quinta-feira, 10 de setembro de 2020

Remamos

 Remamos


Hoxe, 10 de setembro, é un día sinalado. É o día grande do pobo que me viu nacer, un día de festa e patrón, por máis que os que o celebraban así eran os propios da vila, non os dos arredores, que nos conformabamos con ir á festa e ver os “fuegos”. Era un día grande, de moita xente, que, case, daba fin ao verán e supuña o comezo, outra vez, dunha época de estudo que todos sentíamos longa. Sempre festa e sempre día grande. Cría. E confirmeino na memoria excelente dun patrón que fai honor a este día e que afirma non recordar nunca que non houbese esta festa na vila. Nunca. Recorda, iso si, un dioivo de hai setenta anos, que baixou ata a ponte todo canto atopou ao seu paso: patacas dos terreos costaneiros (aínda por arrancar), animais envoltos en terra e fango, vaixelas e mobles das casas que non viron vir a riada… e moitas bágoas das persoas que vían a súa vida material na ría. El neses días tiña vinte e tres anos, e lémbrase ben, quizais ata un chisco mellor que unha irmá súa sete anos menor que corrobora o que el di, pero con menos datos. Houbo moita auga nun pobo afeito a ela, e onde todos, ou case todos, saben remar dun xeito ou doutro. E os dous coinciden: festas hóuboas sempre. Hoxe, o Covid obriga, e sen que a xente proteste, a días ben diferentes.

Tamén hoxe é día grande e sinalado.  Moi sinalado para  unha amiga eumesa  que cre no que nos dicía Kavafis  en Itaca e que, como non, leva xa remando un tempo. 


Para ela, e cunha aperta:






domingo, 16 de agosto de 2020

Vergoña

 Vergoña.

    Ese titular repetiuse en moitas cabeceiras de prensa para resumir o 2-8 desta semana entre o Barcelona e o Bayern. Eu, seguidor do Barça desde pequeno, acostumado a velos perder con máis frecuencia do que quería, e botándolle a culpa a factores externos, por hábito case, sentinme raro (e contento) na época de Cruyff, e definitivamente estraño con Messi e os seus títulos. De todas maneiras, algo non parecía encaixar, canto máis sabía un destas institucións, menos seguidor se sentía; algo así coma cando te achegas a ver un vertedoiro do lixo dos de antes, por aquilo de que, onde estaban, as vistas eran únicas, e un ía, pero tapando o nariz polo cheiro. Ao final, ese cheiro remataba por botar a un ata dos arredores, e todo o que fora o seu interese era agora só un sensentido, con tanto fume (ou máis) coma o do vertedoiro.

    Un par de días antes deste partido, Xavi Hernández dicía nunha entrevista que non era comprensible que se insultase aos xogadores de fútbol, cando con calquera traballador no desenvolvemento da súa profesión, coma por exemplo un camareiro, non se facía; só por unha cuestión de respecto, dicía. Ese mesmo Xavi, da época de Messi, e dos triunfos dun estilo de fútbol, xa nos tiña avisado antes de como andaban o futbolistas e o pensamento, facéndonos saber que Qatar non era un país democrático, pero funcionaba  mellor que  España. 

    En realidade, ao final tén razón unha amiga á que non lle gusta o fútbol, que pensa desde hai anos que  vergoña é o que se lles paga aos futbolistas, e o caso inmerecido que se lles fai. Unha triste vergoña. 






Pena literal que nos esmaga

nos pasos aos que non imos afeitos

nas vistas entregadas ao invisible

nas brumas indecisas que dá o tempo.


Onde irá a ilusión 

onde a alegría

onde os fins perdidos e a derrota?






