segunda-feira, 27 de maio de 2013

Galiñas






   Agora só teño tres galiñas e un galo. O galo é negro, araucano. Tén plumas de cores estrañas que o adornan con azuis e verdes impensables nun  galo do país; amarelos tamén tén, moi dourados, pero os tonos que máis chaman a atención son os azuis e verdes, e o brillo xeral de toda a plumaxe. As galiñas, as tres que quedan, non son pitas brancas, coma as do poema de Rosalía, e xa van vellas. Non poñen demais, ou máis ben case non poñen: entre as tres, un ovo cada día. Non é moito, pero para o que nós comemos chega ben. Non é polos ovos polo que as sigo tendo. Sei que é pola compaña. Están tan humanizadas que xa non se sabe ben cal é a especie á que pertencen. Cando as vou visitar e lles abro o galiñeiro, vólvense cans, e acompáñanme. Vaia a onde vaia, elas séguenme, co galo na retagarda vixiando a comitiva. Eu bótoas, para que aproveiten a liberdade e exploren a fondo a horta, pero teño que insistirlles. A pesar de todo, unha delas soe continuar ao meu lado e non se dá alonxado un par de pasos de min, por máis que lle porfíe. Isto en si non é malo, pero condúcenos a situacións un tanto anómalas. Por exemplo, cando lles dou o pan aos coellos e a López o seu anaco de premio (téñollo que dar pois non entende que os coellos merezan pan e el non), as galiñas van apuradas poñérselle diante da boca ao can, para aproveitar as faragullas que lle van caendo; mesmo se lle cadra que cae un anaco grande de pan elas celébrano como un trofeo co que marchan decididas a peteiralo lonxe do pobre animal, que se apura a mirarme dunha maneira coa que non me queda máis remedio que darlle outra codia, incluso ata máis grande, posiblemente por iso do reflexo condicionado do que nos falaban en psicoloxía. 


   Hoxe, coas galiñas, inda foi peor. Plantei pola tarde leitugas. Con coidado, desfrutando do momento e case parándome nos diferentes olores da terra, fun poñendo os pés un tras doutro. Cando xa levaba a primeira media ducia posta vin á galiña amiga comigo. Seguíame coma sempre, silenciosa, atenta, servicial e comedora. Xa levaba no bandullo a metade das leitugas acabadas de plantar. E quería máis.








Se non estás ao meu lado
cando se escoiten os galos
non hei de dar despertado.
















.



Sem comentários:

Enviar um comentário