quarta-feira, 26 de setembro de 2012

Triste






Día gris e triste. Choveu aos poucos xa desde pola mañá e o ceo púxose da cor do chumbo. Contra a noite, ao írense as poucas luces do sol, semellaba mesmo coma se non quedase outro remedio cá  retirada. Esa hora, sobre as oito e media, era o tempo ademais no que eu estiven a ver as imaxes da manifestación de onte en Madrid.

Triste, gris, patético e tan penoso escoitar aos políticos e dirixentes policiais! Ver a actuación dos antidisturbios, contemplar as malleiras indiscriminadas e despois ter que soportar ao presidente do goberno falar dun recoñecemento a esa maioría silenciosa que non se manifesta, fai desexar volverse desinformado e esquecer a miseria moral dos reitores da sociedade que agora padecemos.

Alguén comentoume ultimamente que os políticos eran completos actores. E tén razón. Unha persoa que non estivese a actuar non podería defender deste xeito actuacións a todas luces indefendibles. Doutro xeito, pero igual, o novo presidente da comunidade madrileña, e capaz de saloucar emocionado ao glorificar á súa antecesora e, de inmediato, tras tomar un grolo de auga, seguir co seu discurso de investidura con voz perfectamente clara e potente, como se non pasara nada; e nada pasou, claro: teatro, puro teatro.

E para rematar, como non todos son iguais, podemos comparar a Rajoy reclamando Xibraltar na ONU e a Fdez. Vara reclamando a Cataluña que lle devolva a 150.000 estremeños que lle levou emigrados.











Semáforo vermello
e nada en obras
everybody hurts
con chuvia dando forte nos cristais.


Máquinas cansadas
cobren as ausencias das persoas.
Everybody hurts
e a radio vai calando.


Mundo construído e artificial
inmenso no silencio provocado.
Cala a radio e doe o corazón
e todo afoga.

E fóra chove...














.

Sem comentários:

Enviar um comentário