sexta-feira, 23 de março de 2012

Jo...!





Andan asustados algúns pola coherencia do rexedor da capital de Galicia. Despois de terse vestido tan elegantemente co seu traxe de galego, o público pensou que lle andaba a chiscar o ollo á nosa cultura. E non, co do ollo avisaba de que quería apagar a luz, e ía dar igual o ollo aberto ou pechado. O do traxe en realidade debíase á necesidade do forro, que é por onde pretende pasar a nosa historia e a nosa lingua.
Debe ser que está moi estendida a incapacidade de tirar conclusións dos feitos que se viven ou observan a diario. Cada vez que nos gobernan certos políticos, amósannos sen rubor as súas virtudes, tantas que non nos alcanza para vérmoslles aqueles defectos que os humanizan, se é que son realmente humanos só por seren nacidos de home e muller, e casados con home ou muller, como moi ben sabemos polos postos aos que eses mesmos cónxuxes acceden unha vez que a parella toma o mando político. Unha virtude, entre moitas, é a súa pureza de linguaxe, con esa exquisita atención que lle prestan á Galicia Bilingüe (a outra, a da sra. Lago, non a dos relacionados coa intelixencia xerada polas linguas); queda claro, pois, que ninguén tén dereito a se queixar de que estes dirixentes non sufraguen nada que poida promover a lingua galega nos seus concellos (seus, ao fin, por máis que neles vivan unhas xentes  ás que reducen á mera condición de habitantes).
Así, de Correlinguas, nada. E menos de pagar manifestos que digan algo diferente do que o goberno quere, sexa certo ou non. Ademais andamos en tempos de crise, e débese aforrar. De gastar, que sexa como deus manda. Estes días pode haber subvención para as confrarías, para esas si, sempre e cando non sexan de mariñeiros ou pescadores, que non contan nesta novena, e si de procesionarios de semana santa. Máis que nada por eso de coidar o patrimonio inmaterial, tal e como corresponde nunha sociedade nada materialista. Ou mesmo de cantarlle ao nadal, se se terza.
En La Coruña o asunto tamén está resolto. Sen pegas e con coherencia.
Son coherentes por máis pperos que queiramos ver. Que apoiasen a súa lingua si que sería unha incongruencia.
Non é coherente a esquerda que, cando lle deixan gobernar, entende o estado laico como unha simbiose plena entre o civil e o relixioso e, se toca, ponse diante da música, pero detrás do palio, pensando que  preside a procesión.
E todos nós como somos?
Crédulos, creo.











A meta feita norte
(nun regreso).
A casa vista branca
(na saudade).


Sabíanse de lonxe as ilusións
que acaban por perderse,
interrompidas,
as mónadas,
vontades feitas vida
que deixan laios quentes
nos solpores
para esa certa luz que dan ao día.
A copa en tristes augas de derrota
nos ventos que levaron alegría.


Sabíanse tan fríos os desterros
marcados no voraz do desacordo!













.











Sem comentários:

Enviar um comentário