.





domingo, 9 de agosto de 2020

Esquecementos

         


      

    Agora o meu animalario doméstico redúcese a tres galiñas e dous coellos. Levo un tempo decidido a non manchar as mans de sangue, así que estes animais teñen xa anos comigo. Todos vellos. Con boas pintas, porque son tan poucos que se lles pode prodigar a atención e mesmo darlles a comer do que máis lles preste. Pero vellos son. E, como con todos, estes tempos de senectude teñen as súas repercusións a pouco que un se pare a mirar


    Teño unha das galiña choca, nun síntoma claro de vellez, porque é unha galiña poñedeira e debería saber que non podía chocar, así que eu atribúollo a que xa non recorda ben cal é realmente a súa función, e consíntollo; deixeille cos ovos das outras un par de pelotiñas de pimpon, para que se entreteña, porque ao non haber galo, vese complicado que chegue a ter pitos, pero a ilusión pode tela. As outras dúas si saben que deben poñer ovos, e aínda que non os poñan todos os días, van deixándoos no poñedoiro con certa frecuencia, xusto para ter a sensación de utilidade que todos precisamos. Onte recollinlles dous, e preocupeime. Unha delas debe estar tamén en fase de  perigosos esquecementos, porque o ovo que puxo é de inexperta total, con tantos vultos e tan raro que non se sabe por onde miralo para verlle a forma ovoide. É un ovo estraño, tan mal feito que eu agardo que ela saíse axiña do niño e non se parase a ver o aspecto daquilo que deixaba. Se o viu, ao mellor bota xa a semana enteira sen poñer outro, por vergoña.







Oímos o contado

os restos do soñado

nos aires da derrota non vivida


Memoria triste

a anterga

a vida vista en  tempos  

descarnada

as regras non son nosas

non sabemos as razóns 

nin pretendemos

pasamos nas historias polo lado

non son nosas


Non é a nós, nin nos alude

Queda tan nos pousos o afastado!








.

domingo, 2 de agosto de 2020

Ter por ter



    A ociosidade dános, entre outras moi boas cousas, tempo suficiente para pararnos e vernos a nós mesmos desde fóra. E sorprendernos así. No meu caso a sorpresa non me deixou co ánimo mellorado, levoume máis ben a unha desazón inqueda, a verme como non desexaba, e a moverme para tentar cambiar (no posible).

    É tempo de verán, de días longos e de traballos que tentamos deixar para mañá, para cando un non teña qué facer. Nun día deses, nos que semella sobrar algo, mesmo o aburrimento, decidín facer limpeza e revisión de obxectos gardados. Nunca tal fixera! Levo xa tres días enguedellado e non dou saído adiante. Só atopo cousas para tirar, múltiples obxectos inútiles de todo, se exceptuamos o seu servizo para demostrar que o de ser Dióxenes non é algo difícil. Acumulei, acumulo, enormes cantidades de material tan diverso coma obsoleto, por se algún día, máis adiante, alguén… Paquetes precintados e rotulados advertindo de contido, máquinaria estropeada empaquetada na súa caixa orixinal xa apodrecida, restos de madeiras ou ferrallas agrupadas en lotes manexables… Unha loucura! Convencido como estaba de non ser así, descubrirme palpablemente real cunha síndrome que non vía en min, deixoume atordado. Como se poden chegar a gardar con mimo máis de duascentas caixas de cds baleiras pensando que poderían ser reutilizadas noutro momento? Ou sensentidos aínda peores que non me atrevo a escribir, porque pensar neles fai que a cara se me arrubie de vergoña aínda máis.

    E así, sen buscalo conscientemente, remátame de momento a celebrada ociosidade,  pois vexo aquí unha semana de recoller para reciclar e levar ao lixo o noventa por cento de canto gardei (confórmome con conservar un dez por cento de como eu era antes, e non me parece pouco!). Por riba, acórdome que, de pequeno, os maiores falaban mal dos que “andaban con dioxenadas”; pero, evidentemente, a min levoume máis tempo do debido entender no seu sentido completo o que resultan ser as dioxenadas…












Queda do día a luz que reconforta

Descansan as brumas en manta de colores

Sabe o aire a seco de verán.


As manchas,

antes flores,

caen das paletas descoidadas 

e abren os camiños do secaño.


Perviven os olores

arrecendos coñecidos nos espazos imposibles

inmóbiles de seu

no gris que non tén sombra.


É o estío

bico envolto nas calores de verán.













