sábado, 27 de abril de 2013

Pantallas



A televisión acaba por atraer a nosa atención do mesmo xeito que a luz atrae ás avelaíñas. Non importa que non vaiamos obter ningún beneficio do tempo investido na súa contemplación. Dá o mesmo, imos mirala, pensando noutra cousa talvez, pero atendendo tamén ao que emiten. Até somos capaces de falar con ela, co aparello en si, e discursear sobre o que estamos a ver. As adiccións sométennos, e as preguizas que gozamos impídennos calquera movemento, incluído ese tan simple que consiste en alongar o brazo, coller o mando a distancia e pulsar un botón vermello.

Móbil, tableta, televisión. Pantallas. Máscaras para unha realidade que non desexamos ver; pero, quen se arrisca a perder o único acceso actual á cultura?



















Nunca quedan bágoas que verquer
nos ollos desecados pola vida,
escapan sensacións, medra a atonía...


Na forma por finar do sentimento,
mollando a pel o bafo da tristeza,
que distantes as horas de emoción...






I


Nacendo en diferenzas vese errante
o aire que nos trae o desacougo
vén presto, sen razóns que o xustifiquen,
reclamo dos espazos interpostos.


O frío que nos dá ao non sentirnos
penétranos sen ter oposición
enchendo máis de nada este baleiro
xigante, por inmenso e non finito,
por ausente, tan ausente, a calor.


Perdéronse as palabras sen dicilas,
os tempos empurraron sen un plan,
fuxiron as miradas ao non vernos,
tan lonxe nos quedou o respirar.


Os días confundíronse en rutinas,
murcháronse as raíces sen dar flor.
Gozando na ilusión de crer gozar,
por non nos permitir o paso atrás.


II


E chega xa o resumo, a recensión,
dos libros mal escritos paso a paso,
da historia que deixamos sen contar,
das letras coas que se escribiu fracaso.


Apagan tenues chamas de penumbra,
extírpanse de vez máis dun porqué.


Privado así de luz, con calma e frío,
vén case sensación de placidez.



















.

sexta-feira, 19 de abril de 2013

Rutas








Levamos unha semana sen chuvia e a nosa terra volve ter camiños fermosos. Ata algúns carreiros están xusto nese punto de pouco pisados que lles deixa manter unha mínina alfombra verde, como se nos  convidasen a camiñar sen coidado, gozando coa sensación de andar por esas rutas de aventureiros que descobren os mundos descoñecidos agochados ao pé mesmo das súas casas.




Empeza a primavera
ven o sol frío,
os aires fanse claros
nacen os brillos.


Os brillos dos paxaros
voltos en chíos
con bailes e cortexos,
con rechouchíos!


Adeus penas xeadas!
Múdese o branco,
nos campos e nos montes
veñan os cantos!











.




sexta-feira, 12 de abril de 2013

Títulos


 Poucas noticias son capaces de sorprenderme. Moi poucas. Creo que os anos vannos dando a todos unha cura de escepticismo que nos fai inmunes ao que en principio non podería cabernos na cabeza. Así e todo algunha nova, de cando en vez, semella querer despertarme. Ata pode ser que mesmo me sacuda con forza e me faga abrir de todo os ollos. A última, e xa van días dela, medio millón de rapaces novos que hoxe están a encher as listas do paro, non remataron os seus estudos de ESO. Non remataron os estudos obrigatorios  do noso sistema educativo. Non posúen, así, o mínimo título académico.
Fracaso escolar e éxito político-financeiro-laboral. É dicir, éxito escolar ao fin. Educamos en función do que programa o estado, tentando satisfacer as demandas das nosas clase dirixentes. Así é. O capitalismo salvaxe que controla e ditamina o rumbo das nosas actividades (de toda a nosa vida) precisa unha man de obra barata, sen coñecemento, abocada á precariedade e facilmente suxestionable para converterse no que en realidade queren que sexa: só man de obra. Coñecemento pouco, para asegurarse votos que non han discernir a verdade do que en eleccións se promete. 
Se algunha vez se quixese formar persoas, pouco teriamos que salvar da educación actual. Nin unha soa das autoridades ou das leis educativas vixentes na actualidade no país merecería seguir activa.

E os ensinantes, que? Iso.
Somos do que hai.





Tanto que chove,
todo se molla, nada se move.

















domingo, 7 de abril de 2013

Tempos



Un está nese tempo indefinido que os calendarios non son quen a marcar, nese tempo que é a terra de ningures dos anos, e que, en si mesma, dános desazón de espírito.
Había tantos proxectos que pensamos facer!  Tantas cousas  que soñamos comezar! 
Hoxe,  con moitas delas, para facelas de novos, xa somos vellos demais; mais  para facelas por vellos, vémonos aínda tan novos...!












Non mo pide o corpo


Xa sei que se me ve un corpo triste
na anguria que respiro sen querer
no ánimo que agacho onde non ando
na forza innecesaria e por facer.


Observo e seime xa  corpo sen alma
gastando un  interés só virtual
levando así carácter despedido
de tempo ilimitado, non normal.


Por máis que furte o corpo ó pensamento
por moito que se achegue cara a min
non  hei de ter o corpo para soños
nin hei  reinventar canto perdín.






















.



segunda-feira, 1 de abril de 2013

Agromar




Curioso. Non percibo remate cada vez que acaba unha estación, nin tampouco cando se esgota un mes para deixarlle paso ao seguinte. Porén, si teño claro que hai un inicio e que as horas que veñen deben ser diferentes, mellores sempre, mesmo cun punto de optimismo que lles alcanzo a ver en metas situadas neses períodos. Agora comezamos un abril meténdonos de cheo na primavera. Agardemos que algúns dos gromos da natureza sexan saídas para nós, por se podemos medrar con elas.






Abril, nome de nena e de esperanza,
abril collendo praza de estación,
do soño feito amor e sentimento
na flor que se volveu revolución.









.