domingo, 30 de dezembro de 2012

Présas






Gafotas é un coello careto. Responde plenamente a eses animais afeitos a estar coa xente e a depender , máis do necesario, dos seus coidados.

Foi un dos primeiros coellos que naceu na casa e, xa desde os primeiros días, amosouse como necesitado de cariño, e como dador del, quizais pensando que nós eramos realmente os que o precisabamos. Tranquilo como era non foi difícil darlle de comer na man: primeiro pelas de mazá, despois anacos de cenorias, herbas ou o que máis lle gosta, verzas. Un pode darlle unha verza enteira pouco a pouco, deixando que el vaia triscándoa cun ritmo decidido e regular. Non era moi grande cando lle puxemos nome. Foi doado, pois coas cores da súa cara non lle quedaba outra que ser Gafotas, xa que grande é abondo...

Agora está indultado; unha vez que se achega a un para que o acariñe, cando se lle pon nome e estando contento cada vez que nos ve, quen se atrevería a poñelo en anacos na ola da cociña? Lembro a Homer Simpson comendo a Tenacitas, unha lagosta á que coceu por erro, despois de tela convertida na súa mascota, e non me estraña que entre bocado e bocado lle caesen unhas bágoas enormes. E eu non quero que me pase coma a el.

De todas formas a súa función cúmprea e por iso deille hoxe compaña cunha coella branca e grande. A coella, despois das primeiras embestidas de Gafotas, revolvéuselle con axilidade (ten sete meses moi lixeiros e libres), e devolveullas ao macho. Que rara, pensei, debe ser a natureza que tén estas cousas. Tanto tempo soa e quere facer o mesmo que lle fan, pura imitación, seica. Ao perseverar na actitude non me quedou outra que pedirlle a documentación ao animal. E aí estaba a razón do seu comportamento: os documentos que lle vin debaixo do rabo probaban, e claramente, a súa condición de coello.

Agora teño que pensar nun día destas festas para facer coello asado, porque ao branco non penso poñerlle nome.


P.S. A Gafotas observareino con detalle por ver se lle queda algún tipo de trauma psicolóxico por esta relación forzada. Pero é  tan bo que nin siquera protestou!








Gafotas



Véndesme un minuto de impaciencia
roubándome os amores que non teño.


Premuras, anticipos; todo présa
e irreflexión
que nos leva ao desconcerto.


Nada do presente permanece
firme, estable, a asegurar
circunstancias asumidas.


Instante fuxidío,
emocional,
nin luces na memoria, nin razón













.

quinta-feira, 27 de dezembro de 2012

Caspa







Jesús Hermida entrevista á Súa Maxestade El-Rei.

Puido ter sido, se é que non foi, un titular dunha noticia da prensa ou da televisión de hai trinta anos. Cando volvemos oílo hoxe, cremos que non entendemos ben, que algo non vai. E así é. Non vai. Non vai o periodismo, nin vai o país. Non vai nada. Se xa a monarquía é anacrónica e improcedente, esa entrevista non é máis ca unha volta ao pasado, innecesaria e inoportuna. Co fartos que estamos de borbóns!

A televisión española faise folklórica cando goberna o pp. Sacan dos museos todo canto casposo e retrógrado puido votalos e enchúfanos dun xeito ou outro para pagarlles o debido e, como contrapartida, piden o favor laudatorio ritual. No medio de toda a caspa que rodeará esta entrevista, recordándonos así as postais do nadal, Hermida axudaranos a comprender a sorte que temos de que este monarca sexa real, e noso, e evitará calquera alusión a xogadores de balonmán retirados, aínda que se chamen Urdangarín, ou mesmo ás últimas leis de Botswana, a esas que prohíben a caza de elefantes. Todo ben, nesa maneira de "así é, se así lle parece".

Cando remate a entrevista seremos todos tan amantes da monarquía que ata os reis magos quereremos que sexan unha ducia, pero para aqueles que se resistan e sigan coas súas reticencias republicanas, emitirán a continuación un Informe Semanal íntegro sobre Juan Carlos.

