quarta-feira, 7 de setembro de 2011

As peras

Días coma este, no que empezan as festas do pobo, lembro un conto que me repetiron unha chea de veces. Hai moitos anos, un político, dentro do seu programa de promesas electorais, someteu ao criterio popular as necesidades da vila e os cidadáns, intelixentes como se supón, pediron “un de cada dous días, festivo; e que se celebren as vísperas”. O político gaña as eleccións e, como do que se promete ao que se fai media un abismo, só concede a petición durante unha semana cada ano. E aí está. Aos da vila dálles un certo aquel contar esta historia e tenden a dicir simplemente que celebran as festas das peras. Así, e con minúscula, coma quen non quere a cousa.






Ponte de pedra









Tén Pontedeume tres pontes,
dous torreóns e unha ría,
en Breamo unha capela,
e en san Miguel romaría.

A ponte vella é a ponte,
outra é a ponte do tren,
a ponte da autoestrada
non é ponte de ninguén.

O torreón dos Andrade
fai a vila cabaleira
e o torreón do castelo
míralle a alba primeira.

Breamo tan só é monte,
non dá chegado a montaña,
aínda que asombra aos eumeses
porque se dá moita maña.

A capela alí é bonita,
moi antiga, medieval;
se se lle dan sete voltas
tense parella formal.

Polo maio,por setembro,
san Miguel son boas festas:
viño, baile, mozos, mozas
entre árbores e xestas.

Árbore moi meritoria,
é a da fábrica de Esteiro,
coa cancela e cos andares,
o teixo vese tristeiro.

Igual que o teixo do asilo,
agachado entre edificios
soñando con transladarse
para a área de servicio.

Alí deixaron perdidos
tres abetos, buxos e uces
separados da alameda
polos coches e autobuses.

No xardín municipal
gardan o que é de valor,
dez palmeiras, cen roseiras,
e unha árbore do amor.

O torreón dálle abrigo,
e déixalle que mire á ría
mentres ten mozos no banco
con cariños e alegría.

Por alí chegas ao tren,
pola estrada da estación,
cara á Pena do Soldado,
pola escola, ou o Pilón.

En tempos vila de bispos,
casas grandes, prazas, pazos,
almacéns de mariñeiros,
redes, barcos, pans e brazos.

Un convento medio vello
feito casa de cultura,
dous cines reconvertidos,
cemiterio e sepulturas.

Dúas tumbas son famosas,
o poeta e a francesiña,
as outras son coma todas,
mais con vistas desde a cuíña.

A do Pan, a da Calzada,
as prazas rectangulares,
as Angustias, a da Leña...
todos fermosos lugares!

Pola praza do Concello,
entre as tendas da Real,
vense os postos do feirón,
soportal tras soportal.

O mercado é variado,
nabizas de Vilachá,
boas cereixas de Irís,
e de Centroña, mazás.

Queixos frescos de Queixeiro,
bolsos, coiros, africanos;
chourizo e xamón de Lugo,
de China vén roupa e panos.

Todo se compra ou se vende,
todo ten prezo marcado,
menos lograr amizades
que é de balde, regalado.

As cousas espirituais
son de vital importancia,
cóidanse corpos e almas
a diario, con constancia.

O paso en semana santa
é modo de camiñar,
saben todos a súa música
aínda sen saber rezar.

Orfeón non o formaron,
parécelles moi formal,
confórmanse coa rondalla
e a banda municipal.

As torres da grande igrexa
enmudecen as campás,
e deixan alí o seu sitio
á carraca: clá-clá-clá...

Cara á igrexa das Virtudes,
oran tamén os veciños,
indo na súa corredoira,
ou polas zonas dos viños.

Beber como relixión,
xeito de ser sociedade,
tascas con vellas e mozos,
xentes de calquera idade.

Rematándose o verán,
fan as festas importantes,
ao patrón e á patroa,
e tamén aos veraneantes.

Hai concursos ben diversos,
o das froitas, a cucaña …
Hai mómaros, cabezudos
con nenos como compaña

Melindres, amendoados,
proia, rica costrada,
están en tódas as casas
onde non falta empanada.

E, cando a festa se acaba,
xente ao río en romería,
saen lanchas, enchen botes,
vanse cheos de alegría.

Polas noites dorme a xente,
custodiada ben na ponte
por un oso e o xabaril
recén baixados do monte.

Animais de moito porte,
pensan facelos de pedra,
rodeados dun xardín
con buxos e algunha hedra.

A vila non dorme nunca,
todo o máis dá cabezadas,
ben deitada ao pé do río
con Breamo de almofada.

Deixémola descansar,
vaiámonos indo a modo,
cando volva vir o sol
volverá de novo todo.

















.

Sem comentários:

Enviar um comentário