sexta-feira, 5 de julho de 2013

ITV


 Frases.


     Son reincidente. Debo recoñecer que as cousas nunca me pasan unha vez soa. Non sei como me amaño, porque de primeiras non o intento, pero sempre volvo aos lugares coñecidos. Pode tratarse de algo rutinario ou de cuestións esporádicas, pero ao final eu repítome. É dicir, non aprendo de contado e, como acontece nestes asuntos, acábamas pagando o pelello. Un das frases que lembro desde rapaz é esa de que o que non tén cabeza tén pés. A frase seina, mais coa sensación de que entender, entender,  non acabei aínda de entendela de todo.
     Ao que ía. Hoxe fun á ITV co coche que pasadomañá cumpre vinte anos nas miñas mans. Vinte anos o día sete. Loxicamente non só revisei o coche na inspección, tamén lle dei un bo repaso a moitos dos lugares a onde o coche nos transportou nos case trescentos mil quilómetros que marca. Tempos pasados. Viaxes preciosas que rememorei namentres oía a canción esa que di que se perde todo o que non se dá. Cantas cousas demos e nos deron neses quilómetros! E que ben que non todo estea, pois, perdido. Tiven moito tempo para recordar porque non son nunca puntual, teño unha tendencia innata a estar moito antes da hora, e ata levo o reloxo un pouco adiantado, así que a espera foi perfecta, longa, ao sol (hoxe seica tivemos na nosa terra o día máis cálido do ano), e feliz.

     A ITV, a verdade, coma sempre: as luces non ían, e desta vez tocoulles a tódalas de néboa, tanto diante coma atrás. Pero dixéronme que era un defecto leve, que  fose ao taller, e que non tiña que volver ata o seguinte aviso. E eu xa non sei, son vinte anos, e ao mellor convíñame cambiar o coche. Atrevereime? Deixarei irse unha parte da miña historia? Serei capaz de desfacerme dela sabendo que o único fin que lle espera é a destrución total? Total! E por unhas luces máis ou menos cada certo tempo...


     Tamén me ensinaron de pequeno iso de foi bonito namentres durou, pero é unha frase que non me gusta nada. Será que a entendo mal.














O gozo que nos dan os que queremos
ensina a ver a vida agradecidos.


É sorte poder ter tal regalía
sexa ou non por nós xa merecida.
E neles, nos amigos, nas miradas
ollamos, confiados, o camiño.


Que damos, pois, no troco, que compensa?
Que oferta é a que se acollen na ventura?


E diso nada vemos, nada asoma,
só nós, miseria e risa compartidas.

Se damos é amor moi mal medido,
valor nalgún aprezo recibido
tristeza e certa mágoa polas dores
e apoio a pisar  firme no futuro.




E só o que pedimos que nos dean
e dannos moito máis do merecido.

























.