sexta-feira, 20 de abril de 2018

Herba e leiterías


Apañar herba.

Un dos meus paseos preferidos realízoo a cotío para apañarlles herba aos coellos e ás galiñas. En realidade non é paseo porque é ao pé da casa e por tanto resulta excesivamente curto como para ser considerado camiñada. Por riba, vou con fouciño e carretilla, así que máis semello un labrego apegado ás tradicións que un sendeirista de decathlon e gps dos tempos actuais. No meu caso non hai esforzo algún, só o abraio de pararse a contemplar, de ter tempo, os cambios que ofrece a natureza. Nesta ocasión foron as cerdeiras do veciño as que me chamaron. Non puiden menos de achegarme a elas, de verlles as flores, de meterme entre as súas pólas e de tirar un par de fotos. Non fixen nada novo, porque todos os anos me chaman a atención, e, sempre, en todos os anos e en todas as épocas, acabo por fotografalas. Polas flores, polos froitos ou ata por ese  colorido de finais de verán que as transforma nunhas árbores novas e dignas, erguendo ao ceo moi dereitas as súas polas, namentres se desangran en lucidas colores como anticipo a un letargo invernal no que se preparan, na máis absoluta desnudez, para soportar os fríos. E vense tan necesitadas neses grises días tristes que ata os paxaros, que lles papan todas as cereixas que poden no verán, volven a elas para facerlles compaña.  Hoxe non había paxaros, hoxe fun eu só o que andou a remexer por entre elas, coma se me quixese impregnar da súa brancura fresca aproveitando un dos escasos días de sol que nos leva dados esta primavera.
E os coellos e as galiñas? Felices coma min, por poderen desfrutar da herba e das leiterías que lles vou collendo.





Do branco das flores da cerdeira
ti
que as mirabas
tés a sombra
tés pétalos 
perdidos

coma olores do azar máis fuxidío.












.

terça-feira, 10 de abril de 2018

Paseos


Unha volta pola ribeira. 
Pasear nunha escampada tén moitos praceres diferentes. O primeiro, gozar dun instante de aire fresco e limpo que apetece respirar, coma se saír da casa entrase na categoría da liberación. Estase ben dentro, desfrutando da lectura, da televisón, da música… da calor do fogar da que falamos moitas veces sen necesidade de aclarar máis. E en compaña, por riba.
Saír fóra, case cumprindo o deber de moverse (ou simulándoo) e verse acollido por claros de ceo azul que un non sabe se acompañarán en todo o percorrido dálle temén incertidume ao paseo. Un punto de suspense por se remata a cousa en dar a volta con apuro antes de acabar enchoupado de todo. Que, a estas alturas de ocupación, tamén resultaría divertido.
Hoxe fomos pola ribeira. Un percorrido curto e agradable, pola proximidade coa que desfrutamos do mar. Mesmo a baixada que hai ao pé da casa grande das palmeiras permite ir vendo como as árbores do peche da finca dan  unha postal fermosa en contraste co mar que se percibe entre as pólas, por entre as follas ou entre os seus grosos troncos. Chegar á ribeira, oír o son da auga do río correndo apresurada a mesturarse nun mar tranquilo (hoxe un pouco menos do habitual) e que atopen os ollos a magnolia branca da casa indiana da ribeira, é un regalo. A casa, enorme e elegante cunha preciosa galería branca, con madeiras exquisitamente traballadas, erguéndose e lembrándonos o pasado esplendoroso do que dan fe igualmente os xistos labrados e as grandes laxes de lousa do seu peche, ou, xa digo, a magnífica magnolia que tingue o aire de branco realzando a casa que adorna, xa merecerían, sen máis,  ser a razón deste paseo.
Que despois veñan os peiraos dunha aldea e doutra, ou atopemos tamén as case ruínas do vello cine, explican de seu que este sexa sempre un paseo vivo; curto, sabido, pero, e sobre todo, vivo.














O paseo dá a compaña dos camiños
Percorridos tan queridos
Pasos nas paisaxes coñecidas
Entregados 
Coma os días que nos xuntan
Son e eco nunha voz
Eses días…
As sorpresas non sorprenden
Que non veñan novidades

Que ninguén busca escoitar

























.






sábado, 31 de março de 2018

Desaprender




Vernos nos demais pode axudar a recoñecernos. Poderiamos así desaprender (fíxome graza esta palabra que lin onte, nun artigo sobre educación -por riba-) e perder aquilo propio que parece non necesario. Ou ata noxento.

