terça-feira, 10 de abril de 2018

Paseos


Unha volta pola ribeira. 
Pasear nunha escampada tén moitos praceres diferentes. O primeiro, gozar dun instante de aire fresco e limpo que apetece respirar, coma se saír da casa entrase na categoría da liberación. Estase ben dentro, desfrutando da lectura, da televisón, da música… da calor do fogar da que falamos moitas veces sen necesidade de aclarar máis. E en compaña, por riba.
Saír fóra, case cumprindo o deber de moverse (ou simulándoo) e verse acollido por claros de ceo azul que un non sabe se acompañarán en todo o percorrido dálle temén incertidume ao paseo. Un punto de suspense por se remata a cousa en dar a volta con apuro antes de acabar enchoupado de todo. Que, a estas alturas de ocupación, tamén resultaría divertido.
Hoxe fomos pola ribeira. Un percorrido curto e agradable, pola proximidade coa que desfrutamos do mar. Mesmo a baixada que hai ao pé da casa grande das palmeiras permite ir vendo como as árbores do peche da finca dan  unha postal fermosa en contraste co mar que se percibe entre as pólas, por entre as follas ou entre os seus grosos troncos. Chegar á ribeira, oír o son da auga do río correndo apresurada a mesturarse nun mar tranquilo (hoxe un pouco menos do habitual) e que atopen os ollos a magnolia branca da casa indiana da ribeira, é un regalo. A casa, enorme e elegante cunha preciosa galería branca, con madeiras exquisitamente traballadas, erguéndose e lembrándonos o pasado esplendoroso do que dan fe igualmente os xistos labrados e as grandes laxes de lousa do seu peche, ou, xa digo, a magnífica magnolia que tingue o aire de branco realzando a casa que adorna, xa merecerían, sen máis,  ser a razón deste paseo.
Que despois veñan os peiraos dunha aldea e doutra, ou atopemos tamén as case ruínas do vello cine, explican de seu que este sexa sempre un paseo vivo; curto, sabido, pero, e sobre todo, vivo.














O paseo dá a compaña dos camiños
Percorridos tan queridos
Pasos nas paisaxes coñecidas
Entregados 
Coma os días que nos xuntan
Son e eco nunha voz
Eses días…
As sorpresas non sorprenden
Que non veñan novidades

Que ninguén busca escoitar

























.






Sem comentários:

Enviar um comentário