segunda-feira, 26 de janeiro de 2015

E sei que é vinte e seis




Así que, desde pola mañá mesmo, estou a celebralo, como de costume; día fermoso, feliz, cheo de recordos preciosos dos que non quero esquecerme.

Estou emocionado, case eufórico, coma os que andan á procura dos restos de Cervantes. 

Días  coma este un só pode felicitarse polo ben que vai todo a un e outro lado do Atlántico. Está todo amañado, vívese ben, os vivos están tan vivos, tan ben tan ben, que nos podemos ocupar dos mortos a maior gloria e esplendor. 

Por América cambian de man os restos de Lincoln: unha morea de dólares  (privados) investidos a conciencia nuns documentos e nunha presa de pelos do morto

Deste lado, a felicidade vén de atopar un M e un C nun ataúde con tantos ósos que (malo será) algúns han pasar polos do autor do Quijote. 

Os cartos de aquí (públicos) seguro que están empregados no seu: se non son do Ministerio de Cultura, que mellor que dedicarllos a Cervantes? É un morto vello, non coma eses outros dos tempos da guerra civil que aínda son frescos demais. E se son de Cultura, acaso estarían mellor adicados a diminuír o 21% de IVE dos libros? Calquera sabe que non. 

Cervantes acabou manco en Lepanto, e iso lévanos de cabeza a Grecia. E xusto tamén Grecia anda en todos os medios de comunicación, aínda que, na maioría, non se nota tanto que os poña contentos a victoria de Syriza nas eleccións de onte. Será porque os dirixentes dese partido seica queren ocuparse dos vivos, xa agora, así, un pouco antes de que morran?
















As palabras doen dentro
resúmennos aquilo que teremos
anticipan inflexibles a desgraza
e vólvennos sumisos ante a vida.

Metáforas volátiles do tempo
gastadas nos praceres necesarios
despértannos da nube máis lixeira
e báixannos á terra do fracaso.

Moi lonxe vense as metas 

superfluas, ridículas 
efémeras e inocuas coma as horas
e  as palabras
que as resumen.





















.








sábado, 17 de janeiro de 2015

Fealdade




Un fillo non se ri da fealdade da súa nai.

Este dito africano ándame na cabeza desde hai uns días. Non sei como é pero doulle voltas a Galicia, nai e señora, e a isto da afirmación africana, e algo non me encaixa. 

A fealdade perséguenos, e a Galicia, máis. Pola nosa zona é a fealdade industrial improdutiva, que non xenera riqueza, non posibilita futuro, nin dá vida presente; mais afea, subliñando as desfeitas humanas nunha paraxe que garda pouco do que foi.

Fealdade haina asimesmo na prensa local, e faise máis intensa cando nos recorda a cantidade de traballadores en paro que se suman a diario ás persoas que non teñen memoria do que foi, hai tanto tempo, o seu último emprego. 

Si, ás veces vese bonito; albíscase unha luz de esperanza achegada en forma de promesa electoral de traballo, mínimo, si, pero traballo, para as contadas industrias que non botaron o cerrollo. Un flotel, un barco, un xenerador… o que sexa, ata unha chalana se acepta. Desexamos que continúe a fealdade e que ademais se saiba por que é necesaria e nos convén. 

Zona fea, vale; pero atractiva. E para atraer, por aquí nada nos atrae máis que o traballo.

Ao final o riso. Rímonos porque non queda outra. Ao mellor nós tamén somos gaivotas, e, rindo, somos choronas coma elas.

E nesas ando eu. Hoxe souben que hai  retraso e non será posible  cumprir os prazos de fabricación dese mísero flotel. Non o daremos acabado en tempo e iso que parte dos bloques  leváronos para facer en Puerto Real. E a culpa non se sabe de quen é. 


Así, por entre as bágoas (que supoño que me virán coa risa) o único que alcanzo a ver é unha Galicia fea.










Unha certa sensación de indiferencia
Un todo vale igual
Sen escoller
Abonda que saibamos o que hai
E non hai máis.

O resto son detalles tan pequenos
Coma manchas que ninguén tén que limpar.

Se acaso unha mirada
talvez un movemento sen control

sexa estar vivo.


























.

quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

Limpeza




Os días sempre nos reservan sorpresas. Dunha maneira ou doutra queremos que o sorriso nos veña á cara e nos dea a súa calor para protexernos de todos os fríos do inverno. Día tras día sucédense o cataclismos, coma se as malas noticias non deixasen de asoballarnos. Miremos para o lado ou botemos a vista ao lonxe, a tristeza ha invadirnos. Pouca esperanza de deixar un  planeta habitable, e nula confianza nos que conducen, pois,  o mundo.

Así, neste deserto, atopar algunha nova que, a pesar de todo, nos faga sorrir, aínda que sexa de pena, é para celebrar. Hoxe somos nós, os galegos. Nun exercicio memorable de mantemento das instalacións, e dado que a concesión  (a dedo) que tiñan no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro rematou co ano, a empresa Espiral Xestión Cultural conseguiu por fin que se fale dos petroglifos de Campolameiro. Os petroglifos son protagonistas. Usaron a desbrozadora e limparon ata as rochas. Claro que, hai moitos, e ademais eses nin estaban catalogados nin se ensinaban ao público. E iso que están nunha zona declarada  Ben de Interese Cultural, na que se investiron máis de dez millóns de euros antes de inaugurala co nome de Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre  de Campo Lameiro en 2011. 

Eu estou convencido que foi por deixar recollido todo antes de irse, por se xa non lles tocaba e eles seguir alí. Outra posibilidade, porque alguns sonche moi ocorrentes, é que así danlle sona e a xente vai velos, aínda que non sexa máis que para atopar nas rochas as pegadas das cadeas. 


De todas maneiras, eu río, porque a fin de contas “é unha limpeza”. E barata, porque por estas tarefas  só cobraron nos tres últimos algo máis de medio millón de euros.












As soedades que nos dan as terras 
por poboalas
os silencios desertos dos lugares
as esperanzas que se esgotan sen cumprirse
cóandose no fráxil das miradas.
A vista 
por dar conta das derrotas
ensina nas enrugas que a rodean
os fracasos acadados.
Van empeño
do que non nos fala a voz
prisioneira
deses labios na protesta.






















.