terça-feira, 5 de abril de 2011

Intelixencia


A ciencia di, según lin hai pouco, que só existe  unha intelixencia única para tódolos campos, pero deben estar completamente equivocados. Tén que haber moitas. Varias intelixencias. Ben,  ao mellor, polo menos, dúas. Unha intelixencia práctica, que permite desenvolver estratexias e recursos que redundan en progreso económico indubidable, e outra intelixencia apacible, que só presenta atrancos para ese progreso económico desexado, e dá, por riba unha morea de condicionantes á hora de desenvolver accións que rocen, ou poidan rozar, os sentimentos. Digamos que é a intelixencia que nos permite saber esas cousas que non serven máis que para seren sabidas, sen practicidade algunha.

A este profundo pensamento fun capaz de acceder cando andaba a cortar a herba, e ao cortacéspede ocorréuselle soltar o tapón do aceite, co que o motor botou todo fóra manchando de contado máquina, persoa e herba... Inútil como é o meu coñecemento, a preocupación é amañar ese motor no taller, pagando cartos que non me apetece dar, pois eu nada sei de mecánica e teño todo o medo do mundo para poñerme a aprender desmontando este aparello enormemente complexo,  máis que nada por se ao remate sobra algunha peza.

E, se me decido, e sobra, non funcionará igual, dado que estamos nun mundo de excesos?



Herbas




Entendernos, falar a mesma lingua,
contar, sentir que xuntos somos pobo.
Espallados, fundidos cunha terra,
andando co pasado na memoria
mirando con amor polo futuro,
esperanza vital do mundo noso.

Amamos dando todo canto é noso,
amamos as palabras, son a lingua,
a vida, expresión para dar futuro.
Desexos e ilusións sempre do pobo,
nos homes e mulleres fiel memoria,
pertenza inescusable dunha terra.


Por ir  metida en nós, así, a terra,
auga, sol, a chuvia e o sal son nosos,
son tesouros, son parte da memoria,
son as festas, costumes, son a lingua,
herdanza identitaria por ser pobo,
bases do presente, piar futuro.

Xuntos no esforzo por ese futuro
a unha sociedade, a unha terra
que é ela mesma cando ten un pobo
coa súa dignidade. Orgullo de noso
é cálida verba, o son dunha lingua
viva na persoa é tamén memoria.


Saber quen é un, raigames, memoria,
punto de partida de cara ao futuro,
lembrar os antergos, usando a lingua
de dentro de nós, e da nosa terra,
comunicación de todos os nosos,
mulleres e homes dun galego pobo.


Formaremos nós o galego pobo,
abrindo a cotío portas á memoria,
coa modesta honra do idioma noso
luz en Galicia, faro de futuro,
colleita vizosa que dará a terra,
en verbas de amor, en froitos da lingua.


Usamos unha lingua e somos pobo,

xente con memoria dona de futuro

con amor á terra, ao idioma noso.








.





Sem comentários:

Enviar um comentário