.


domingo, 19 de julho de 2020

Botar a sortes. Votar


Dios mueve al jugador, y éste, la pieza.

¿Qué Dios detrás de Dios la trama empieza

de polvo y tiempo y sueño y agonía?

J.L. Borges


    Nunca fun de tómbolas nin de rifas. Teño gastado cartos nelas; pero non moitos, na crenza que teñen as xentes de pouca fe de que nunca os premios lles van caer a eles. De momento non me equivoquei: cando me toca algo nos sorteos, soe ser para mal. Sortear para ver quen paga, e acabar pagando; ou sortear por decidir quen escolle de dous, e ser segundo. Así ata chegar a ter tanto medo á rifa que no canto de sortear un libro pagado a medias, acordar, por se acaso, partilo salomonicamente para poder levar algo máis que nada. 

    Sendo así, non se fai raro que os sorteos das mesas electorais me toquen de cando en vez. Non os preciso, pero veñen a min. O último veume co agasallo das medidas de protección ante o covid-19. Unha chea de horas vendo pasar a xente para ensinar o DNI e deixar o mesmo voto (ou case) que deixara polos mesmos lugares catro anos antes. A verdade que esto das mesas electorais tén o seu aquel. Non só estás nela o día da votación, estás tamén a tarde na que che dan a citación e volves a ela nos días que andan os políticos en campaña, e ti, na casa, vives xa case o escrutinio. E, un par de noites antes do día sinalado, deixas de durmir como acostumas e nótaste pensando en todo canto liches do libro de instrucións sobre  a constitución da mesa electoral, o desenvolvemento da votación e o escrutinio dos votos.  E pode que ata soñes que xa pasaron as eleccións e o presidente cambiou, e por fin é outro. Non pasa nada, porque cando despertas ao día seguinte da xornada electoral, comprobas que realmente era un soño, e, por demais, completamente infundado, porque as maiorías seguen a ser as mesmas, ou incluso máis grandes. 

    O día de traballo, por chamarlle así, que traballo non o é, case vén sendo un día de tortura que debes soportar por vivir nun país democrático, no que estás orgulloso de que che pidan a opinión (non importa que despois non se teña en conta, porque no fondo tampouco ti crías que as túas ideas fosen xusto as que faltasen para que este país se puidese gobernar ben). O día de traballo, en resumo, o que se che pide alí,  na mesa electoral, é que saibas contar, ler e escribir. Non máis. E, no tempo que transcorre desde que chegas ao local, ata horas despois de ter volto á casa, podes confirmar que, se contar é complicado, ler e escribir é moi difícil: na realidade do papel ata se volve imposible escribir os números un detrás doutro, en orde, e sen saltar ningún; ler vaise lendo, pero entender o que un le é outro cantar; e discutes, claro, porque cada un que le interpreta unha cousa diferente, e remata por ter a razón unha das persoas de por alí, que non é da mesa, que non leu o libro nin necesita lelo, pero el sábeo, si que o sabe, porque xa estivo noutras votacións anteriores. Vaia, ao mellor toda a razón non a tiña, mais iso pénsalo despois, cando che contan que, xusto nesas eleccións anteriores das que che falaba o sabido, os integrantes da mesa, os apoderados e os interventores non se deron posto de acordo, discutiron, berraron e tardaron horas e horas en cubrir os papeis de tantas reclamacións e protestas como se lles ocorreron. Puxéronas por escrito, para que as palabras fosen á misa, pero deixaron de falarse.

    De todas maneiras o día 12 pasou moi ben na nosa mesa. Non houbo ningún incidente e rematamos axiña, porque ata creo que fomos a primeira do concello en ter os resultados.    E si, tamén tén cousas boas estar nestas mesas: nós puidemos ver feliz a un home por votar  con 101 anos de idade. Emociona, e ata pode levar a un a pensar na grande necesidade de votar que se lle debeu  acumular na época de Franco: seguro que agora estase a desquitar, e non vai perder unha. Tamén se nos pode ocorrer, dependendo do ánimo que teñamos a esa hora,  que estas persoas de moita idade se teñen carnet de conducir e queren conservalo, deben facer unha revisión médica. Non sei se para votar deberiamos  aplicar esa mesma revisión médica, porque os votos destas eleccións son os que  conducen a  vida de todos, claramente máis complicada e difícil de manexar que un coche, e, se lle cadra, nesta condución polítca pódense provocar accidentes ben máis peores. 

