quinta-feira, 28 de julho de 2011

Terra



Os mitos soen ser mitos porque de cando en vez achéganse á verdade que propugnan, e neso ando eu. Non no de ser mito, que está infinitamente lonxe das miñas mortais posibilidades, e si no de verificar as verdades do mito.
Explícome. Este verán puiden plantar coles, pementos e leitugas, e unhas poucas acelgas e espinacas. Tiven que coller o zadón e o legón xa oxidados e metelos en auga, para que seguisen conservando os mangos e puidesen traballar. Pero traballar, traballei eu. Pelei, cavei, trollei, plantei... Non tiven que mirar manual algún nin seguir follas de instruccións de ningún tipo. Foi volver de golpe a tempos pasados, a  facer maquinalmente movementos aprendidos, hai ben anos, e deixarme ir…
Creo que o mito do eterno retorno debe ter algo que ver. E abofé que, neste caso, medo ningún, así que probablemente andarei xa no camiño do súper-home, e ao mellor, quizais, pode ser que mesmo o de mito non quede tan lonxe.


















Nacín sendo labrego, nunha aldea

Deitada sobre un castro ao pé do río.
Abertos os meus ollos no verán,
A luz que me inundou deixoume brillos.

Un brillo que pousei, para non perdelo,
A todo o que lle dei certa importancia,
A xentes  achegadas, familiares,
Persoas coas que andei, tamén fragancias.

Algúns descoñecidos, moi ausentes,
Presentes no correo de   avión
A lermos todos  sempre na cociña,
O centro máis usado nos patróns,
Festas sinaladas, dúas por ano,
Sen saber onde atopar as súas razóns.

Os xogos nos camiños e nas casas
Nas airas, contra a noite polas hortas
Brillantes unhas mentes de ladróns
Desas  froitas  que nunca pechan portas.

Furtivos aloumiños e caricias
Soñados  na estación da confesión
Inventos para o mundo prohibido
Sinónimo de inferno e perdición.

As leiras colleron algúns brillos
Gañados pouco antes de mallar,
Restrevas a pisar a terra quente
Territorios de invisibles alacráns

Brillar  en  meteoros vendo os ceos
De azuis tirando a secos nos estíos
E cores arroibadas contra a ría
Gardiana moi fiable doutros brillos.

As árbores son niño de paxaro
Enfeitizado en voz de frauta doce
Labrada con navalla en canaveira,
Bicada polo brillo en cada roce.

As flores, a cerdeira en branco ramo,
Manchándoas ese sangue que dan moras
Apiñadas coma os nenos nunha banda
Que desexa  protexerse dos de fóra.

O brillo decisorio foi aos libros,
Candeas que me levan  a asistir
A estudos ben queridos e atraíntes
Nos soños que invitaban a cumprir
Deixando esta terra e a súa moral,
Cambiándome os criterios de vivir. 
















.

1 comentário:

  1. Sei de que falas.

    É moi gratificante atopar na escrita o que un pensa, ou sinte.
    Máxime cando prosa e poesía, compleméntanse tan harmoniosamente que a conmoción enche o espírito :
    profundar nos ocos solemnes dos endecasílabos -- pescudando o escondido--, logo de reflexionar sobre os mitos , tan retranqueiramente retratados no introito...
    non ten prezo !
    Reitero o dito sobre o blogue - tan valioso - :
    Compartir na “rede” esa intimidade intelectual, é moi admirable.
    E os que temos a ventura de estar dentro desta “saga”
    somos afortunados !
    Parabens gozosos.
    Tin_herva

    ResponderEliminar