quinta-feira, 17 de abril de 2014

Medallas


Aló polo entroido deste ano tiven a fortuna de poder coñecer Málaga. Alí estiven tomando uns pajaretes, nunha Antigua Casa de Guardia repleta de clientes, ou comendo de pé en El Cortijo de Pepe, diante da barra, pero coa calor das súas grellas e o frescor dunhas apetecibles cervexas.

Lembro a Plaza de la Merced por aqueles  boqueróns, claro. E tamén recordo nela o monumento a Torrijos, que fai que un traia á memoria a súa historia e o seu tráxico final, ese que parece dispoñerse sempre para a xente de ben. Na praza está tamén a estatua de Picasso, que tén por alí un museo. Pero aquel lugar, o centro de todo aquel barrio, leva por nome Plaza de la Merced.

Onte, alí nesa mesma praza, eu non estaba, pero os que había puideron asistir, imaxino que emocionados, á pleitesía oficial que a policía  rendía a unha súa heroína. No nome do Ministro do Interior, o Director Xeral da Policía impúñalle a Medalla de Ouro ao Mérito Policial, que vén sendo a máis alta condecoración que dan,  á Virgen María Santísima del Amor de la Cofradía de Nuestro Padre  Jesús el Rico. A condecoración merécea por dedicación, desvelo, solidariedade e sacrificio; que xusto son os valores que se lle supoñen á policía.

Que, por outra banda, a policía sexa membro da confraría (Hermano Mayor numerario) desde o ano 1938 (casualmente, claro) non influíu para nada na concesión, e si que a virxe dea acubillo e garda baixo o seu manto a todos os policías. E tal como os policías prenden xente, tamén a soltan; por iso poden indultar presos, por  unha disposición de 1759 (onte, polo que se ve), segundo a cal permíteselles  deixar libre un preso o día de mércores santo.

Semana Santa, Plaza de la Merced, Virgen María Santísima del Amor, Ministerio doInterior... Como non nos vai caer a alma aos pés pensando en Torrijos e nos que o seguiron?

A maior abondamento, di a wikipedia que a  esa praza, en tempos, tamén se lle chamou Praza de Riego. En tempos.














¿Que vento sopra na conciencia
Facéndonos a vida levadeira,
Movendo os desexos con paciencia,
Cambiando de lugar e de maneira
Ideas que carecen de eficiencia.
Falacias na mentira verdadeira,
Aquela que imitaba a súa aparencia
Presente na distante vez primeira?

¿Que vento ha de limparnos o pasado
Por darnos a esperanza no soñado?























































.

Sem comentários:

Enviar um comentário