    Tocoume no sorteo ser titular da mesa electoral. A min, que non creo nos sorteos. Haberaos? Ou caerán de seu os nomes apropiados cada vez que se precisan, só porque unha mirada os ilumina? Será algún deses deuses dos que nos avisaba Borges?








Sortes


Tarxetas novas

A sorte no reconto gañador.


Está todo o papel en cada man

E apóstase  a cegas sen pensar.


Acódese ata o cofre dos tesouros

E súmanse desexos á ilusión

Procúrase o mellor do mellor xeito.


Que abran os precintos!

Que abran unha a unha cada carta!

Que asomen os anos con adianto!




Hai ratos a rolar na mesma nora

Os futuros están  por repetir!







 





sábado, 11 de julho de 2020

Aniversarios




Por veces o tempo sorpréndenos. Poden avisarnos do que vai acontecer, tomamos medidas, vestímonos axeitadamente, protexémonos e despertamos para desfrutar da excelencia do día. 

Que as previsións non acerten ao cen por cen, aceptámolo; sabemos que o futuro en moi poucas ocasións se deixa ver. E mesmo lle dá un plus de intriga e emoción que non todo aconteza como nos promete o calendario.

Hoxe tocoume a min. O tempo deume unha treboada de cariño tan grande, tan enorme, que me calou por completo. Era un aniversario, e celebrábao, si que é certo: era feliz co agardado. Moi feliz. 

E como estou agora? Feliz?  Non o sei, porque feliz é unha palabra con moi poucas letras para dar idea da emoción tan grande que debería caber no seu significado.

Historias que oín de pequeno.

 

Polas terras dos Andrade

no noroeste galego

historias de hai moitos anos

inda hoxe nos dan medo.


Don Nuno Freire de Andrade

era de todos señor

e gobernaba o condado

con decisión e valor.


A vida ía pasando

entre xogos e adiviñas

entre partidas de caza,

entre romances e rifas.


Gozaba a xente no río,

polo monte  ou pola praza,

e o castelo tiña o riso

dun doncel e  unha rapaza.


El chamábase Roxín

Roxal, afouto e garrido,

Roxín coma o seu cabelo,

da cor do lume máis vivo.

 

Tareixa era o nome dela,

moza de moito apelido,

de casa e castelo grande,

de terras, de señorío.


Era filla dos Andrade,

os condes que máis mandaban,

grandes amigos dos reis,

que ata guerras lles gañaban.


Sen pararse nos reloxos

o tempo viunos medrar,

el sempre a ollar para ela,

ela a deixarse mirar.


O doncel co seu traballo

ía gañando o futuro:

ser o paxe do señor

non lle era un oficio duro.


Mais o reto si é difícil

cos soños que a el desvelan:

ser armado cabaleiro,

desposar esa doncela!

 

O destino torce o rumbo,

e non se ven recompensas,

os amores do doncel

son para o señor ofensas.


El non quere que a súa filla

poña os ollos no rapaz,

de entregarlle o corazón

acabaráselle a paz.


Ai,  se a el ela o quería

(e moito si que o amaba),

os amores que el lle tiña

ata a vida regalaban.


Soaban mil violíns

a pouco que se mirasen

os paxariños cantaban

felices de que se ollasen


Despedían tanto amor

sobráballes tal cariño

que non habendo palabras

abondaban aloumiños.

 

Cando o conde viu o idilio

no que Tareixa vivía,

de medo e preocupación,

a súa mente fervía.


Non  podía consentir

que algo lle quitase o sono:

casaría á súa filla

co herdeiro dalgún trono.


Cun home de boa caste

e con escudo de armas,

con terras, con propiedades,

 de liñaxe, non  bisarma.


Para pagarlle a Roxín

para botar ao doncel

mandou facer un puñal

tan fermoso coma el.