P.S. Afortunadamente a entrevista emitirana unha semana despois de realizada. Ese tempo é máis que necesario para facerlle un bo fotoxop, tanto ás figuras coma ás palabras.  

P.S. 2  Miles de periodistas en paro, e traballo para un que cobra pensión.














Os puntos péchanse por xuntos
unidos na forma de figuras,
sen voz e sen presenza.

Nós.
En puntos convertidos, sen sabelo,
andamos os camiños que non hai.

Errados.
Convencidos.
Instinto que nos move sen acción.

Non. Reais non serán eses sentidos
do lonxe que poñemos a visión.
Nós.

Non.


















.











.

domingo, 23 de dezembro de 2012

Cambios






Podería falar de min, pero non, non son eu. É el de quen quero escribir, porque mo contou, e porque o vin e o vexo. El anda un tanto decepcionado coa situación actual. Desmotivado, canso, vendo como parte do que foi se vai diluíndo na brétema do pasado e como se amosa cada vez máis lonxe e irrecuperable. Un podería pensar que caben rectificacións, que existe unha posibilidade de que todo vaia volver ao seu e que un pode tentar crer no que fai, pero a el esa fe necesaria esgotóuselle hai xa tempo. Agora é todo superviviencia. Un xeito de queimar as horas con certa dignidade e un intento de xustificación de principios que se sabe fallido, xa desde o primeiro día; pero, que persoa é quen de sacar ánimo da situación actual, se conserva un mínimo de memoria?













Da ira
da rabia
da xenreira que se asoma visceral
de ver talvez certa arrogancia
exemplo de soberbia decidida.


Do lonxe que aló queda
o tempo propio
da forza imprescindible
xa fuxida
da calma volta intolerancia
do acedo de conquistas tan perdidas
non queda máis que non sexa dicir:


Que suban pois,
dá igual,
eu non me baixo.


































.

quarta-feira, 19 de dezembro de 2012

Límites











Que difícil nos resulta aceptar as nosas propias limitacións e que doado sería superalas de sermos quen de as aceptar! Aínda que, pensándoo mellor, se lle cadra, tampouco é tan preciso que nos vexamos demasiado ineptos, e tentemos así acadar os obxectivos propostos no convencemento do éxito final.

Os nenos, na súa inocencia simple, na que non existen as consecuencias dos actos nin se coñecen relacións de causa efecto, poden dicir con tranquilidade as súas incapacidades, e nun momento preciso, de serlles requerido, inician convencidos as accións pertinentes que os leven á superación dun obstáculo, por máis que este incluso poida chegar a ser insalvable. Eu son dos que creo esa anécdota na que contan que interveu Einstein, por moito que non teña claro que andaba a facer por alí. A historia acontece en pleno inverno, nun dos estados americanos norteños. Inverno e frío que deixan neve e xeada por todas partes, incluso por eses estanques ou lagoas non moi grandes nas que adoitan xogar os nenos. Varios rapaces patinan no xeo que, imprevisiblemente, rompe e deixa caer a un dos patinadores; outro deles, o máis amigo, non o dubida e vai ata a beira do oco para tratar de collelo e tirar del; namentres os outros piden axuda,  el tamén cae. Cando os adultos chegan, entre eles un bombeiro, quedan abraiados ao ver completamente mollados aos dous rapaces, pero fóra xa da auga.

-Incrible -di o bombeiro- Non é posible que dese sacado ao amigo meténdose el na auga tamén. ¿Como o conseguiu?

-Acadouno porque non había por aquí ningún adulto para dicirlle que non ía ser capaz de facelo -foi a resposta de Einstein.














Sendo tan traballadora
dun lado a outro a voar
como non pares un pouco
ata te vas magoar.











segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

Reis




Seica que por aló, por Serra Leona, para facerse rei (tamén teñen reis, os pobres) deben ser quen a cazar un mono. Eu non defendo a bondade desa proba, pois non me parece moi recomendable andar a fastidiar aos antepasados, pero eles téñeno como norma e precisan dunha paciencia infinita para poder facerse coa presa, pois deben cazala coas mans núas, de igual a igual. Parécelles que así proban o seu enxeño, a súa intelixencia, inda que eu o vexo case como un feito de constancia e, se me apuran, de turróns, sen máis.

