sábado, 3 de novembro de 2012

Defuntos







Día de defuntos e auga. Como non podía ser menos, hoxe tivemos auga desde media mañá. A chuvia maina e persistente non fai máis que pintar de gris os ceos e darlle unha pequena opacidade ás cores do outono. O tempo frío e as pingueiras que corroboran a condensación do vapor de auga imprímenlle ao día unha melancolía que se leva ben cos cemiterios galegos. Hai que ir para ver flores que empezan a murchar e que compiten coas dos nichos próximos nunha loita por chamar a atención para o recanto que adornan. Canta máis é a inmobilidade do lugar, canta menos xente viva atende aos seus mortos, máis é tamén a anguria húmida que entra na pel, ao xeito da chuvia que, sen mollarnos de todo, vai deixándonos por riba milleiros de gotas translúcidas e delicadamente brillantes, ata enchoupárennos a alma por dentro. Non concibo no día de defuntos un cemiterio galego sen tristeza, nin son quen a imaxinar que alí, nese territorio silencioso, poida haber nada no que nós deixásemos caer parte do noso amor interesado e da nosa felicidade pasada. Máis dunha vez teño pensado tamén que eses primeiros pobos mesopotámicos que comezaron a gardar os corpos dos seus parentes estaban a deixarnos un costume moi pouco necesario, pero do que, nas sociedades abocadas ao consumo en que vivimos, vai resultar imposible prescindir. 


















A xente que eu amei (a súa voz,
o mundo todos xuntos que vivimos,
ideas que dixemos, nas que cremos,
os soños que tivemos), vai comigo.


Eu levo canda min máis que recordo
e falo sen respostas que se agarden
sabendo, como sei, cal elas son,
de chamas que un acende e sempre arden.


A xente que roubou o meu cariño
deixándome ben máis do que lle dei
non anda recollida nun recuncho
e vai e vén no vento, ben o sei.


Eu teño moi presente tal pasado
e aprendo cada día a andar con el,
movéndome, ilusións do recordado,
esceas que xamais revivirei.


A xente que me quixo e que se foi
deixándome tristeza e tamén dor,
volveume un tempo mudo (pro seu nome)
e fíxome gardar dela o mellor.
















.

2 comentários:

  1. Muy emocionantes tus versos. Son como las más hermosas flores volando llenas de amor para recordar la compañía de los que nos dejaron.

    ResponderEliminar