domingo, 14 de agosto de 2011

Crise





Xúntanse tódolos tópicos, e xa temos o que nos faltaba. Os futbolistas van facer folga. Unha folga máis que xustificada, pois eles tamén forman parte desta sociedade en crise e sofren as penurias tremendas do afogo económico. Non lles abonda con prepararen un partido para que poidamos ver cada vez que os reality show lles deixan un oquiño no televisor. Non é suficiente con que nos bombardeen na prensa coas estupideces que se lles ocorren a eles e aos periodistas “deportivos”.  Non chega con que teñamos un estado no que os diarios máis lidos sigan a ser, desde hai demasiados anos xa, os de deporte, nin é suficiente con que as crianzas, por pequenas que sexan, soñen con ser futbolistas de maiores... O preocupante de todo esto é que non lles pagan aos xogadores, e eles, todos, din basta ya! (coma se esta consigna non estivese ocupada; nótase que non é necesario pensar moito nesto do fútbol, que é só cuestión de pelotas).

Vale, pois pagarémoslles, como non! Eles poden fichar por clubes sen un peso, seren fondos de inversión que garanten o 10% de rendemento anual, e despois iren á folga. Nós, entre todos, pagaremos, coma sempre. Como pagamos cada vez que nos mandan. Dúas, tres, catro veces a mesma cousa, pero non hai fallo. Para eso estamos! 

NOTA.- Se hai algún sitio para asinar que a folga se leve a cabo un mínimo dous ou tres anos sen partido ningún, eu asino. 







Escápame a alegría cando a busco

e fáltanme ilusións para contar,
non teño optimismo que poñer
nun tempo que se debe soportar.



Se miro para un lado, non me agrada,
polo outro as vidas vense mal,
se penso en máis futuro, desespero
e trato de esquecerme do que hai.



Acabarei sentindome mellor?
Terei satisfaccións a celebrar?
Vereime compracido nalgún caso?
É noite para min. Para soñar.












.

Sem comentários:

Enviar um comentário