O señor que o quixo ben

deulle de prata o coitelo:

leva dous erres de ouro

e como escudo un castelo.

 

Roxín Roxal, bo guerreiro,

xa deixou lonxe o castelo

Tareixa, no torreón,

sente a tristeza ao non velo.


Para buscar un remedio

e salvar a situación

á filla do nobre Andrade

buscáronlle novo amor.


Elixiron a un Osorio

 ha de emparentar con el,

familia de gran linaxe

con lobos no seu cuartel.


Henrique Osorio era o nome

do noivo con quen casar

de casa e sangue real

as terras vai aumentar.


Tareixa, nun senvivir,

obedécelle ao seu pai,

filla de tal condición

que nunca un desaire fai.

 

Entre grandes fastos casan

con medio mundo invitado;

fanse festas, fanse xustas,

non dá o enlace acabado.


Ao final do casamento

ten lugar a cacería,

donos de  condado grande

farán unha montería.


Os olleadores miran

que se poderá cazar:

son xabaríns ou veados

os que haberá que matar?


Con voces de cen lebreis

aló se van os monteiros,

ben armados todos eles

infantes e ballesteiros.


Saben da arte da caza

para a que amosan valor,

nesta guerra queren ter

todos o botín mellor.

 

Nesta paixón que é  cazar,

dispóñense a guerrear,

os cans serán os primeiros

aos que haberá que chamar.


Espectadores son todos

os que non pensan matar,

uns polo medo das feras,

outros por gustar mirar.


Ocupan sitios marcados:

para bos espectadores

escolléronlles lugares

reservados a señores.


Á sombra do río Lambre

os noivos han descansar,

el vai quedarse con ela,

ningún dous dous quer cazar.


O sitio é de privilexio

nun deses vados do río,

os ameneiros fan sombra,

os merlos poñen  o chío.

 

Perseguido polos cans

vese ao lonxe un xabarín

funga de dor e  de medo

porque presente o seu fin.


Na carreira perde o rumbo

desexando só escapar

o río veo moi preto

xa case o pode cruzar.


Henrique cala de pronto,

non é capaz de falar,

ve ao porco e tenlle o medo

sabe que o pode atacar.


Tareixa non se decata

do perigo que alí vén,

ela vólvese moi tarde:

o porco non se detén.


Túrralle con tanta forza

no medio e medio do peito

que morta, xa de contado,

o río dálle o seu leito.

 

Óense choros de Henrique,

que á noiva non defendeu,

berros con tristes lamentos,

pero Tareixa morreu.


 Para recordar á filla

no mesmo medio do monte

onde lla matou o porco

o pai levanta unha ponte.


Alí deixa sempre flores

cada vez que vai rezar,

e naquela ponte pensa

con quen a fora casar.


Un día no señorío,

ao pouco do pasamento,

os bramidos dunha fera

vólvense voces no vento.


Chegan á vila, ao castelo,

baixan á praza, ao mercado,

os berros dun xabarín

camiñan dun a outro lado.

 

Desde o río sae o son

que a todos pon en alerta

e nas terras dos Andrade

ato o conde se desperta.


Cando o señor chega ao río

non pode crer o que ve:

no medio e medio da ponte

un xabarín morto é.


O seu enorme tamaño

dá sensación de perigo,

é un moi grande xabarín,

un asasino, un  castigo.


Cando mira ben o peito

daquel tan fero animal

na zona do corazón

pode ver o seu puñal.


O puñal que regalou

con debuxo do castelo

cos erres que leva o nome

do dono dese coitelo.

 

Roxín Roxal bravo mozo

para vingar á súa amada

buscou ata darlle morte

á fera que a ela matara.


Aló na  Ponte do Porco,

queda nas pedras gravado,

de Roxín e de Tareixa,

o sinal do seu mal fado.

 

As augas do río Lambre

ven da  tristeza  moreas

aló na Ponte do Porco

nas ribeiras, nas aceas…


Son esas augas eternas

dun namorado valente,

dunha garrida doncela

e as dun Andrade doente.