quarta-feira, 27 de agosto de 2014

Arriba, Galerna!





O home parece a gusto sentado no muro do adro da igrexa. É un domingo de sol e estase ben fóra. O camiño que separa o adro do rueiro de casas humildes que tén ás súas costas, é tamén a separación á súa casa. Pero estase mellor fóra, e sempre se pode falar con algún dos que veñan á misa.

O camiño é tamén acceso doado para os fregueses que prefiren unha rúa costaneira antes cás moitas escaleiras que comunican a igrexa co centro da vila. Alí, pola costa, vén subindo un home que, de lonxe, semella tan vello coma o que está ao sol. Anda ben, pero vese que xa coñeceu tempos máis áxiles e as escaleiras do outro lado non lle deben prestar.

-Ola, Lolo!

-Ola! Oes, Colás, mira... Pensei moitas veces e nunca che preguntei: foi certo que ti estiveches nos bacallaeiros?

Eran veciños de sempre. Os dous naceran na vila e viviran alí toda a vida, pero ás veces sabemos pouco dos nosos veciños.

-Estiven, ho. Fixen catro viaxes. Crucei o Atlántico catro veces...

-Pois eu tiven unhas botas túas, e levaban o emblema da PYSBE.

-Como?-Colás, sete ou oito anos máis vello que o seu interlocutor, mirouno con atención, intrigado polo que acababa de oír-. Como ías ter unhas botas miñas!

-Si. Un día que chovía moito estaba eu abrigándome nos soportais do muíño, alí na alameda. Non paraba de chover e saíu teu pai á porta: Loliño, ven por aquí, anda – eu achegeuime a el-. Como andas así?- díxome mirándome os pés descalzos-. Non tés zapatos? Eu contesteille a verdade: Non, non os teño. El deu a volta e foi dentro do muíño, dicindo: Vaia, ho, vaia. Agarda aquí. A ver se podemos amañar algo. Volveu coas botas na man. Ponas. Como che quedan? Púxenas. Son un pouco grandes, contesteille. Mellor, mellor; así halas aproveitar máis.

-E usáchelas?

-Moito; púxenas ata que as gastei de todo. Ata que me chegaron os pés ao solo...


Cando Colás entra na casa, xa de volta,  aínda leva un melancólico sorriso de satisfacción. "Meu pai! Que as miñas botas de mariñeiro do “Galerna”, as dos días de Terranova, foran parar ao muíño, e que agora me volvan falar delas, un domingo calquera, máis de sesenta anos despois. Meu pai! E mira que nunca contar nada..."






 

Galerna” (Aberdeen, 1928) barco de 1.204 TRB, 70,30 metros de eslora máxima, 10,40 de manga e 5,85 de puntal, con dúas caldeiras de carbón e unha máquina alternativa de vapor de triple expansión de 1.000 IHP que lle daba 12,5 nós de velocidade máxima e 11 de servizo. O “Galerna”, barco da PYSBE, na foto;  aparentemente ao final dunha campaña, polo óxido que se lle ve, cargado de bacallau, como se nota na borda libre.










A memoria anda acesa

e toda, enteira,

é resplandor

luces, sombras, máis luces

infinitas e

corpóreas estrelas retratadas

en nocturnos aires de silencio.




A memoria feita o porto

en que se gardan

sen temerlle ao temporal

os buques


que nos deron o destino.























.



























.

Sem comentários:

Enviar um comentário