domingo, 9 de outubro de 2011

Ramiro Fonte




Se as letras fosen capaces de revivir sensacións, probablemente hoxe abondase con poucas para resumir o acto de lembranza de Ramiro Fonte, celebrado coa escusa de poñerlle unha placa na parede da casa natal, na Praza das Angustias da vila. Emotivo. Todo completo, cos   poemas axeitados, cos nervios reprimidos e cos versos apropiándose do silencio da rúa nunha mañá de sol fresco. O remate, en voces musicais  dando vida e sentimento á despedida, non é final para as imaxes de Ramiro que andarán,  sen se  borrar, nos corazóns.







Ama o meu corazón porque aínda quere
Comprender un xardín abandonado,
A luz do mar que trae os vagos lonxes,
A brétema que borra os pasos, esa luz.

O cazador furtivo. Ramiro Fonte.







Por  outono,  nunha vila moi  baleira.
No cruceiro das angustias soña a sombra.

Nenos novos reunidos, mans nos petos.
Todo fotos. Casas, rúas, cruz e pedra.
Cando o busca, non se ve ningún barbeiro.
Muda a praza, cambia todo, case nada
Do convento e da calzada recoñece,
Ou das tendas que non teñen un letreiro.

Queda a fonte que o leva no seu nome.
Pero a auga sae triste. Non lle cantan.
Ela esvara,  aflixida,  polos canos
Na procura desa ponte cos seus ollos
Inmutables no frío que dá un  río
Máis pequeno cada día, coma neno
Que non sae da súa infancia e vai a menos.

Nin un tren para mirar nesoutra ponte.
No camiño dun peirao que xa cambiaron
A favor de mariñeiros de auga doce
Que perderon o sentido do real
Esquecendo as historias dun corsario,
Revividas polos viños das tabernas.

Observando os segredos mal gardados
Polas pedras destas rúas sen el mudas,
Agardando  por un verso retranqueiro,
Por saber de  cada un quen virá sendo,
Vai a sombra recolléndose na néboa
Empapando esta vila hoxe baleira.











.


Sem comentários:

Enviar um comentário