sexta-feira, 15 de novembro de 2013

Luces na ITV


       Por fin. Rematei hoxe.  Xa teño os papeis da ITV. Está claro que a nosa vén a ser unha desas comúns relacións de amor-odio. Xa non teño o meu coche de sempre, pero iso non me librou de ter que volver pola ITV. Mercamos un coche do trinque, pero aló fun igual. O mesmo que antes, pero máis axiña. Déuseme por poñerlle un gancho para remolque e non queda máis remedio que pasar unha inspección.
        Pedín cita, por precaución, e dez minutos ante da hora estaba alí amañando os papeis, e pagando relixiosamente (non me pareceu moito, por iso non cheguei a dicir pecados, nin sequera veniais). Feliz, con coche novo e todas as luces a punto, recén saídas da fábrica, agardei o meu turno.
     Case unha hora despois, seguía agardando. E coma min unha chea de persoas que ateigaban as instalacións e o aparcamento, sen que ninguén se movese, nin dese un chío. Nin unha soa protesta. Calculo que ao que máis e ao que menos debíalle andar na cabeza que protestarlle a un que, pouco despois, debería darlle o visto bo, non era de moi espelido. Pasadas as comprobacións pertinentes e  á vista do magnífico funcionamento de tódalas luces do enganche,  déronme unha certificación provisonal dicindo que xa me avisarían para a recollida da documentación. Ese día volvín moi tarde para a casa, pero o que máis me preocupaba era pensar que inda o asunto non estaba totalmente rematado. 

     Hoxe, pola mañá, avisáronme para que fose a recoller os papeis cando o desexase. Por se acaso, dilixente, ao mediodía estaba eu alí.


     Por certo, o día da revisión, cando por fin todo recobrou a normalidade soubemos que, por un fallo eléctrico, había unhas luces que non ían e impedían que as máquinas cumprisen coas súas análises. Sempre as luces.    







Envolven as esperas as paciencias
así como a color se garda en néboa,
inútil de liviá, pero amistosa
entrando en cada porta sen chamar.


A calma xa se impregna de inacción
na ausencia deses cambios que non hai
Contáxiase así aire dos pulmóns
e pesa máis a vista no ollar.


O cadro vese cal de mal pintor
inmóbil na quietude dominante,
tristeiro por contar con tanto frío
parado a devorar a tarde en si.


De irse o horizonte ao verse gris,
de haber, pois, menos luz da necesaria,
(o instante no que todo ten seu fin)
serán só as presenzas do recordo,
ou noites, as que inunden a emoción. 











.

Sem comentários:

Enviar um comentário