quinta-feira, 4 de junho de 2015

Catro de xuño


Ensinar é unha actividade case sempre ilusionante e pracenteira.

Hoxe mesmo foi un deses días. Na clase de ciencias sociais estivemos a falar do home, e da súa evolución histórica. A verdade é que máis semellaba que estabamos a contar un conto que a estudar historia. Pero os nenos estaban cos ollos así, abertos de todo, luminosos e alegres para que por eles entrase o coñecemento que a curiosidade desperta. Raúl, un deles, xeralmente tímido e pouco falador, ao rematar a clase, preguntoume, con esa inocencia que dá ter nove anos, “E nós onde estabamos antes?”. Crin que se estaba a referir a antes do paleolítico, que fora o período que nos ocupara os últimos minutos da clase, pero a súa cara arrubiada e os seus ollos brillantes non lle acaían moito  a épocas tan remotas.  “Antes do paleolítico?”. “Non. Nós. Onde estabamos nós antes de estar na barriga de nosas nais?”. Si que me sorprendeu. E non lle dixen máis que “Mañá contámolo”. Pero a verdade é que me fun pensándoo.

Non precisei moito tempo para sabelo. Un catro de xuño ou un dezaséis de setembro estas cousas seinas decontado. 

Antes estase na cabeza das nais e dos pais para que se una todo canto eles desexan, canto soñan, e dea lugar a un ser que sempre  ha superar as esperanzas nel depositadas, facéndose mellor do soñado e mellorando tamén a cada un dos seus proxenitores só polo feito de podérense ver naquilo por eles creado. 

Nota.- Esta sabiduría, que me acompaña desde hai xa trinta e dous anos e que se vén ratificando por duplicado nos últimos vinte e sete, non tén mérito ningún: é só o resultado da propia experiencia.








Chove en Richmond
avanzan os tempos do mañá
e todo ha ser futuro.

O tempo é a despedida
fluído na corrente
nas ondas das persoas 
sen obrigas
sabendo dos destinos
dos deberes
cumprindo
nunca en multitude
coa procura.

Pararse nos retrasos
deixar oír tamén
palabras longas
en apertas
miradas
ou dar ese riso necesario
amigo como cómplice segredo
é vernos nos adeus
nos ata logo
da esperanza nun encontro.

Chove en Richmond
sen frío
brillando en cada folla.

Mollan as pingueiras toda a rúa
e quedan as calores.

Non se apagan.

Chove en Richmond
manseniño
e os círculos na auga
sábense infinitos
grandes
invisibles

infinitos.













.