A nova, onde se explica isto con detalle, deume máis que pensar conforme seguía a lectura. En realidade estaba a relacionarnos a paciencia coa infinidade de actos sinxelos e pequenos que se realizan cada día para deixar clara a oposición ás medidas que están destruíndo a nosa sociedade e levando a moitos sectores a situacións desesperadas.

Pero, en fín, eu non sei se estará moi ben traducido porque as palabras orixinais son kele, kele, ketch monki, en idioma krio, que é un dos que falan por alí, dicindo que en castelán significaba se necesita mucha paciencia para cazar un mono,  e iso de repetir dúas veces o mesmo non aparece na tradución, que ten oito palabras, oito, o dobre das que lle dixeron ao autor. Digo isto máis que nada porque aquel que non queira perseverar e agardar o necesario (presumiblemente moito, así como tres anos máis que é cando tocan as xerais) ten un argumento ao que acollerse. De ser o caso de empezar de contado a nosa caza, se hai que apuntarse, apúntome. Por se podemos vivir como reis!








Que veña a mutación,
para andar nela.


Non é por desbordar adolescencia
nin é por parecerme aventureiro
sabendo como sei o que outros sofren
mirándolles nas caras o baleiro
e véndoos reducidos case a cifras
que veña a sedición,
hei andar nela.


Non é por semellar algo valente
nin é por non querer ser máis da grea,
pensando no que din os que gobernan
sufrindo as inxustizas que son lei
e vendo mendigar por ser persoa,
de haber revolución
andarei nela.












.

quarta-feira, 12 de dezembro de 2012

Fotos






Vin fotos impactantes de África e Asia e lin o titular das noticias que comentaban as palabras do exalcalde de La Coruña, equiparando aos nenos xudeus perseguidos polos nazis cos nenos que falan castelán no medio do patio dun colexio catalán. A  súa foto na reportaxe pareceume obscena. Que un dirixente que representou ao estado español, que gobernou unha das cidades máis importantes de Galicia e que foi un dos máximos dirixentes do partido de esquerdas máis votado, indica tan só qué esquerda temos no país e qué dereita podemos agardar.  Que as medidas do PP sexan as que son en tódolos ámbitos, case se pode xustificar con declaracións coma as de Francisco Vázquez (perdón, Paco, que é moi campechano tamén el).

Pensándoo ben, e tendo en conta que a embaixada era na Santa Sé, premio para o socialista máis católico; repasando a historia pois, seica os xudeus foron os que mataron a Cristo, así que este (Paco, non Cristo) inda llela tén gardada... 

P.S. Como poden ser os representados por P. Vázquez, cando P. Vázquez non agardou ao 2012 para ser como é? E aínda van acabar poñéndoo como defensor do pobo!














As fotos danme o día que non quero
repetíndoo claramente para min
danme a nova luz que eu non preciso
e todo recomenza innecesario.


As horas de fortuna coñecidas
perdidas no decurso da ilusión
ofrecen todo aquilo que rexeito
que non poño na vida como fin.


Reclamo no cansazo o prohibido
dereito solidario de soñar
reclamo para tódalas persoas
existencia máis libre, máis real.















.






sábado, 8 de dezembro de 2012

Noites







A fin de semana preséntase co frío invernal recomendando abrigo e facendo que se suspire por unha lareira. O de ver o lume, observando as lapas nas súas formas, tamaños e cores, ao tempo que un vai quecendo, debe ser apetecible, mais de momento queda lonxe. Así tampouco hai fume, e quizais vaia unha cousa pola outra. Seica por moi ben que tire a cheminea o fume sempre aparece, e faino para quedarse. Queda na roupa, nos obxectos que transportamos e, mesmo en ocasións, no pelo das persoas. A min, desde logo, non me desagrada o olor do fume. Eu nunca o sentín cheiro, probablemente polos tempos de infancia, onde daba imaxes que hoxe vexo cálidas, por máis que naqueles tempos pouco caso lles fixese.









