sexta-feira, 15 de junho de 2012

Líderes










Estes días atrás lin en varios xornais que somos líderes en España. Poñíano moi claro como se a cousa fose importante e novidosa. Si que o somos. Eu sei que tamén o somos en Europa, e non andamos a propagalo fachendosos por aí. Por modestos, claro!




Sei, por exemplo, que as nosas ameixas, as de aquí de sempre, son negras, ou tiran ao negro, por causa da contaminación da ría, que destrúe a superficie das cunchas e fixa nelas os restos que lles proporcionan esas coloracións innecesarias.

Coñezo a historia das bombas fétidas xigantes que temos na nosa ría, cando baixa a marea, producidas pola sedimentación dos residuos que nós lle enviamos, e que nos dan unhas enormes cantidades de ácido sulfhídrico, ao tempo que eliminan osíxeno e dificultan a vida marítima nesas zonas, facendo que os optimistas relacionemos un cheiro noxento coa peste da marea baixa que, en condicións de limpeza, tería o recendo de carecer de olor.

Contáronme o efecto de quecemento da auga na zona de Megasa, pola fundición da chatarra, e o arrefriamento na zona de Reganosa, por causa dos depósitos de gas, con efectos indesexables en ámbolos casos. 

Aprendín que esta ría é un exemplo máis da acción destrutora do home, e de como a natureza tenta remendar malamente o que pode. Incrible posuír unha zona tan rica, basicamente en moluscos, tendo tamén nela o lugar máis contaminado por fecais de toda Europa.

Conclúo así que todo o anterior é normal se un acaba sabendo que a contaminación é característica común das rías galegas, e esa foi unha das razón que levou á Xunta, hai anos, non a limpalas, e si a sementar en todas elas ameixa xapónica, moi resistente á contaminación, pero capaz de irse impoñendo ás especies autóctonas, que son cada día máis escasas e prezadas.

Un exemplo a seguir! Líderes nas bandeiras azuis, somos quen de mellorar o medio, como se ve na zona costeira de Caranza:  fermoso paseo marítimo, con liña de costa artificial que tén toneladas e toneladas de area da ría de Ares, conseguindo  unha praia urbana limitada por dous grandes emisarios de augas residuais.  Con marea baixa a zona de baño queda sufrindo influencia de un, na preamar domina o outro a praia. A consecuencia é unha costa na que está totalmente prohibido o baño, pola barbaridade de coliformes que teñen na auga o seu medio de vida (supera en máis de cinco veces os límites permitidos),  pero á que acode moita xente a tomar o sol, e cando xa a calor é demasiada ... 

Menos mal que cando haxa cartos acabarán saneando todo, pois as subvencións que se deron na UE para as depuradoras das nosas rías fixéronnos falla para pagar os paseos marítimos que precisabamos.













Porta de esmeralda para a ría,
aberta polo soño máis viaxeiro
gravando en arsenais algún roteiro
con camiños en auga como guía.

Abrigos con calor de nome claro
montesa a voz co rexo acento noso:
sinxelo, luminoso, Montefaro;
indómito e feroz, Monteventoso.

Vixías do perigo con fiel celo,
saídos doutras guerras, penitentes,
soldados feitos pedra de castelo

na ría fan real pasada gloria
navegante, en augas transparentes,
vixiantes inmortais da súa historia.














.

Sem comentários:

Enviar um comentário