quarta-feira, 25 de abril de 2012

Pan




Os anos acaban mitificando o pasado, facéndoo un pouco máis importante do real, máis irrepetible do que tiñamos conciencia e máis querido do que o foi no seu momento, talvez. Volver das festas de verán a pé tiña un encanto feliz que lle proporcionaban as persoas coas que un andaba, e os seus logros amorosos, enormes xornada tras xornada. Nese tempo non recordo moito de ter falado das orquestras que amenizaban a noite, por máis que houbese unhas que gustaban máis ca outras, e mesmo que algunha xa se permitía o atrevemento de tocar pezas en galego ou de Galicia. Falabamos de rapazas, de ligues e de rexeitamentos, que tamén os había, namentres o camiño de volta se facía cada vez máis curto. Era estraño que nese percorrido non atopasemos algunha panadería na que xa estivesen a cocer o pan do día seguinte. E alí había un arrecendo inconfundible, gorentoso, evocador dun manxar suculento, especialmente apetecible para os que, nenos de aldea, sabiamos ben como é imposible de ter só nas mans o quente pan acabado de cocer. Lóxico así que en ocasións, e se as horas tardías da nosa volta o permitían, acabasemos andando parte do camiño de regreso acompañados de bocados a un quente e mol pan do país.
Afortunado podo seguir sendo, aínda, ao ter que pasar a diario, agora cara ao traballo, por diante dunha das panaderías que non esqueceron as fórmulas de cocer, e que para min fai un pan notablemente mellor que panaderías incluídas dentro das dez destacadas polo ABC, nesa listaxe que pretende abranguer a todo o estado español. Grazas ao olor, aos aromas que  entran no coche cando me aproximo, nas frescas horas da mañá,  son quen de imaxinar que o traballo mesmo ao que vou é a sobremesa da festa diaria que disfruto. 

















Merquei tres versos que hoxe van resesos
Merqueinos polos brillos que posuían
Expostos como estaban ás miradas
Tan tenros no interior se presumían
Por darme un cerne mol case caricia.


Merqueinos sen pensar polo aspecto
Torrado dos marróns de ben cocidos
E listos para usar sen máis avíos.
Merquei por ter carencias sensitivas
Buscando alí as palabras afectivas
E quíxenas dicir pero rompían
Recentes como eran na fornada.


Chorei polos tres versos que desgracia
Chorar polo que un antes quería
Ollándoos tras das bágoas relucían
Pero eu tiña presente que partían
Quebraban en anacos faragullas
Con sílabas fermosas silandeiras
Moi lonxe unhas das outras descolocadas
No afán de competir por ser primeiras.


Xunteinas como puiden con defectos
Tentando reinventar eses tres versos
E duras sen miolo esas palabras
Trouxéronme o sabor do pan reseso.


Non quero versos frescos
Non me importan
Non quero andar ás modas
Que alguén dita
Se acaso alguén me conta pensamentos
Imaxes que coñeza sen ter visto
En sons que se aproximen ao sabido
Terei de darlle as grazas convencido
E comerei voraz tal alimento...


















sexta-feira, 20 de abril de 2012

Transporte





Galicia é un lugar diferente. Si. E o seu sistema de transporte, tamén. Non por nada tardaron un mundo os romanos en conquistar esta terra. Non foi unha cuestión de batallas, de liortas ou de afouteza. Foi, sinxelamente un problema de infraestruturas, de pontes en concreto. Parados ao pé do río, os lexionarios romanos esquecían o deber de facer as pontes correspondentes, e así lles foi: unha chea de anos agardando que lles deixásemos as terras para eles. Despois, moita Lucus e moita Brigantium, pero as calzadas feitas unha calamidade. Como ser quen a conseguir unhas boas vías nun lugar de tanta auga e tantas herbas, onde mesmo as pedras acaban dando vexetación? Os bárbaros que viñeron despois, nada axudaron, tampouco o interese era moito, a eles abondáballes con montar a cabalo e non saír moito dos límites. Entre o feudalismo e a relixión, só se necesitou o camiño de Santiago, e ese para facer a pé. Por se acaso se desen celos, á costa tamén a pé, a Teixido ou a Fisterra, bos carreiros e malos camiños. A ilustración só nos tocou para loitar e para facer os pazos da xente de ben, e as obras deixáronselles aos de Castela: por auga e por terra.
Como a historia é aburrida, pasámola e pensamos no de agora. AVE? Non, xa nos din os cataláns que temos percebes, que saben mellor, aínda que farten menos. Estradas? Autoestradas de pago e caras, con pozas e parches, para que a xente non as vexa demasiado elegantes para a nosa terra. Por aire non nos queixamos, varios miniaeroportos para un país de carreiros, e en Portugal temos Porto. Ben mirado, portos tamén temos nós, e moitos, enormes e sen nada, e un fronte doutro na Coruña, pero sen accesos terrestres axeitados, como cómpre.
Con todo o anterior, nun país tan atlético e deportista coma o noso, pode haber alguén que non entenda que os políticos vaian en coche oficial ao ximnasio? Ou que os alcaldes manteñan a forma física, indo á piscina, con chofer a cargo do erario público? Pura lóxica, cos camiños que temos quen se atreve a meter o coche propio a transportarnos dun lado a outro?





