quinta-feira, 29 de dezembro de 2011

Maceira




As mazás véñenme asociadas, dun xeito ou doutro, a Amancio Ortega, e xa ando mosqueado. 
Hoxe comemos raxo con mazás, seguindo unha receita viquinga (seica, porque a saber o que comían eses homes sempre embarcados; non os imaxino levando con eles unha arca coma a de Noé). As mazás acabadas de coller da maceira de fronte á cociña. As das pólas máis altas collinas xa no chan, despois de cortar a árbore enteira. Deume pena porque era das primeiras maceiras que plantei na horta, pero estaba en moi malas condicións, tanto por unha peste estraña que lle ía sacando vultos por todas as pólas froiteiras e botando neles unha especie de algodón branco pegañento ao tacto, coma por unhas pragas de pulgóns negriños, da que estaba inzada. Non sei de onde lle viñan os males, pero como estou decidido a non usar produtos químicos nestas cousas de comer, a enfermidade da maceira volveuse, ademais de crónica, fatal, xa que as mazás de marica de xudas que daba íanse facendo máis pequenas e máis escasas de ano en ano. 
Unha vez cortada a árbore, e coa enormidade do lugar ocupado só con aire, sentín tamén un certo baleiro no corazón, porque asociei a ela, e ao verán escenas familiares e felices das que a sombra acolledora foi máis que testemuña vexetal.
Á volta, morriñento como andaba, os fados leváronme a ler na rede que Torre Picasso, en Madrid, acababa de ser comprada por Amancio Ortega. E eso despois das mazás inglesas. Só pagou catrocentos millóns de euros, pouca cousa; pódense conseguir en 624.024 meses, ou ben en 52.000 anos, cobrando os 641 euros do salario mínimo interprofesional. Os negocios do emprendedor seguramente terán miles de persoas cobrando ese salario, polo que xa pode ter  xuntado para a compra, e non necesitará hipotecas (porque os bancos agora son moi reticentes a dalas).









As herbas medran a modo
nas raíces do inverno,
con orballo e con xeadas
non se ve nada moderno.

Seica vai cambiar o clima
polo que nós lle facemos,
se non coidamos o noso
o cambio mereceremos.

Esgotamos os recursos,
tiramos o que son sobras,
deixamos todo ciscado
e enchemos todo de obras.

Ás veces chove demais,
noutras alóngase a seca,
sopran ventos de desastre
desde Estocolmo ata a Meca.

Non se sabe que é peor
se vermos no monte lume
o tráfico das cidades,
ou ter fábricas con fume.

Piden de nós un esforzo,
menor contaminación,
a ducha en lugar de baño
e menos calefacción.

O asunto provoca risa
se un se para a pensar:
facéndonos consumir
obrigan a reciclar.

Que dano se ve maior,
a tala dun bosque enteiro,
esquilmar máis unha especie
ou que importe só o diñeiro?

Mentres vén a solución,
a que os gobernos decidan,
fagamos, moi ben mandados,
todo aquilo que nos pidan.








.



segunda-feira, 26 de dezembro de 2011

Cavernas




Os odeóns xa existían desde antigo, creo que eran locais destinados a fornecer ao espíritu, e para iso vendían alí música, ou incluso poesía, en doses axeitadas. Que cousas facían xa antes, e non era  puro mercadeo.
Dolce vita son dúas palabras que entenden todos os que non saben falar italiano. E probablemente non sexa necesario lembrar a película e a incomunicación.

Agora odeón e dolce vita convertéronse en algo distinto. Ou non, que nunca se sabe.







Domingo de decembro en odeón,
luz acesa e nadal de coloríns,
pouca xente despistada paseando,
un contraste entre novos e maiores
(pensionistas,
case tantos coma obreiros, din algúns,
de sumarlles os parados).

Son mesas ocupadas en terraza
(miradores para o tempo que non pasa):
home calvo con xornal que toma auga
vese só e agachado nas palabras,
semellantes ás que di polo seu lado
a parella co rapaz que os acompaña
na conversa intermitente, nesa mesa
dous cafés e cocacola refrescante
que non lave os sonidos ambientais
(tecno, a música, en inglés, é natural).

Un  espirra e non se tapa, para que?