A noite trae o peso para os ollos


Nube que inventamos de algodón,
Tranquila como leito de soñar,
Atenta para historias a contar
Nimbo a coroar o corazón
Paz feita de desexo no querido
Esteiro para os ríos agardar
Nota e melodía a recordar
Afecto na calor polo vivido
















.


domingo, 2 de dezembro de 2012

La Loba




La karaba.

Teatro en Narón e posibilidade de gozar durante dúas horas, que alí pareceron menos, dunha obra que segue a ser de actualidade máis de oitenta anos despois de ser representada por primeira vez.

Onte o elenco encabezábao Nuria Espert, probablemente a artista española viva máis premiada, e, a bastante distancia,  un grupo de bos actores dos que, ao menos no meu caso, o máis coñecido viña a ser Carmen Conesa. A obra, ben; desfruteina desde a primeira fila e puiden observar de preto o repertorio xestual e os acenos de cada un dos personaxes. Ata cando bisbaban podía sentilos! O argumento actual, tristemente actual e perfectamente trabado, non por coñecido menos interesante.

Moi ben, todo, grazas.

E por que non aplaudín como o teño feito noutros casos? Por que non me puxen en pé cando saudaban? Por que non tiveron que saudar máis dunha vez? Será cousa do frío. Decembro e xeada por fóra a fartar. Calefacción dentro, pero frío desde a escea. Se se puidese resumir todo nunha frase, ao mellor sería: “Non fomos capaces de crelos, nin a eles, nin ao que dicían”. Incluso penso que algunhas das ocasións en que o públco se riu, aproveitouno para facelo como liberación. Explícome: Carmen Conesa, 52 anos levados como se lle ven, non é crible como “rapaza pizpireta” que está na etapa casadeira; Nuria Espert, 77 anos preciosos, non dá unha Regina que quere ir a Chicago a vivir os luxos que dan os cartos; Víctor Valverde, 74 anos, morrendo aos poucos xa na súa primeira aparición... 
Probablemente esta representación chegoulles vinte e cinco anos tarde, como mínimo.  Así, ao mellor, xa sería outra cousa. Agora ben, tampouco eu entendo tanto de teatro. E, de entender algo, entendo o difícil que ten que ser para a xente nova entrar neste mundo de vacas sagradas que están sempre e en todas partes (doutro xeito, como levarían premios?), independentemente das características que se lle poden presupoñer aos papeis que interpretarán. Non se axustan aos perfís? Sen problema: podamos por aquí, engadimos por aló e xa vai. A obra é unha adaptación (palabro-mantra imprescindible para un director que se prece) para que todos a vexamos actual. E así vale. O problema é que o público, ou alomenos parte del, é un inadaptado.

Coma sempre, unha cousa levoume a outra, e lembrei cando eu era pequeno e lin un conto de Valera, que se titulaba La Karaba. La Karaba e La Loba creo que acaban pertencendo ao mesmo animalario (que cousas, outra vez que estiven en Narón, no mesmo lugar, tampouco me gustou a obra: e iso que era dos de Animalario!)



P.S. Nuria Espert fixo Medea con dezanove anos. Hoxe, con xente coma ela,  seríalle imposible. E non quería acordarme nada de Bette Davis, pero tamén foi Regina con menos de corenta anos.




















Quen eu era xa non son...


Acórdome como era
antes de virme este tempo,
cando non tiña vivido
tanto sol e chuvia e vento.


Todo canto chegou novo
para quedarse onda min
foise escondendo nos ocos
dos valores que perdín.


Cada acto ten seu tempo
cando quere ter valor
alongalo máis da conta
case sempre sae peor.


Coñecedor son do ciclo
que é tempo de traballar
as horas feitas demais
rematan por estorbar.


Así como a boa comida
acaba na sobremesa
para o final do labor
non atopamos a présa.


Pensando que somos únicos
enganámonos a nós
a vida ha seguir igual
con outros talvez máis bos.


Aínda recordo o que era
antes de virme este tempo,
de verme como hoxe son
tamén me sinto contento.
















.