domingo, 16 de junho de 2013

Apostas



     Apuntáronse a un cruceiro aproveitando as ofertas de tempada baixa. Solteira unha e viúva outra, non tiñan maior problema en viaxar. Os cartos habíaos e elas ían colléndolle un gosto cada vez maior, de maneira que trataban de obter rendemento de cada un dos minutos do día, e das posibilidades que se lles ofrecían. O cruceiro era unha novidade e nesta oferta tampouco duraba en exceso. Durante dez días andaban a percorrer o atlántico, parando brevemente para visitar algunhas das capitais europeas e rematando nos países nórdicos, desde onde volverían en avión.
     
     Non tiveron excesiva sorte xa na chegada. O camarote déronllelo mesmo enriba da sala de máquinas, e non pegaron ollo en toda a noite. Cando o puxeron en coñecemento do persoal de a bordo, que resultou moi amable, realoxáronas a maior altura, co que o problema quedou resolto, e comezou o verdadeiro desfrute da viaxe. Estaban encantadas. Con todo. Ata as excursións de día, ás que se apuntaban en cada escala, lles parecían atractivas, por máis de que podían comportar, coma no caso de París unha longa viaxe de ida e volta en autobús. Pero era tan apetecible! Ou no mesmo barco atopaban atractivas actividades ás que ir. Daba o mesmo de que fosen, participaban.

     O casino era grande. O primeiro día que foron, só se dedicaron a coñecelo, por non botar moito tempo. Miraron as mesas, viron as máquinas, observaron aos xogadores e asombráronse da cantidade de cartos que se movían, cambiados en fichas, claro. Chamoulles a atención que houbese máquinas taragaperras que só custaban un céntimo a partida. Un céntimo! Elas miraron e atoparon, entre as dúas, vinte céntimos que lles ían supoñer vinte partidas! Emocionadas, foron á caixa e cambiáronas por unha ficha. Paradas diante da máquina, non se daban decidido. Non sabían que facer con ela. Despois dun anaco optaron por chamar a un croupier. El atendeunas moi ben, e explicoulles todo á perfección. Cando xa marchaba, a solteira, dubidosa, preguntoulle finalmente:
Como son vinte partidas, se ás dez nos cansamos de xogar, devólvennos o cambio?


Cando mo contaron eu pensei nos seus apelidos, por ver de atopar ancestros cataláns nalgunha delas. Pero non, non os teñen. Seino, porque a dicir verdade son tan amigas que é coma se fosen da familia, e nós somos todos galegos.

-Non, non. Non foi por tacañería, porque, fíxate, ao día seguinte volvemos, e gastamos vinte euros na ruleta. 
-Ben, vinte non; en realidade ti dez e eu outros dez.














Talvez perdamos referencias
quizais non volvan os momentos
e sintamos así quedar en nada.


Confunde o sentimento
acomodado a ritmo de ritual
e anúlanos na acción por non ser nós.
Só nós.


Vivimos noutras vidas a emoción.
















.




Sem comentários:

Enviar um comentário