Se un día aquí viñese un extravío
levando o que gardamos de memoria
eu só reclamarei a nosa historia
deixando irse o demais. Auga no río.


A historia que fixemos desde o frío
buscando en cada abrazo algo de gloria
nacente na calor máis decisoria
con gotas de paixón. Cal desvarío.


Sabendo da vellez declinatoria
revivo agradecido o rechouchío
da xuventude feita con euforia


aberta como vela de navío
izada da maneira máis notoria
servíndolle ao amor campo novío.










.




segunda-feira, 16 de abril de 2012

Cacerías




Un amigo contoume dun seu compañeiro de viños de fin de semana. Vive nunha casa na aldea e tén galiñas. Como agora os animais dos nosos montes están no proceso de urbanizarse, cada vez achéganse máis ás vivendas, así que non foi raro que de cando en vez, lle viñera o raposo.  Co tempo, sabedor do camiño como era,  non paraba de collerlle as galiñas, polo que ideou unha trampa para cazalo. Cazouno, porque sabe destas cousas, pois é cazador desde hai tempo, con escopeta e todo. Atrapado como tiña ao raposo, deixouno pechado nun aparte do galiñeiro e alí o tivo varios días, prisioneiro. Matalo sen máis, despois dos animais que lle papara,  non lle prestaba moito, e non tiña claro como facer.
A familia, cansa xa do raposo que coidaban e temerosa de que por riba lle houbese que poñer diante as pobres galiñas que quedaban, chamouno á orde, e el, decidido, colleu a escopeta, cargouna e foi directo cara ao animal. Abriu a porta, deulle unha patada e berroulle:
- Marcha dunha vez!, veña!

Cazar pódese cazar, pero  así...



A historia anterior veume a distraer un chisco da cantidade de raposadas que se andan a cometer nestes días a un lado e outro do océano, e das que todos os republicanos nos sentimos parte.  Mais non sei por que sempre acabamos perdoando ao raposo. Será para engrandecer ás vítimas?








Os feitos cando queren ocorrer
facémolos ir nós na dirección,
creamos as traxedias a doer,
sentíndoas ser xa parte do fatal.


Sucesos que non imos evitar,
tendo só o papel de espectador,
remates que se xogan co azar
arriscados en partida emocional




Gardemos interese primordial,
fuxindo así da anécdota casual,
naquilo que nós somos, para amar
as xentes coas que nos imos xuntar...




















.

sexta-feira, 13 de abril de 2012

Amargura






BautistaÁlvarez escribe unha carta sobre os que se foron do BNG. A carta, unha verdadeira epístola dun cura en éxtase vingativo, é fiel ao pé da letra ao catecismo nacionalista que se estudaba nos tempos das memorias de Balbino, cando no país había algo máis de media ducia de persoas que sabían o que eran a maseira ou o mulime. Ademais, afundíndose nos tempos idos como exemplo, tráenos á igrexa a entrar en Roma brandindo a cruz do nazareno, tan alta coma a doutrina do bispo de Alcalá e enfrontando a quen haxa que enfrontar. E a parroquia aplaude contenta. Poucos, pero ben levados. Xusto o necesario para realizar a travesía do deserto electoral que lles agarda, pero confortados como corresponde con este maná celestial gañado antonte nas trincheiras antifranquistas, das que algúns seguen teimando por saír, máis sen dárense decidido. Non teñen o perigo, menos mal, de topar polo camiño co becerro de ouro, porque ese xa o roubaron hai dous días os dos bancos, pero non vaia ser que acaben escornándose se o vento dos versos de Manuel Antonio que queda con eles perde rumbo e colle direccións encontradas, porque no mar, que tamén os acompañaba, xa nin barcos quedan.