Hai unha capacidade nosa que tende a igualar e volver común todo o que vemos, ou o que nos contan. Así non custa meter dentro do saco de semellantes  a seres que están certamente lonxe dos nosos principios e normas. E penso, por exemplo, naqueles veciños que consideran que nada é mellor que una boa liorta para fomentar a comunicación con todos os da contorna. E canto peores sexan as súas consecuencias, maior felicidade. Seres, digo, que alardean das súas accións e teñen a ben dicilas coa maior fachenda do mundo.

Unha situación semellante a estas das que falo, puiden contemplala estes días nas obras de acondicionamento do baixo dunha casa unifamiliar, coas que perseguían  adaptalo a vivenda para darlle cabida a unha xeración nova da familia que parece buscar un mínimo de independencia dentro do mesmo edificio. As obras, iniciadas sen parte das licencias pertinentes, tal e como esixe o hábito das nosas xentes, están agora paradas, como se corresponde co urbanismo que nos rodea; obras que seica molestaban aos da casa máis próxima, que avisan aos catro ventos da denuncia que presentaron. E cóntano moi felices, porque de seguro que non saben iso da maldición de "pleitos tengas y los ganes". Veciños que, xa anos atrás, chegaran a discutir de mala maneira por causa do largo da vía que os separa e, inda hoxe, os incomunica.

Agora, se podo, o meu esforzo encamíñoo a estar á maior distancia posible de sucesos similares,  porque non quero que me retraten tan fielmente coma a eles, no caso de que me dese  por tomar a vida así,  tan seria como algúns a queren  facer.  









Un vive para un
de quedar vida
na forma natural sen egoísmo.


Un dá para os demais
e o campo volve inmenso e máis aberto.

A terra faise alma
e froito da ilusión nace a esperanza.


No tempo cabe sempre a explicación.



















.





quarta-feira, 28 de fevereiro de 2018

Galego...



... coma eles!
Lendo o artigo de Manuel Jabois (Sementar), veume á cabeza o asunto da caza, e o obsexionado que me deixou, que non facía  máis que pensar nas partes. A culpa, coma sempre, dos medios de comunicación, que non paran. Escoitara falar na radio estes días dos problemas derivados da contaminación, neste caso química, e das diferencias grandes dunhas comunidades a outras, segundo afirmaban. Sabíase ademais, por un estudo completo, válido para todo o estado. Empezaron comparando a Cataluña e Galicia, non se sabe moi ben por que, mais eu creo que foi debido a que o organismo que desenvolveu o estudo era catalán e púxonos a nós pensando que nos ían gañar. Pero perderon. Rácanos como son, non quixeron gastar comparándose cos do País Vasco, porque sabían que alí tamén teñen industrias, e elixiron Galicia, porque aquí nin o viño nin o leite son totalmente química, e como outra cousa non hai...
Conste que eu non sei de que me alegro, porque non son das persoas estudadas nesa investigación. Pásame coma en tódalas enquisas, nunca me toca máis que lerlles os resultados. Ás veces penso que xa as fan as máquinas que inventan persoas de mentira para facer resultados de verdade. Neste caso é un pouco máis difícil, porque como estudaban o seme íano ter complicado.

Si. Eu sempre o dixen, o seme dos galegos é o de mellor calidade de España. Iso débese á pouca contaminación, derivada da inexistente  industrialización.

Pero, un momento... Estudaron tamén o seme dos galegos emigrados en Cataluña e no País Vasco? Buscaron incluso aos galegos de ultramar? Non farían o estudo en Burela, onde seica hai xentes que viñeron de Cabo Verde, que son unhas illas nada industrializadas perdidas no Atlántico? De que galegos falamos? Eu quero pensar que os que fixeron ese estudo vían daquelas o programa de Buenafuente, e a quen acabaron pedíndolle o seme foi a Alfonso Alfonso e os seus veciños, aproveitando que andaban por Cataluña e así podían aforrar. Sendo así, e sabedores que eu son da mesma zona...






A pel vese suave na caricia
O tacto faise lento 
de profundo
Entregas que un achega
Destemido
Sendo o tempo
 Aí
A clara pausa
O desexo concentrado nun instante
Tan fugaz
Tan soñado
Na apertura do interior
De todo un
E aparecen os instintos máis primarios
Os desordes xenerosos do egoísmo
Nunha paz que se quer lonxe
Cal final.














.