domingo, 19 de dezembro de 2010

Amor


Naquel tempo meu de estudante de poucos cartos e moitas contas, un amigo e eu mercamos un libro xuntos, Platón: El Banquete, Fedón y Fedro, publicado pola Editorial Labor, dentro da colección Punto Omega, libro de peto que se vendía ao prezo de 150 pesetas (era a segunda edición, ano 1974, tradución de Luis Gil). Eu tiña que facer un traballo sobre o Banquete (curioso que me tocase xusto ese, a min que sempre me atraeu o tema do amor), e el creo que sobre Fedro, pero só creo; lemos o libro, rematamos os traballos respectivos, e aplicámoslle ao libro as leis salomónicas. Eu gardo hoxe, e con moito aprezo, medio libro, desde a portada ata xusto a páxina 114, que é onde remata o Banquete.

O libro téñoo, o amigo perdino. Gustaríame que tivese sido ao revés.






Amor

Sempre estás, amor, cando eu escribo,
lugar para eu beber, ti es a fonte;
camiño para andar, o mellor norte;
tesouro por gozar e que eu recibo.

Bastión a conquistar, non te defenden
recompensas de amor que a min me entregas
sen nada que ocultar, amando a cegas,
buscando os ideais que non se venden.

Cariño e máis amor fanse loucura,
murmurios e calor, tanto momento
con bicos e paixón, doce tenrura.

Para non o esquecer, prégolle ao vento
me leve enteiro a ti, meu ben sen cura,
Vivir amor en ti, eso é o que intento.








.

Sem comentários:

Enviar um comentário