Recollida na súa mesa vese soa,
os seus netos, vinte e pico co seu neno,
nin a miran mentres falan entre eles
das súas cousas, indo ao seu,
agardando unha cervexa e dous cafés,
que lles cobra a camareira resignada
a volverlle seis con dez para esa avoa,
non son tempos de esperar,
menos  propina.

Mais ao lonxe todo o mesmo, segue igual,
os sabores han de virnos do ruído,
desas luces atraíntes coma xogos,
desas cores coñecidas e agardadas
polos que xa nin as ven,
son anuncios que todos levamos dentro:
atopalos perseguíndoos é a acción.

Vense cartos
e indolencia postural nunha parella,
mai e filla sen problema de carteira
aprezable,  en mirada aquí cansina,
nada novo agardado. Nin ha vir.


O van e  innecesario xa  vital:
mercarán, xesto adusto e  repetido,
o produto que non vai ilusionar.

Máis que tipos,  personaxes nunha obra,
nun teatro sen final e con mil actos
no que entras para non poder marchar.

Que figuras tan extrañas vemos todos!



Pais que  teñen globos dos pequenos,
non hai nais neste mundo masculino;
o centro comercial vólvese  parque,
crianzas a xogar xuntas na pista,
nese xogo para pais que pouco miran,
evadidos
en lugares importados polas mentes.

Territorio das mulleres que faltaban
son as modas,
tantas tendas como hai,
a elixir o que ben  senta,
e non lles cae
en ningunha desas transaccións finais.


Nada mercan,
proban só por saber o que han mercar
cando cheguen as rebaixas polos reis,
se soportan os desexos provocados
ao esvarar suaves sedas na núa pel,
ao notaren o que dá tan bo xacer.





Pasa a tarde,
pero a xente non se vai,
veñen  grupos de rapaces moi moi novos
que quedaron decididos a saír,
pero non saen,
dentro eles  rodeados de paredes,
ben no cine,
ou nos bolos,
se lle cadra ao fast food,  a merendar.

Elixir  non saír para non ver
que aló,
por fóra,
nada hai que a un lle poida interesar.

Eu non sei dentro...















.

quinta-feira, 22 de dezembro de 2011

Galos




Onte quedou marcado con sangue no calendario. Con sangue de polo. Agora temos un menos, e mañá comeremos carne. Seguro. Collelo, levalo no colo pasándolle a man polo lombo, a fin de calmalo, poñelo enriba do tallo de picar, estirarlle cara ao exterior o pescozo e darlle un golpe co machado pequeno, pouco tempo levou. O galo nin se moveu, pero tiven que mantelo agarrado durante unha chea de segundos, xa sen cabeza, mais con sangue aínda e con movementos espasmódicos que ben o poderían ter levado lonxe do lugar da súa morte.

Con esto lembrei a historia que contou unha persoa de aprezo, referida tamén a estas aves. A ela, urbanita de pro, regaláronlle dous fermosos galos de curral, cesta incluída, en datas próximas ao nadal, e con ánimo de que celebrase un bo banquete. Decidida como é, á nova propietaria non lle faltou tempo para iniciar os rituais do sacrificio; non obstante, muller e compasiva ao fin, decidiu usar un pequeno coitelo de cociña para non causarlle demasiado dano ao galo ao que decidira quitarlle a vida. Con coidado, mimo case, sacouno do cesto, e sentouse con el á mesa. Falándolle, por mor de tranquilizalo, colleuno polo peito, pasándolle o brazo esquerdo por debaixo namentres co dereito lle facía un corte (mínimo, dixo, para que non lle doese), na parte superior do pescozo. Cantar o galo, mover as e patas, soltarse da súa man, revoar e marchar esparexendo sangue por todas partes, foi todo un. Horrorizada co espectáculo que comezaba, saíu presta da cociña pechando a porta sen mirar e deixándose esvarar contra a parede ata sentar no chan.

Conta que despois estivo case unha hora no pasillo, sen moverse, oíndo só o estrago e a destrución do galo dentro da cociña, ata que a chamada á porta da rapaza que lle axudaba coa limpeza lle permitiu volver en si,  ademais de porlle  fin á historia (histeria).

Seica levou case a tarde completa limpar o sangue da cociña.

Do segundo galo encargouse xa directamente, días despois, e na súa propia casa, a empregada. O galo só volveu entrar no piso limpo e case listo para ir ao forno. 









