terça-feira, 22 de fevereiro de 2011

Comunicación


O fillo dunha persoa moi aprezada por min decidiu, cando andaba a estudar os primeiros cursos da secundaria, falar de xeito habitual só galego. A pesar de que o seu grupo de amigos expresábase en castelán. E tamén ía falar galego na casa. Sempre.
Na casa contaban que lles parecía ben.
-Realmente é satisfactorio que o faga. Nós non llo impoñemos, porque cremos que hai opcións que debe decidir un mesmo; pero gústanos moito, aínda que nos dá problemas.
-Problemas? Por falar galego?
-Si, e moitos; mais pouco a pouco ímolos superando.
-E como é iso?
-Lévanos moito tempo comunicarnos. El empeza a falar, e en canto lle sae unha palabra en castelán para, e volve a comezar todo desde o principio. E nós temos que agardar que a frase estea en galego correcto para contestarlle. Pediuno el, porque pensa que así lle axudamos, pero, levar, leva o seu tempo.
-?
-De todas formas agora xa imos moito mellor. Nalgunhas frases el non se equivoca nada!


Solpor en Con Negro



Unha verba pedíronme prestada
Poñéndome nun serio compromiso:
Elixir unha flor do paraíso,
Roubar unha beleza celebrada.

Tenteino con vontade e fracasei,
As palabras alonxábanse de min.
Nos aires de temor que percibín
Valores e outros usos atopei.

Albor, por ser con a, foi a primeira,
Viril, con luz, con forza masculina,
Deixou a alba sutil, case divina,
Espida no mencer, máis ben tristeira.

Non quixen, e pensei en caravel,
Palabra que florece ata nos beizos,
Con cores recollidas nos seus rizos,
Mais, véndome mirado, vinme cruel.

Por viva, por veloz, veu delociña,
Por áxil, por inqueda, por fermosa,
Por medos de pequeno, por teimosa.
Tampouco me serviu, nunca foi miña.

As árbores puxéronse tan xuntas,
Sendo fragas, bosques, matogueiras
Que as deixei vivir, coma as silveiras,
Quedando, pois, enteiras e con puntas.

Cansado de buscar en seres vivos,
Mirei nas cousas feitas pola xente,
E vin de todo, diante, atrás, de frente…
E nada vin que houbese sen motivos.

E por riba aprendín a quen pertencen,
Con quen elas están no máis profundo,
Tesouros son das xentes deste mundo,
Daqueles que con uso as enriquecen.

Non podo dar prestada unha palabra,
A lingua dános todas, e de balde.





.



Sem comentários:

Enviar um comentário