domingo, 5 de dezembro de 2010

Chove


Segue chovendo. Reducir a condensación e caída de auga ao mero concepto de precipitación, pode estar ben, pero aquí, na nosa terra, é moito máis. Chove tanto, e durante tanto tempo, que o fai coma se estivese a ensaiar fórmulas diversas para aplicar logo, en función dos resultados acadados coas nosas nubes, noutros lugares do planeta. Nós non só temos unha chea de palabras de chuvia, tamén nós mesmos estamos feitos dela. Somos auga levada ao último extremo, estamos feitos dela e por ela rodeados. Para os incrédulos, abonda que lle boten unha ollada a Fraga nos tempos en que andaba por aquí, sempre a deitar auga polos ollos, desbordándose, ou, un pouco máis lonxe, Franco, fachendoso galego el, inaugurándose pantano tras pantano, a cada cal con máis auga.

CHOVE

Chove hoxe sen parar, escapa a tarde,
lonxe o aire desa luz, e dese lume
que nos escravizou, que servidume!,
abrigados coa calor que xa non arde...

Tempos claros de sol, de amores cegos,
horas amplas sen sal, sen bágoas grises
acabadas con dor, sen facer bises,
sen dar repeticións, mais con renegos.

Tan anguriado penso en como chove,
tanto noto que faltas ao meu lado,
que este meu corazón xa non se move!

Escapa a tarde lenta, amor mollado...
A noite non trae sol, non o promove
por ser ti máis eu dous, un separado...


Sem comentários:

Enviar um comentário