Trabámoslles, amantes como somos,
aos froitos ofertados pola vida.
Tragámolos, expertos predadores,
á procura do pracer descoñecido.
Tratamos, nos días, na experiencia,
de nutrirnos  nas fames necesarias.








segunda-feira, 19 de dezembro de 2011

Perdón




Cando saía do supermercado precedíame unha rapaza nova, duns vinte e poucos anos; vina e mireina, porque me chamou a atención que levase as mans totalmente ocupadas con diferentes produtos. Entendino cando me pasaron unha señora e un rapaz acompañando a un señor maduro que empuraba un carro da compra cheo ata os bordos. “Sácate de aí”, oíuse seco antes dun tímido “Perdón”, que dixo a señora. Ela, salvo metáfora, meter non se metera no camiño del, nin no do carro, xa estaba nel, e quen desexaba o acceso era o marido.

Non me estrañou moito o sácate, sempre houbo na nosa terra unha certa indiferenza por sacar e quitar, a mesma desidia coa que se lle atende a meter e poñer; pero si me magoou o ton tan diferente das palabras dun e doutro. E os fillos calados, por iso de que lles pedimos que aprendan de nós, do que dicimos, non do que facemos; aínda que por esta vez non se debería aprender nin do que se dixo.







Enrédanseme as letras con palabras
Collendo caprichosas posición
Buscando sen un norte a onde ir
Deixando moi oculta a súa mensaxe.

Esfórzome por ver o que non contan,
parándoas, para lelas en silencios
que duran os instantes da emoción,
intensos, fugaces, pero eternos.

Péchanseme os ollos de cansazo
en sonos dos que non deixan soñar
reais como se volve canto vive
querendo noutras vidas habitar.

Apáganse os sentidos coma luces
perdendo intensidade tan dispersas
nos restos de calor que acomodaron
para un mundo con éter de enerxía.










.

quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

Mundos




O mes vai mediado e un aprende historias por aí, coma se fosen caendo do ceo, por ver canto non nos cambiou este mundo.

Fun onte a unha conferencia sobre escavacións en Siria, e asistín tamén a dúas presentacións de fotos e pequenos vídeos collidos nesa zona. Gustoume a paixón do conferenciante, a fe que puña na súa intervención e a ledicia coa que contaba os achádegos e a fortuna que tiveran os arqueólogos. Traballaron alí desde o 2005 ata o ano pasado; agora, cos problemas políticos que sofre o país, non hai traballo ningún. A deusa fortuna axudounos, dicía, e así conseguiron ser os primeiros arqueólogos españois en atopar taboíñas con escritura cuneiforme. E eu digo galegos, porque as expedicións estiveron dirixidas pola universidade de A Coruña, á que pertence o conferenciante.

Impresionoume ver a cantidade e calidade do traballo realizado nestas expedicións, e máis aínda, saber que a dotación económica total da que dispuxeron foi de 200.000 euros. Oíndoo, resultoume imposible non relacionar esta cantidade coas cifras movidas nalgúns dos casos de corrupción que andan ocupando ás nosas autoridades. Mundo este!

Souben onte que en Uruk, xa na epopea de Gilgamesh, para considerar ás persoas civilizadas, tiñan moi en conta a existencia de consumo de pan e cervexa. Que mundo aquel! A atención ao corpo e ao espíritu, que tanto seguimos a precisar, non difire moito da dos nosos devanceiros mesopotámicos.

Hoxe, grazas á internet, souben tamén que no museo do Louvre hai un fermoso relevo de Gilgamesh, e que 25.000 taboíñas de arxila con escritura cuneiforme (todas as da biblioteca de Assurbanipal) están no museo Británico. Menos mal que os galegos deixaron en Siria as dúas que atoparon eles! 

Que mundo este!








Esquecida do seu dono
vese a sombra unha perdida
sen coñecer que o seu sino
é arrastrarse pola vida.


Sombra que tapará a luz
ocupada en darlle o óbito
buscando negras caricias
ás escuras, coma tósigo.






.


segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Cegos






Estes días andan os periódicos medindo ben o que din, non vaia ser que conten demais pois,  como en case todo, hai segredo de sumario.
Sumariamente, así visto, son pequenos detalles aos que xa estamos afeitos e que non chaman a atención de ninguén, todo o máis aumentan a popularidade das persoas involucradas de xeito directamente proporcional ao cadal acumulado.

