sábado, 8 de junho de 2013

Selectividade (ou ...

... como podemos facer para non falar galego)


   
   Teño para min que hai unha especie de vinganza nos suspensos. Que poden ser unha manifestación do resentemento de profesores que no seu día tamén foron suspendidos. Mesmo que suspenderon, que non é exactamente o mesmo, pero que neste caso debe ser máis axeitado. De malos estudantes que no seu día non daban aprobado, do mesmo xeito que hoxe tampouco son quen a aprobar na súa profesión.   

    De ser certa este teoría miña viría a corroborar iso de que os que sofren o mal de pequenos teñen máis posibilidades de seren maltratadores adultos, que os que son ensinados na violencia son violentos logo, que os que sofren abusos teñen máis tendencia a abusar, e así sucesivamente.  Debe ser unha especie de tara que marca e impide a racionalidade, mesmo a causa dunha incompletude mental que se manifesta necesariamente nas accións persoais.

   De ser certo isto, e xa digo que a min seméllamo, a cousa é grave. Gravísima; pois estaría a significar que temos como educadores, como formadores de individuos a persoas incompletas, a persoas resentidas e vingativas nada aptas para  funcións sociais. Que educación poderíamos agardar se o ensino está nas mans e nas mentes de persoas con taras?

   Se é que estes profesores non son tarados, non atopo xustificación a que alumnos de segundo do bacharalato de ciencias non poidan facer a selectividade en xuño porque non deron aprobado unha das materias que cursaban. O galego. Unha das tres linguas que debían superar para poder continuar os seus estudos de ciencias. Ao mellor suspendéronos porque, como acabarán por ir a Alemaña, é posible que non poidan seguir estudando e aprendendo a fermosa lingua da terra. Curioso mundo este, cando ademais algúns deles utilizan só o galego como lingua vehicular durante todo o día, sexa cal sexa o ámbito no que se atopen. E, posto a facer deducións, imaxino que para que iso mesmo o fagan os seus profesores habería que ter moita, moita sorte.

   A pregunta final, esa que me ronda cada ano cando chegan estas datas de xuño, é como facemos para que estes alumnos, e todas as persoas que saiban destes desastres, non acaben desexando para os seus fillos un galego optativo? Como lles dicimos que non apoien a Galicia Bilingüe e a outros coma eles?


NOTA.- Os profesores dos que falo, dos que sei, son mulleres, pero moléstame darlles visibilidade e escribir un texto non sexista; sobre todo porque así, se é que chega ás súas mans por casualidade,  acabarán tendo unha razón  máis para suspenderme a min.
















O xesto,
a altivez,
o menosprezo no ton que nos amola.
Nada ensina.


Actos egoístas no simplismo
interesado.
Conversas obrigadas
con ollos que non miran  o valor
nin onde deben.

Búscanse as linguaxes
primitivas.
Se afastan intereses non importa,
serán outros.


Desprezo na soberbia do ignorante.
Mais de cal?













.



Sem comentários:

Enviar um comentário