quinta-feira, 9 de dezembro de 2010

A Rega


Se un día quero recorrer os carreiros da miña nenez, hei ter que facer un percorrido imaxinario co meu plano mental, pois agora todos dos que escribo só existen na memoria, abducidos, quizais, polas necesidades terreais dos veciños.


A Rega

Os camiños meus de Ombre son carreiros,
son radiais, saen todos desde A Rega,
sinalándome as derrotas a seguir.

Unha, a escola á que fun de calzón curto,
con perrera, e con dous ollos, nada máis,
se quitamos tres amigos e un amor
cos que andaba o Vilariño e mais o Viso,
entretidos con carreiras e a pillar.

O carreiro do Pedrón, sobe que sobe,
apropiouse, na baixada, dun bandón,
aro meu e dun barril da nosa adega
que apodrece entre fieitos e algún toxo,
sen ser novo como agora o sinto eu.

O carreiro do Pumar, máis paseado,
foime sempre o carreiro de marchar,
camiñar e buscar as novas vías,
ir á tenda como nos tiñan mandado
ou xogar en Fondaldea, en ocasións.

Benquerido é o carreiro da Cortiña,
ao pé da casa, vendo a vila e mais a ponte,
polas peras e as pereiras que alí hai,
polo coto dos arrolos infantís,
pola roupa sobre a herba, a clarear.

A Rega, o epicentro dunha vida
de pequeno que se abría a todas partes
por deixarme a elección do meu futuro.

Un carreiro en calquera dirección.


Lágrima

Unha vez,
nunha ocasión,
escapou unha lágrima da chuvia.
E quedou soa
                                      suspendida
                                                           alí
                                                       no aire

Tan parada e tan brillante...
Moi perdida,
mais atenta ao seu redor.

Escampou
e veu o sol.
Nin se moveu, pero sorriu.

As caricias que se deron
(cos seus brillos)
crearon vida:
eran raios pequeniños,
luces frescas
e faíscas de colores
no interior daquela pinga.

Por salvala de secarse,
por roubala
e por tela para el,
un pardal matou a sede,
desangrándoa,
xa sen cores.

Así,
ata o sol esmoreceu,
e fixo noite,
e non choveu ...



.

1 comentário:

  1. Non é a primeira vez que o lin,
    pero hoxe ao facelo escapóuseme unha a min.

    ResponderEliminar