Hai anos, ante a ausencia de medios de difusión, estas curiosas historias eran contadas polos cegos de feira en feira; hoxe, non sei se por influencia da ONCE, nin os cegos contan nada, pero, por se lle cadra que queda algún por aí, con voz e voto, deixámoslle un rudimento de romance.








Cantar para corenta millóns de cegos (ou xordos, ou mudos, ou ...)


Contáronme unha película
que seica acababa mal,
unha historia principesca
dentro dun amor fatal

Os protagonistas eran
tan vulgares coma nós,
se por casual atendemos
aos seus ataques de tos.

Vivían nunha mansión
xunto cos seus raparigos,
felices e moi contentos
escapando dos perigos.

Sendo de real familia
érannos moi coñecidos
pero que non haxa engano,
eu non sei se eran queridos.

O seu amor, o diñeiro,
non se vía suficiente,
necesitaban ter máis,
acaparar era urxente.

Moitos variados negocios
que debían ser rendibles,
tentando deixar pegadas
realmente imperceptibles.

Enamorados das illas,
por rutinas de verán,
cobraban euros a miles
dándolle ao poder a man.

Unha vez feita a fortuna,
os fillos e a parella
empezaron nova vida
gardando os cartos da vella.

Pensaron así en ver mundo
como dixo a prensa rosa,
establecéndose en usa,
pondo pés en polvorosa.

Contentos todos vivían
coma en foto de nadal,
e se máis días pasaban
máis aumentaba o cadal.

Cando apareceu facenda
para cobrar os impostos,
o sorriso que levaban
conxelóuselles nos rostros.

As esperanzas morrían,
escapábase a ilusión
ata se callaba o sangue,
tan azul, no corazón.

Os papeis aparecían,
a crítica non paraba,
mais na colmea social
mesmo a raíña calaba.

Malpocada a namorada!
Que muller tan inocente!
Nunca soubo cousa algunha,
ela víao diferente.

Para el non hai desculpa,
armou as de san quintín,
en todo meteu o cazo
e resultou un pillín!

Se o chegan a xulgar,
ha de ter quen o defenda,
non poderán castigalo
nin o xuíz, nin a facenda.

Véndose lonxe da lei,
pobre xustiza social!
Moi poucos valen igual
que unha familia real!









.

sábado, 10 de dezembro de 2011

Índice





Teño un dedo vendado.
Lembro o pasado e véxome co dedo índice da man esquerda apuntando cara ao ceo namentres o sangue escorrega pola man abaixo.
Empeza decembro tamén e as canas do millo aparecen secas e en boas condicións para facer tiracoios. A navalla está afiada de esperón e é cortadora,  así que, unha vez rematados os tres buratos feitos no oco da cana, pódese quitar dun golpe todo o sobrante.
A min nese golpe váiseme, sen remedio, un anaco de índice, nun corte limpo.
Na casa non se asustan, quizais para non asustarme. Rin e din “pareces san Xoán ensinando o dedo”.

A venda non vén desde entón. Puxéronma hoxe porque case remato de cortar ese mesmo dedo. Coma sempre. Volvendo ás paisaxes coñecidas.








Esquecerse do pasado...
é tan sinxelo dicilo
como difícil logralo!









.


terça-feira, 6 de dezembro de 2011

Rutinarios









Tanto me dá coma tanto me tén. Pero as cousas non son así. Non vale desa maneira, por máis que nas xeneralidades un poida estar de acordo. Non me parece xusto que se aluda á xuventude machista por uns datos sacados sen máis dun xornal. Non é que os periodistas non sexan historiadores, que seguro que o son, pois como a historia sempre se conta desde unha óptica, vale ben. Mais eu tiven a fortuna?-desgracia? de ter lido, antes dese artigo, outro diferente.

Lembroume tamén Suso de Toro esa forma de chorar sen máis, coma cando chove sen necesidade, sen que o pedise a terra para refrescarse, nin por cambiarlle a face ao que se ve. Chorar por chorar, vamos. Só porque a culpa é dos outros, nunca dun mesmo, nin tan siquera daqueles que case  son coma un.















Agardo,
distante da ilusión.


