coa brisa nunha soleada tarde de xuño, e cos ruídos sen présa dunha aldea atarefada en pequenos traballos rutinarios. Ata os sons dos tractores que se oían, por veces, ao lonxe, case mesturados con algunha voz viaxeira do vento, humana ou animal, quen sabe!, estaban  integrados nos recordos revividos. Todo, todos. E lembrei cando en días coma este, e sobre todo na fin de semana, as mulleres expoñían os seus paxes de asas na beira da estrada, por se algún dos veraneantes, que naquelas datas aínda non acadaran a categoría de turistas, paraba para mercalas, probablemente a un prezo un pouco maior do que lles pagarían na vila. Só  botei de menos as voces da xente familiar, e aí foi onde me chegou a tristeza a mesturárseme co doce das cereixas que comía de cando en vez. Pero ben, pouco a pouco e sen saber como, os recordos de todo e de todos, contaxiados pola froita,  acabaron por ser tamén doces e felices. Ao mellor ata acaba sendo certo que recordar é vivir dúas veces.








II
Eu non quero despedidas,
aínda sigo sendo ateo,
se podo mirarche as ligas
estou mellor ca no ceo.


III
Baixa as medias pouco a pouco
e vólveas en calcetíns
mirando como relouco
sabendo o que es para min.







quarta-feira, 1 de junho de 2011

Bandeiras

Canto menos se fala, menos se escribe, e canto menos se le, máis contento está un.

Empeza o tempo de praia; a época estival quere estar con nós e xa anda o sol a quentarnos o suficiente como para que visitemos os nosos areais e nos deamos uns chapuzóns saudables. Se ademais temos en conta que andamos rodeados de costa por todas partes, que as nosas praias non confunden a area coa pedra, que por aquí non nos visitan as medusas con facilidade, que non hai perigosos tabeiróns a darnos sustos e que contamos con cento trinta bandeiras azuis (e non falo dos políticos), quen ha ser capaz de se resistir ao baño?

Pero ler, o que dicía, non convén. Resulta agora que as bandeiras azuis da comunidade europea non as daba a comunidade europea, e si unha entidade privada sen ánimo de lucro, que recibe da Xunta corenta mil euros…

Lendo máis, as declaracións do alcalde de Ribadeo, dicindo que a praia das Catedrais perdeu a bandeira por cousiñas que veñen sendo peccata minuta, anticipan as propostas do alcalde de Miño, que, sen praia azul, debe tremer polas urbanizacións sementadas no seu concello.

Que paguen!  


Perdón, paguemos!, que para eso estamos!





Paseo de tarde

















Xuño hanos dar o  seu san xoán,
sardiñas a se asaren nas cacheiras,
foliadas festexando días longos
amados polo sol en mil raxeiras.





.