sábado, 12 de fevereiro de 2011

Medio



As historias veñen cara a nós cando elas queren. A de hoxe é a dos nomes que nos vencellan co medio. Somos unha parte tan importante do ecosistema que en nós mesmos pode caber o ecosistema enteiro. Mar, un nome precioso que lle puxeron a unha nena nacida na lancha que facía a viaxe de liña na ría que estou mirando. (Os puristas saben -que sei- que literalmente non é a mesma ría, por iso de ver dúas veces a mesma auga fluír). E pérdome na divagación, porque o conto é que coñezo unha nena de catro anos, preciosa coma Mar, que se chama Amor.

Por que lle poñerían ese nome? Formará parte do medio?






Algúns mortos tamén chaman
por teléfono.
Por falarnos.

Usan nomes,
dannos verbas que os reviven,
fanse ecos,
son recordos aínda vivos,
agolpándose.

Unha frase,
unha historia,
a secuencia hoxe perdida.

Cousas que quedaron por dicir.
(e por querer)

O sonido é sobresalto.

Tempo ido,
                                   recobrado ou esquecido,
xamais volve.

De ser eu quen por ti chame,
se ti o pensas,
non respondas,
non descolgues por falarme:
sendo o aire que respiras,
a auga de refrescarte
ou todo o po que a ti te mancha,
                                                                         serei eu se son así,
para que querer palabras?










1 comentário: