Vese que o meu non dá para granxeiro. Non sei como fago, pero os froitos que ando a recoller nada teñen que ver cos que a xente normal que deixa o tempo nestas tarefas acaba por obter. Non é que os meus resultados sexa fallidos, é que na maioría dos casos, nin son.
Semento acelgas, plántoas despois, e nada; nin unha verza para a pota; todo o máis algunha merenda para os caracois. Coas espinacas, peor; porque nin medran abondo para o transplante: cando pasa un certo tempo espigan e aló foron. Só manchas de verde escuro no medio da herba.
Visto o da horta, e xa que dos tomates, pementos ou fresas, mellor calar, a miña atención foi decidida aos animais. Coellos, galiñas, can e gatos. E aí os resultados van a medias. Explícome. Os coellos levan unha tempada sen parir, e a última coella que o fixo debeu pensar que aquilo non era máis que unha alteración intestinal, porque nin atendeu ás crías, deixounas estradas por un lado e outro da coelleira para que eu as recollera. E vaia, cinco, nin moitas eran.
Menos mal que as galiñas non paren. Mais a elas tamén as vou recollendo cando morren, unhas porque teñen frío e outras porque non soportan a calor. Poñen ovos, eso si. Eu non como moitos, porque non me conveñen, pero elas non o saben e pensan que me van conquistar o cariño con eles. E tódolos días ovos. E variados, esaxeradamente variados. Os da foto son dos últimos.
NOTA.- Cos gatos si que estou feliz. Mira que se me dan ben! Tiña unha gata e dous machos. De sempre. A gata paría lonxe da casa e non había crías. Desta non; buscou sitio polo garaxe e, como debe sabe que non me gusta matar animais, conseguiu conservar toda a camada. Unha morea de feras ananas. Quixen regalar un par deles, pero foime imposible. Defendíanse (coa panza para calquera lado, porque non son de raza) e deixáronme todo rabuñado! Agora, por riba de seguir contenta con eles, a nai tamén está feliz porque volve estar preñada.