quinta-feira, 16 de novembro de 2017

Casualidades



Nada me comprace máis que ir atopando na vida restos de actividades desfrutadas no seu tempo e revividas por esas curvas que o azar traza cando nós andamos ocupados en camiñar dereitos para buscar novas metas.

Hoxe mesmo, hai minutos, andaba a ler un artigo sobre Onetti e as súas mulleres, atraído pola contundencia de "Ya no será/ ya no...", cando o que realmente me abraiou ao final, despois de lido o artigo,  foi a foto de Onetti, e non por el. Ver ao autor rodeado, enmarcado e realzado, por "Donde viven los monstruos" e o tan querido "Los Tres Bandidos", chamou tanto a miña atención que levou instantaneamente á miña memoria de paseo por tempos (e lugares), lonxanos e queridos.

Lembrei sen esforzo as diferentes lecturas compartidas destes dous libros en ámbitos absolutamente diferentes, os comentarios sobre eles, as caras e os ollos dos que os escoitaban; e esas felices noites de conto de antes de durmir...

É posible que os libros se xustifiquen polo feito de que alguén, aínda que só sexa un lector, atope emoción neles. E estes, tamén son só libros estes, a pesar de que sorprenden, enfadan, alegran, emocionan e rouban o corazón, todas e cada unha das veces que os lemos ou que nolos len?

Por veces mesmo penso que, en realidade, son unha parte de nós mesmos, ou do que nós quereriamos ser...







Os ollos, 
nos seus brillos
infantís
agardan un futuro 
e outras paisaxes
sóbense 
felices
á aventura
á ruta da procura
á vida 
e é esa a excursión máis agardada...

Mais é nese regreso 
ao coñecido
na volta ao que nós somos a cotío
na paz 
na letra que asinamos ao conforme
onde darán
non só por bágoas 

os ollos novos brillos.


















.















sexta-feira, 15 de setembro de 2017

Setembro



Ando metido de cabeza nun setembro diferente. Non é que crea que todos os meses son iguais, pero este setembro é realmente diferente. Está a ser tempo de parar, de pousar a maleta e botar a ollada á memoria, de deterse en mil detalles case esquecidos e de sorrirlle a algúns dos pensamentos que veñen.
Vénme á cabeza o setembro do oitenta e sete, neste mesmo tempo, coa felicidade de entón e coa sensación de que xa todo andaba no seu sitio. Días rápidos de voces novas e ilusións nacidas que me deron escusa para celebrar o mes ano a ano
Seica a memoria vai sempre asociada á unha lonxanía que subxace en nós, e que, ao igual que nos separa, sabe moi ben unirnos, nun deses misterios da natureza tan inexplicable coma o que permite que na mirada, nunha simple mirada, sexamos quen de atopar a emoción. Ata pechando os ollos para ver mellor ao lonxe.


Os anos son fragmentos
son anacos de memoria 
tan precisa coma esquiva
por traernos á medida
a emoción desa ledicia 
que nun tempo deu calor.

Traen o tempo
e traen no pouso
o remedo do que fomos
mesturado xa nun cerne
que perdura 
atrapado no recordo,
tantas veces revivido
por seguirmos,
cada día, 
sendo nós.



Que siga así  a area na caída,
verquida  pouco a pouco con acougo
grao
grao
en montañas de segundos
celebrados 



























domingo, 4 de junho de 2017

Parabéns!


         Cumprir anos é unha actividade compartida. Celebramos sempre o pasado pero poñemos a ollada no futuro, e facemos que o agora sexa o máis longo posible. Un canto ao tempo, un culto merecido á maior riqueza que os humanos desexamos posuír. Se no camiño afotunado contamos as nosas horas de vida desde a largura dos días de verán, as celebracións fanse aínda maiores. E nós somos todos de verán, desde eses días que queren rematar a primavera  e gozar directamente do sol, ata eses outros de setembro, capaces de desfrutar do que quede,  sen pensar nun outono que vén con présa.

         E tócanos xuño, o catro, para a brinde en alto e a fe na promesa dun ano que se abre coma unha aventura prometedora e necesaria! Moitas felicidades! Moitos parabéns!! Moita saúde!!!








Loce o sol 
Un sol distinto
O espazo vese igual 
Case infinito
O canto dos paxaros
Tenros trinos nas revoltas que dá o aire
Febles ecos  de marmurios doutras tardes.

A mesa é grande e sempre hai sitio
Lugares ocupados por imaxes
Goces dos instantes máis vividos.


Que agora luza o sol
Para o recordo
Que a brisa marque os brillos e dea cores
Que o eco traia as voces presentidas
Que logo recomence a  primavera...

O amplo do sorriso
O breve raio
O cálido da luz
O agarimo
A vista evocadora dunha risa
Loce o sol.
Un sol distinto.


E voan garimosas as lembranzas.


























.