sábado, 31 de março de 2018

Desaprender




Vernos nos demais pode axudar a recoñecernos. Poderiamos así desaprender (fíxome graza esta palabra que lin onte, nun artigo sobre educación -por riba-) e perder aquilo propio que parece non necesario. Ou ata noxento.

Hai unha capacidade nosa que tende a igualar e volver común todo o que vemos, ou o que nos contan. Así non custa meter dentro do saco de semellantes  a seres que están certamente lonxe dos nosos principios e normas. E penso, por exemplo, naqueles veciños que consideran que nada é mellor que una boa liorta para fomentar a comunicación con todos os da contorna. E canto peores sexan as súas consecuencias, maior felicidade. Seres, digo, que alardean das súas accións e teñen a ben dicilas coa maior fachenda do mundo.

Unha situación semellante a estas das que falo, puiden contemplala estes días nas obras de acondicionamento do baixo dunha casa unifamiliar, coas que perseguían  adaptalo a vivenda para darlle cabida a unha xeración nova da familia que parece buscar un mínimo de independencia dentro do mesmo edificio. As obras, iniciadas sen parte das licencias pertinentes, tal e como esixe o hábito das nosas xentes, están agora paradas, como se corresponde co urbanismo que nos rodea; obras que seica molestaban aos da casa máis próxima, que avisan aos catro ventos da denuncia que presentaron. E cóntano moi felices, porque de seguro que non saben iso da maldición de "pleitos tengas y los ganes". Veciños que, xa anos atrás, chegaran a discutir de mala maneira por causa do largo da vía que os separa e, inda hoxe, os incomunica.

Agora, se podo, o meu esforzo encamíñoo a estar á maior distancia posible de sucesos similares,  porque non quero que me retraten tan fielmente coma a eles, no caso de que me dese  por tomar a vida así,  tan seria como algúns a queren  facer.  









Un vive para un
de quedar vida
na forma natural sen egoísmo.


Un dá para os demais
e o campo volve inmenso e máis aberto.

A terra faise alma
e froito da ilusión nace a esperanza.


No tempo cabe sempre a explicación.



















.





Sem comentários:

Enviar um comentário