quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

Limpeza




Os días sempre nos reservan sorpresas. Dunha maneira ou doutra queremos que o sorriso nos veña á cara e nos dea a súa calor para protexernos de todos os fríos do inverno. Día tras día sucédense o cataclismos, coma se as malas noticias non deixasen de asoballarnos. Miremos para o lado ou botemos a vista ao lonxe, a tristeza ha invadirnos. Pouca esperanza de deixar un  planeta habitable, e nula confianza nos que conducen, pois,  o mundo.

Así, neste deserto, atopar algunha nova que, a pesar de todo, nos faga sorrir, aínda que sexa de pena, é para celebrar. Hoxe somos nós, os galegos. Nun exercicio memorable de mantemento das instalacións, e dado que a concesión  (a dedo) que tiñan no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro rematou co ano, a empresa Espiral Xestión Cultural conseguiu por fin que se fale dos petroglifos de Campolameiro. Os petroglifos son protagonistas. Usaron a desbrozadora e limparon ata as rochas. Claro que, hai moitos, e ademais eses nin estaban catalogados nin se ensinaban ao público. E iso que están nunha zona declarada  Ben de Interese Cultural, na que se investiron máis de dez millóns de euros antes de inaugurala co nome de Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre  de Campo Lameiro en 2011. 

Eu estou convencido que foi por deixar recollido todo antes de irse, por se xa non lles tocaba e eles seguir alí. Outra posibilidade, porque alguns sonche moi ocorrentes, é que así danlle sona e a xente vai velos, aínda que non sexa máis que para atopar nas rochas as pegadas das cadeas. 


De todas maneiras, eu río, porque a fin de contas “é unha limpeza”. E barata, porque por estas tarefas  só cobraron nos tres últimos algo máis de medio millón de euros.












As soedades que nos dan as terras 
por poboalas
os silencios desertos dos lugares
as esperanzas que se esgotan sen cumprirse
cóandose no fráxil das miradas.
A vista 
por dar conta das derrotas
ensina nas enrugas que a rodean
os fracasos acadados.
Van empeño
do que non nos fala a voz
prisioneira
deses labios na protesta.






















.

Sem comentários:

Enviar um comentário