domingo, 16 de agosto de 2020

Vergoña

 Vergoña.

    Ese titular repetiuse en moitas cabeceiras de prensa para resumir o 2-8 desta semana entre o Barcelona e o Bayern. Eu, seguidor do Barça desde pequeno, acostumado a velos perder con máis frecuencia do que quería, e botándolle a culpa a factores externos, por hábito case, sentinme raro (e contento) na época de Cruyff, e definitivamente estraño con Messi e os seus títulos. De todas maneiras, algo non parecía encaixar, canto máis sabía un destas institucións, menos seguidor se sentía; algo así coma cando te achegas a ver un vertedoiro do lixo dos de antes, por aquilo de que, onde estaban, as vistas eran únicas, e un ía, pero tapando o nariz polo cheiro. Ao final, ese cheiro remataba por botar a un ata dos arredores, e todo o que fora o seu interese era agora só un sensentido, con tanto fume (ou máis) coma o do vertedoiro.

    Un par de días antes deste partido, Xavi Hernández dicía nunha entrevista que non era comprensible que se insultase aos xogadores de fútbol, cando con calquera traballador no desenvolvemento da súa profesión, coma por exemplo un camareiro, non se facía; só por unha cuestión de respecto, dicía. Ese mesmo Xavi, da época de Messi, e dos triunfos dun estilo de fútbol, xa nos tiña avisado antes de como andaban o futbolistas e o pensamento, facéndonos saber que Qatar non era un país democrático, pero funcionaba  mellor que  España. 

    En realidade, ao final tén razón unha amiga á que non lle gusta o fútbol, que pensa desde hai anos que  vergoña é o que se lles paga aos futbolistas, e o caso inmerecido que se lles fai. Unha triste vergoña. 






Pena literal que nos esmaga

nos pasos aos que non imos afeitos

nas vistas entregadas ao invisible

nas brumas indecisas que dá o tempo.


Onde irá a ilusión 

onde a alegría

onde os fins perdidos e a derrota?






.





domingo, 9 de agosto de 2020

Esquecementos

         


      

    Agora o meu animalario doméstico redúcese a tres galiñas e dous coellos. Levo un tempo decidido a non manchar as mans de sangue, así que estes animais teñen xa anos comigo. Todos vellos. Con boas pintas, porque son tan poucos que se lles pode prodigar a atención e mesmo darlles a comer do que máis lles preste. Pero vellos son. E, como con todos, estes tempos de senectude teñen as súas repercusións a pouco que un se pare a mirar


    Teño unha das galiña choca, nun síntoma claro de vellez, porque é unha galiña poñedeira e debería saber que non podía chocar, así que eu atribúollo a que xa non recorda ben cal é realmente a súa función, e consíntollo; deixeille cos ovos das outras un par de pelotiñas de pimpon, para que se entreteña, porque ao non haber galo, vese complicado que chegue a ter pitos, pero a ilusión pode tela. As outras dúas si saben que deben poñer ovos, e aínda que non os poñan todos os días, van deixándoos no poñedoiro con certa frecuencia, xusto para ter a sensación de utilidade que todos precisamos. Onte recollinlles dous, e preocupeime. Unha delas debe estar tamén en fase de  perigosos esquecementos, porque o ovo que puxo é de inexperta total, con tantos vultos e tan raro que non se sabe por onde miralo para verlle a forma ovoide. É un ovo estraño, tan mal feito que eu agardo que ela saíse axiña do niño e non se parase a ver o aspecto daquilo que deixaba. Se o viu, ao mellor bota xa a semana enteira sen poñer outro, por vergoña.







Oímos o contado

os restos do soñado

nos aires da derrota non vivida


Memoria triste

a anterga

a vida vista en  tempos  

descarnada

as regras non son nosas

non sabemos as razóns 

nin pretendemos

pasamos nas historias polo lado

non son nosas


Non é a nós, nin nos alude

Queda tan nos pousos o afastado!








.

domingo, 2 de agosto de 2020

Ter por ter



    A ociosidade dános, entre outras moi boas cousas, tempo suficiente para pararnos e vernos a nós mesmos desde fóra. E sorprendernos así. No meu caso a sorpresa non me deixou co ánimo mellorado, levoume máis ben a unha desazón inqueda, a verme como non desexaba, e a moverme para tentar cambiar (no posible).

    É tempo de verán, de días longos e de traballos que tentamos deixar para mañá, para cando un non teña qué facer. Nun día deses, nos que semella sobrar algo, mesmo o aburrimento, decidín facer limpeza e revisión de obxectos gardados. Nunca tal fixera! Levo xa tres días enguedellado e non dou saído adiante. Só atopo cousas para tirar, múltiples obxectos inútiles de todo, se exceptuamos o seu servizo para demostrar que o de ser Dióxenes non é algo difícil. Acumulei, acumulo, enormes cantidades de material tan diverso coma obsoleto, por se algún día, máis adiante, alguén… Paquetes precintados e rotulados advertindo de contido, máquinaria estropeada empaquetada na súa caixa orixinal xa apodrecida, restos de madeiras ou ferrallas agrupadas en lotes manexables… Unha loucura! Convencido como estaba de non ser así, descubrirme palpablemente real cunha síndrome que non vía en min, deixoume atordado. Como se poden chegar a gardar con mimo máis de duascentas caixas de cds baleiras pensando que poderían ser reutilizadas noutro momento? Ou sensentidos aínda peores que non me atrevo a escribir, porque pensar neles fai que a cara se me arrubie de vergoña aínda máis.

    E así, sen buscalo conscientemente, remátame de momento a celebrada ociosidade,  pois vexo aquí unha semana de recoller para reciclar e levar ao lixo o noventa por cento de canto gardei (confórmome con conservar un dez por cento de como eu era antes, e non me parece pouco!). Por riba, acórdome que, de pequeno, os maiores falaban mal dos que “andaban con dioxenadas”; pero, evidentemente, a min levoume máis tempo do debido entender no seu sentido completo o que resultan ser as dioxenadas…












Queda do día a luz que reconforta

Descansan as brumas en manta de colores

Sabe o aire a seco de verán.


As manchas,

antes flores,

caen das paletas descoidadas 

e abren os camiños do secaño.


Perviven os olores

arrecendos coñecidos nos espazos imposibles

inmóbiles de seu

no gris que non tén sombra.


É o estío

bico envolto nas calores de verán.













.