Abúrannos coas eleccións andaluzas e ameázannos coas de Madrid.
Unha das razóns da perda da nosa propia identidade é o feito de que acabemos por saber demais doutras que pouco teñen que ver con nós. Non nolas amosan para facernos solidarios, nin para formarnos socialmente, nin para gratificarnos por aquilo do mal de moitos. Simplemente bombardéannos para que aceptemos que en todas partes pasa o mesmo, e que nada, e menos a individualidade de ninguén, é diferente en función do lugar en que se poida vivir.
Estamos ante unha globalización mísera da política e das realizacións sociais.
Dános o mesmo ver a Michelle Obama bailando nunha coreografía perfecta para vendernos as bondades da vida saudable, que a Netanyahu afirmando sen rubor que mentres el goberne non ha existir o estado palestino, cousa que por outro lado xa estabamos fartos de saber. Non hai diferencia entre estar informado ou non sobre o último do Banco de Madrid; de quen son os seus exdirixentes ou a quen pertencen os fondos dos depósitos millonarios e as SICAV. Non imos tirar sorpresas, sabemos que nada tén qe ver coa xente común.
Se por un casual nos dá por escaparnos das persoas e lles atendemos aos animais e, aborrecidos xa, lle dedicamos o tempo a saber que o salmón de acuicultura é avermellado pola astaxantina que recibe no penso, para facer que se pareza o salmón salvaxe, tamén acabamos aburados.
Postos, que todo se deixe na súa forma gris natural. Abonda con subsistir: calar, durmir, comer... Á xente de a pé, nestes casos, déixaselle só o papel de pagador; pagadores nunhas sociedades tan desexosas da globalización nas que, ao que se ve, nin paganos pode haber.
Nota.- O Concello de Ortigueira, como non podía ser menos, acaba de contribuír con 40.000 euros a esta unidade de destino no universal, e aló mandou á Banda de Gaitas a conquistar "la Gran Manzana". Nada menos.
Resístese sen máis
como resiste o pabío cando hai cera
amosando pouca luz e moito negro
pechándose en abrigos de penumbra
ben lonxe das miradas semellantes
coma preto da inacción por interese.
.