quarta-feira, 16 de setembro de 2015

Felicidades!



      Gústame viaxar. Ver outras terras; coñecer outras xentes; imaxinar as formas de vivir desas persoas; poder cambiar o costume diario por uns días, volvendo o allleo en propio… Non é xusto o que se chama empatizar, palabra difícil demais en todo o seu significado, pero case. 

   Viaxar é aprender sentindo, tocando (hainos que ata o fan bailando); é vivir soños facendo de protagonista; é ser outra persoa a tempo total. Afortunados son eses todos que viven, viaxan, aprenden e fan do mundo un lugar pequeno e fermoso no que merece a pena vivir.


       Felicidades a todos eles!








De Harlem teño unha foto
dun corazón bailarín,
atractiva nas imaxes,
a foto chama por min.

A luz báilalle ao cristal 
e hai faíscas,
hai adornos, 
no ocre de mil madeiras;
faíscas,  felices  risos,
ocre historia no ritual; 
vivo o ritmo
vivo o gozo
de danzar.

Estacións dun dezanove imaxinario
luz de gas 
frío invernal
traqueteo ferroviario
con descanso musical
e público feito anuncio
dándolle bafo ao cristal.

Que se deteña aí o mundo 
que se empece a demorar
que os pasos sexan suaves
ninguén vaia desertar.
Péchese o mundo na arca
resgárdense na madeira
os tesouros  
os deslices.
Que se revelen  segredos 
sinuosos
ata os roces 
ou o tacto desas xemas
das persoas que se deixan
ben levar.

Non ao apuro
non ás présas
na cadencia do compás

Alegría, son vital.

De Harlem teño unha foto
gardada  no corazón
e inda non chegou o día
en que non chame por min.





















.

sexta-feira, 4 de setembro de 2015

Cear



     Hoxe vivín unha desas situacións nas que a xente cala e vese que ninguén quere mirar ao frente. A vergoña allea. Para que mirar? Como non abaixar a vista? Como habemos observar sen abraio o que non somos quen de xustificar? É posible que unha vez iniciado o camiño haxa, para eses que  sempre atopan as estradas demasiado esteitas, a imposibilidade de xirar ou, simplemente volver atrás.

    Non creo que a diferencia entre os seres vivos sexa realmente moi substancial. Seguro que saímos do mesmo punto, e a evolución foi marcándonos a todos de formas diversas. E dentro desas diversidades, a uns de xeito máis moderado ca ós outros. Aos homes, seica, nos últimos catrocentos cincuenta mil anos foinos aumentando o cerebro. Aos poucos, porque foron moitos anos para tan pouco cerebro como se ve ás veces. Así, máis menos do tamaño do dos animais: se ata o outro día lin un cartel onde á xente se lle pedía que se comportase como o fan os animais, para preservar unha reserva natural. De comportárense coma seres humanos, probablemente deixasen pegadas non necesarias, e creo que respectaban a mensaxe -tampouco  lles debía ser difícil-, porque xa levaba anos no sitio, e non a retiraban.

   Tamén aprendín este verán que os coellos non cean. Non é que non coman nada á noite; non recúan, non retroceden, non dan marcha atrás. Élles fisicamente imposible, de metérense nun tobo estreito sen saída, alí morren, de fame. De inmobilidade ao fin. O mesmiño ca esas persoas das que falaba antes. Coma todos aqueles que non cean porque non son quen de verse onde están. E perseveran no erro. 



       E o mundo xirando todo ao revés. 













os ollos
a mirada
esa mensaxe
a chispa que se apaga
lonxe os brillos


a hora, ora inútil,
é asepsia das palabras en paredes
quérese unha guía de saída
mais
quen dá paso?
quen axuda cando aquí máis se precisa?

vive o branco sobre o negro
e volve o frío
non se escoita
nunha noite impermeable
se hai saída…

unha axuda por favor!














.