domingo, 5 de fevereiro de 2012

enPORCarte?



As noticias, un día tras doutro, non deixan de darnos conta de xente que está a emporcarse día tras día, de xeito que, onde non ule mal, cheira abondo. Nada tén de estraño, así, que os de Lalín, Patria Pequena do país (no ámbito do porco e os seus derivados) anden nestas datas moi interesados en EmporcARTE, e o asunto pinta mal, por unha banda co cura, que lles censura algunha que outra obra, e por outra banda coa crise. A fame, nestes días de frío, xeo e neve, convida a comer quente, e a poder ser un cocidiño. Ante a necesidade, enxeño. 
A algún artista ocorréuselle que faltaban porcos por alí, por Compostela, Patria Popular (da arte, digo), e leváronos. Resultado: pois roubaron tamén os porcos. Estou convencido que polos lacóns e as orellas (por fame), aínda que hai quen me di que por non velos arte (nin parte tampouco), e terían razón, ao mellor fixérono seguindo criterios meramente estéticos, de xeito que se acabase co emporcamento da cidade (e para eso precisaríase que retirasen máis, afirmo); ou serán ladróns especializados en obras de arte con maiúsculas, emparentados talvez con esoutros que roubaran o Códice Calixtino, e dos que nada se sabe?
O futuro, aos mangantes, presúmeselles bo. Nestes tempos de crise e recortes amplos no sector funcionarial non han destinarse medios para recuperar as obras (nin as sobras), sendo que dentro do sector artístico as nosas inquedanzas e esforzos van encamiñados á arte da tauromaquia e non a un verraco máis ou menos dos que, para maior insignificancia dos actuais, xa viñan sendo feitos en boa pedra hai ben anos.
Nestes tempos pragmáticos e precarios, nos que tragamos con todo, un debe andar con coidado, e de facer unha instalación ao aire libre, que non sexa de algo de comer. Por favor. 








Noites con estrelas sobre negro
brancas, verdes, confiadas e amigables
Venden o perigo en cor vermella
con prazos en aviso intermitente.

Cansas de dar branco, as amarelas
falan da tristeza, en soedades
levadas mal con aires descarnados,
na fuga de lugares non felices.

Estradas desoladas nesas noites
derrotadas polos ritmos matinais
amosando viaxeiros feitos roupa,
siluetas coma estatuas nunha rúa












.




2 comentários:

  1. Dime Google que hai un problema coa retranca nesta entrada, que seica supera os límites permitidos nestes tempos de recortes.

    Hai que ter moito ollo con esas cousas, que logo din que vivimos por riba das nosas posibilidades...

    ResponderEliminar
  2. Pois se xa canta así, non se que pasaría se no cocido tamén puxesemos os chourizos (porque na nosa terra hainos espectaculares).

    ResponderEliminar