sexta-feira, 26 de setembro de 2014

Sedes





Lendo unha información de El Periódico, lembrei épocas miñas de pequeno. Días de sol e traballo fermoso (iso me parecía) acompañando aos maiores nas longas xornadas de verán. Traballar con eles, aprender, tiña a motivación engadida de penetrar en mundos prohibidos ata entón. Un medraba, facíase grande (non recordo que me fixese maior, si grande), aumentáballe a forza física e podía superar retos antes imposibles. Ás veces ata se podía facer o burro aparentando ser máis forte do que se era.

Gústábame case todo daquelas xornadas: o ánimo da xente, as bromas, os risos e mesmo frases ás que non lles daba atopado moito xeito. Que non houbese escola, non implicaba, en modo algún, que non se puidese aprender. Ata a fala.

Cando parabamos para sentar un pedazo, podiamos beber auga fresca do botixo que pasaba de man en man, permitindo amosar as habelencias do bebedor, sempre en proporción directa á distancia entre picho e a boca. Recordo ver  beber a meu avó escasas veces do botixo. Cáseque oio con máis facilidade a súa voz dicindo “teño sede, pero a miña sede non é de auga”.

De que tería sede el, daquela? Porque, eu, mira que teño sede de tantas cousas distintas nestes tempos!





Nota.- Distribución da xente con sede.













Sedento como andaba
perdida neses ermos toda fonte
sen esperanza 
no tempo de parar
aló contra da noite
chegou
nese solpor
o rumor fresco
lixeiro
promesa de auga que se oía.


Os meus beizos por beber
prezada vida
viviron onda ti.
Aí 
na auga dos teus labios
bebín.


Bebín unha e outra vez
con tanta sede
que a afoguei enteira en ti.
Toda en ti.
Auga nos labios.
















.



2 comentários:

  1. Ya echaba de menos tus poemas y reflexiones. Me encanta "Auga nos labios"

    ResponderEliminar
  2. A ver se agora co outono un se volve menos preguiceiro para escribir, porque sempre se agradecen as louvanzas!

    ResponderEliminar