As cores pouco brillan,
moi iguais,
en horas repetidas a cotío.


Desexo que se perde,
esvaído,
matado,
en reais desigualdades,
en crueldades.


Tempo non gastado
que nos gasta
deixado polo lonxe,
nun non foi.












domingo, 4 de dezembro de 2011

Cambios




Cambia,todo cambia. Pasaron xa os días dun ano desde o comezo desta andaina pública. Parece que non, pero mudaron unha chea de cousas. Unhas máis estrondosas ca outras, e algunhas tan imperceptibles que dá sensación de térense ubicado con nós sen permiso. Lóxico. O tempo, tan relativo el como é, non fixo máis ca adaptarse ás nosas necesidades, deixándonos tomarlle tódalas medidas.
Eu tiña por certo que calquera tempo pasado nunca foi mellor. Hoxe non teño claro qué respostar, porque mira que se empeñan en facerme crer o contrario! 



ITA

Estando tumbada ao sol
á gata pouco lle importa
o que pasa lonxe dela
ou quen anda pola horta.


Quere sentir a calor
que lle recorda ao verán
bota de menos o sol
e as sardiñas do san xoán.


Retorcida de mil modos
soamente por quecer,
non fai esforzo ningún,
todo o máis adormecer.


Tén tan pouco movemento
que parece estar sen vida,
se se confunden os ratos
han de ser a súa comida.


Faise o descanso tranquilo
ata que a gata desperta,
estira patas e rabo,
a boca véselle aberta.


Afiados e dispostos
os dentes son dunha fera,
pecharanse decididos
de cazar presa calquera.


Séntese en zona de sombra
pola viaxe solar,
Ita-bonita, de Rita,
decídese a pasear.


Vaise alonxando sen présas
polo máis alto do muro,
dun salto está no exterior...
volverá con día escuro!










.




quinta-feira, 1 de dezembro de 2011

Camaleóns




Dentro da descendencia de Ita, sigo con certa frecuencia a Chiqui, un gato branco e negro  regalado para facer compaña. O gato é camaleónico, e pode transmutarse en calquera animal que lle preste. Goza de meterse na corte dos coellos, e facerse pasar por un máis, negro e branco entre as distintas cores que adornan aos outros. Alí despistan un pouco as orellas, pero, fóra diso, todo anda ben. Chámalo e, con sorte, despreguízase amosando canto tén de felino nos seus dentes, ata alonxarse dun chimpo da calor que lle dan os irmáns postizos.
Dá paseos coma un can, collendo o paso da dona ou traendo e levando ao xogo calquera obxecto que se lle lance. Facéndolle honra ao país das sestas, acomódase aos pes das cadeiras para botar sonos familiares. Volto humano, entendendo todo o que lle din, vese quen de rexeitar as comidas que non lle apetecen, adquirindo cada día máis categoría no seu papel de gourmet.
Onte foi gato. O paporroibo que cazou sufriuno e sentiuno moi claro desde que caeu nas súas poutas ata que, por fin, deixou de respirar. Media hora despois, o gato xa era paxaro, indo de póla en pola polas maceiras da horta.







 Acéndense mil luces polas rúas
e dannos alegrías sen parar.
Nadal regalará o seu agasallo
a aquel que non se esqueza de mercar...








.


A 

domingo, 27 de novembro de 2011

Ton



Onde leva a voz ese matiz que nos traizoa, ese punto que nos volve transparentes, sen coiraza que nos cubra? Un pode esforzarse, colle disimulo e todo ben, só hai sorriso, pero o ton non engana, aínda freado.















E pensabas que non me lembraba?
Imposible no tempo a vivir
levando as imaxes comigo
facendo a persoa que son.


E pensabas que non me lembraba?
O tempo pasado son eu
son restos, piares, son crenzas
que dan a resposta que ves.


Se un día a lembranza non chega,
se a voz non se acada a escoitar,
se o silencio vai muro pechado,
non penses que non me lembraba,
será todo que non acordei.










.

quinta-feira, 24 de novembro de 2011

Pa(r)vos






Algunhas veces o mundo dáme noxo. Non son quen de verme reflectido nos meus semellantes, e así síntome mal,  e  como tampouco teño nada que ver con toda esa parafernalia absurda que montan algúns, e que é seguida por millóns, por imperativo dos agobios da prensa, pois fatal. Noxo e rabia de ter que fastidiarme sen máis.

