domingo, 11 de março de 2012

Bandeiras




Hai noticias que leo con máis atención que unha novela. Esta, por exemplo deixoume coa boca aberta. Nunca me parara a pensar que pode pasar cando desaparece fisicamente un país. Non hai máis terra. Vale, pero a xente, que? Como fan, deixan de ser o que eran e nacionalízanse de novo, fanse apátridas, que tipo de desterrados se volven? A que categoría hai que integralos? E con eles van tamén os afectos, a saudade, o amor á patria, o apego aos eidos, as memorias?

Se a solución é esa de falar con outro país e mercarlle un anaco do seu territorio, ou mesmo facer unhas plataformas flotantes o suficientemente grandes ( non debe haber problema porque en Mónaco levan xa un tempo facéndoo, ou mesmo  no mundo que nos anticipou Kevin Costner) é probable que todo eso que sentimos de terra, nación, patria ou bandeira, non deixen de ser unha crenza inoculada no noso subconsciente, a saber cando e por quen.










Mirando por detrás unha bandeira, 
non se chega a ver nela ningún pobo, 
si marcas que remarcan as fronteiras, 
e guerras que nos han encher os mapas, 
loucuras incompletas, feo mundo, 
uniforme e sinal de identidade. 


Buscar sen atopar identidade, 
mal asunto o de vela na bandeira 
esquecendo as persoas como mundo;  
os homes e as mulleres sempre pobo   
ignorado, invisible para o mapa    
que alonxa a súa terra con fronteiras.  


Invento artificial, dura fronteira,  
que quere confundir a identidade:
poder feito diñeiro rexe mapas   
e axita cara ao sol unhas bandeiras  
non erguidas realmente polo pobo  
a escurecer máis así o real mundo.  


Cando só o que interese sexa o mundo  
habemos desfacer cada fronteira 
sabendo ser persoas, sendo un pobo 
teremos acadada a identidade, 
tapada sen razón pola bandeira, 
gañada con formarse un só gran mapa. 

Habemos vernos un, un para un mapa 
que confunda os seus límites co mundo, 
que leve a cor da terra por bandeira, 
que borre totalmente outras fronteiras 
por darnos dese xeito a identidade 
que leva a decisión de ser un pobo. 


Serán todas persoas, todos pobo, 
fogar onde vivimos feito mapa; 
acubillo terreal de identidades 
vividas no mosaico dese mundo 
que terá só no ceo a súa fronteira 
por ver  luces e estrelas, non  bandeiras. 


Luz por bandeiras como luz de pobo, 
en celestes mapas, os mesmos mundos 
con  fronteira hoxe,  sen identidade. 








.

Sem comentários:

Enviar um comentário