sexta-feira, 29 de novembro de 2013

Ditos



     Este mes asistín a unha reunión de educadores na que se falaba da posibilidade de experimentar novas metodoloxías de traballo a fin de acadar melloras nos obxectivos pretendidos. Vaia, que a cousa ía de anovar, se se podía, para reducir o fracaso actual e simultaneamente facilitar o proceso de aprendizaxe. Como é lóxico, e dado o atractivo do tema, a reunión foi proveitosa, e discorreu amigablemente por axeitadas canles de diálogo. Expúñanse ideas, dábanse razóns e, basicamente, tíñase tempo para escoitar aos demais, o que redundaba ao fin en aprendizaxe compartida.

     Houbo aportacións interesantes e mesmo incluso novidosas. Falouse das vantaxes da aprendizaxe cooperativa e, máis que nada, de comunidades de aprendizaxe. Todo ben. Con ideas concretas e expostas con claridade e concisión, de xeito plenamente asertivo, o que sempre é de agradecer. Mesmo algunha persoa, para subliñar a importancia do acto de ensinar, remarcou que un coñecido proverbio africano di que para educar a un só neno é necesaria toda a tribo. Ante o irrefutable da afirmación, todos cabeceamos afirmativamente e demos a reunión por rematada. Non sei se exactamente coa frase (que ben o merecería), ou pouco despois, talvez.

     Como eu son un pouco lento, e remoio as cousas pouco a pouco, pasei algúns días aínda dándolle voltas á frase. Pensei que a idea era salientar a complexidade do ensino, e da necesaria participación de todos os recursos de que un puidese dispor. Ou sexa, que si, que era bo que toda a comunidade escolar estivese involucrada na educación dos seus membros. E quedei feliz e tranquilo.
     
     Uns días despois acordeime do asunto e volvín á frase. Realmente non estaría a dicir outra cousa? Non sería ao mellor que como os africanos non teñen escolas, e non saben de educación, acaban por precisar de toda a tribo por se alguén entende algo, inda que sexa pouco? Non sei. Desde esta óptica nada estraña un podería pensar en que aos africanos non lles vai tan ben como para que un precise acabar por copialos. E non só en cuestión de valores, que tamén. Resultado: non  estou nada tranquilo, porque non sei que pensar.

     A voltas como andaba con iso dos proverbios africanos, veume á cabeza outro que xa case esquecera, e o asunto tornou máis feo. O proverbio, que inda non teño asimilado ao completo, fala dos nosos antepasados, e di que copiando a todos os demais todo o tempo, o mono rematou un día por cortarse a súa gorxa.
     

     Que terá que ver unha cousa coa outra? Copiamos ou non copiamos? Que están a dicir con iso dos monos? 

     PD.- E xa postos, que insinuaban  cando de pequenos nos dicían “ mira que mono é”?














Nenos e nenas na escola
e ningún hai no fogar;
como non cambiar a casa
polo pracer de ensinar?



Ensino recompensado
polas olladas e os risos,
por tódalas ledas voces,
por mil días emotivos.

















.

2 comentários:

  1. Con profesores vocacionales como tú, la educación mejoraría a pasos agigantados.
    Y, que conste, que no lo digo por decir...

    ResponderEliminar
  2. É unha fortuna que a un lle paguen por facer o que lle gusta. E pode acabar por non ter demasiado mérito.
    E moitas grazas polo piropo!

    ResponderEliminar