Vén toda esta pedorreta a conto da noticia que lin na BBC do indulto de Obama a un pavo, cando hoxe mesmo, na televisión, oín que o gobernador de Oregón non fai máis que  suspender as execucións que deberían levarse a cabo de aquí ata o 2015.

É noxento que a BBC fale de pavos e non apareza por ningures o de Oregón. E se non é repulsivo,  a min, a lo menos, parécemo.

Cantas persoas executan en USA ao cabo dun ano? E indultan dous pavos. E van, e  a un chámanlle Libertad, e a outro Paz!









Descoñecer emocións
non xustifica matar,
mais de morrer é razón.







.


terça-feira, 22 de novembro de 2011

Medo



Por que frea tanto o temor? Se estás perdido, que pode pasar porque te expoñas a un fracaso? Deberiamos aplicar a lóxica á nosa conduta e case nunca o facemos. Se as cousas poden empeorar, empeorarán. Mais se a solución do problema pensamos que está na nosa man, por que non arriscar un pouco?








Imaxe
latente, prefixada, mais  cambiante,
con negros sobre brancos, non presentes,
cavilacións,
bosquexos  a  probar.


E nós, só nós, con nós
no medio.


Que máis dará!
Non por nós,
no amor primeiro,
no sangue onde nos vemos,
na flor de todo o ano.


Exame en  día especial,
emocións moi controladas...
Inseguros.


Cando andamos
tan cansos de sermos nós.
















.




quinta-feira, 17 de novembro de 2011

Acerto




Vaise vendo o remate e un empeza a respirar. Cando se levan xa tantos días de palabras e palabras, vemos como sobraban todas. Non é que sexan ocas (quen son eu para afirmalo!), mais como bos alumnos tiñámolas na memoria de tempos anteriores. E as que non recordabamos ben, intuiámolas.








Mira ben margaridiña
onde te queres pousar.
Tés as cores moi brillantes,
non as vaias ti manchar.














.

domingo, 13 de novembro de 2011

Pechados




As augas da prensa andan avoltas coa casa real, coa cidade da cultura (ben coñecida como "LaCdC"), cos raposos a coidar os galiñeiros, coa xente preguiceira que non sabe poñerse traballar para poder crear emprego dunha vez, coas colas enormes nas administracións de lotarías, co esgotamento do número 111111...; con tantos asuntos atraíntes que case non lembramos a que ule o aire do exterior, como molla a chuvia destes días ou como o mesmo vento é capaz de darnos o empurrón necesario para tirar adiante.

Somos coma árbores, e agora estamos ocupados en prepararnos para un longo letargo invernal, sen decatármonos que a invernía xa vén durando demais.


Nota.- Non falo das eleccións porque non estou recuperado do pasmo de ler a entrevista de El País a Rosa Díez.



Santa Margarida




A noite sempre vén cunha partida,
espazos que se agrandan por demais.


Silencios,
para os ocos que nos nacen
en lugares aos que non imos mirar.


Non saias.
Non saias contra a noite
se nos chega sen chamala.


Non vaias irte lonxe
do que ti es.


Non perdas nin un día coa súa luz,
que os ecos son destinos que se viven
evocando os recordos de soñar.









.







quinta-feira, 10 de novembro de 2011

Custo





Cústame entender o valor das cousas. Será que me acabo enredando co prezo e, por máis que intento imaxinar todo o que vexo lonxe, non dou chegado a entendelo.
Veñen estas contas con ocasión da lectura dunha noticia sobre o goberno vasco e o posible investimento de algo máis de oitenta millóns de euros (escríboos con letra porque así non lles vexo tantos ceros, que asustan). Son moitos cartos. Seguro que se poden facer unha chea de cousas con eles. Urdangarín, sen ir moi lonxe dos vascos, mercou algo parecido a unha vivenda en Mallorca só con seis, se chega a ter oitenta quen sabe o que compraría...

Non me van preguntar, pero neste tempo de privatizacións de todo o público, eu non lles quitaría o gustazo aos familiares de seguir sendo propietarios do seu. 










XI
Sentirche a pel é ter tacto,
notala é apalpar a vida:
pel morena, sen recato;
pel moi branca, prohibida.













.