Morre a cada pouco a nosa alma,
mátana en impíos pensamentos,
lévana a apagarse ensumida,
triste,
decepción mortal mal asumida.


Os anos a traernos amarguras
por darnos, no profundo, pesadumes,
angustias leadas no sufrir
pranto,
que conforma un xeito de vivir.








.
























domingo, 8 de abril de 2012

Corvos II




Nós tamén somos corvos. Fun quen a velo estes días lendo a prensa e sorprendéndome con noticias que me chamaron a atención non por inusuais, lamentablemente, si polo frecuentes que se fan nestes tempos. Os lugares eran Huércal Overa, en Almería, onde quitaron as letras do nome do seu teatro, porque poñía Rafael Alberti, e non vendía, o que sen dúbida é unha razón de peso, de euro, vaia, fundamental nestes días. Probablemente barallen entre outros o nome de J. K. Rowling para substituílo, ou talvez Botín, a pesar de que A. Ortega venda máis; noutro concello, nun pobo perdido por eses ermos manchegos nun lugar que ten grande o nome, Villamayor de Calatrava, fan coma o xastre valente e limpan tres dun golpe: dous pablos e un enrique, a eles -polo menos ao alcalde- os nomes de P. Neruda e P. Iglesias non lles din nada, e Tierno Galván menos; como xa escolleron La Roja para culto nome de praza popular, eu proporía que se pasasen tamén aos josé maría, Pemán e Aznar, por exemplo, que dan boas fachadas e moito que falar.
Cronoloxicamente, a primeira destas teimas foi cunha tal Pilar Bardem, en Sevilla, aínda que neste caso o asunto xa viña de atrás, seica, pois o alcalde ata o incluíu no programa electoral, non sei exactamente en que parte do programa, se no impreso ou no real, pero levar levábao. Como é nun barrio periférico, así, daquela maneira, deixemos que lle poñan o que queiran, que está ben.

Ao que ía, somos corvos, e por máis que o intentemos, non ha quedar de nós nin unha simple pegada. E agardaremos os anos que sexan necesarios.

Nota.- E sendo xentes de condición austera, non habería ninguén que avisase de que todos estes cambios orixinan gastos?

Outra nota.- Días atrás  moitas persoas lembraron a Miguel Hernández, polo aniversario da súa morte. Ninguén se acorda xa dos nomes dos que axudaron a matalo. Corvos.



A nota que non querería poñer.- Pariu a avoa












A
CO
LAN
ME

Será o orballo,
será a xeada,
o meu corazón,
o teu,
sen ver o abrente,
non canta nada.

Non hai olladas,
todo te aparta,
lonxe as apertas
con tristes días,
tan desolados
que se nos atan
moi mal os lazos…

Miro os teus ollos...
Non vexo o brillo,
non me iluminas,
candea que guías
para a tristeza,
CARA ÁS ESCURAS MELANCOLÍAS.
















.



quarta-feira, 4 de abril de 2012

Valoracións






Xenética. Debe ser eso.

Puido ser peor. Menos mal que se salvou. Aínda non nos podemos queixar. Xa rematou o incendio e toca avaliar danos de xeito sensato. Logo dunha sesuda análise chégase á profunda conclusión: pódese ver, pero non tocar. Dun e duntro lado, por onde se mire, todos fan o mesmo xuízo, porque foi en abril, que se chega a ser no verán... Dá o mesmo que sexan analistas, políticos, propietarios ou brigadistas (palabra que agora se ha incorporar ao léxico das profesións, sabendo que vale para todo e que non di nada). Ata algún despistado que pase por aquí estes días vai coincidir cos familiares lonxanos e dará grazas a deus porque o lume non foi para tanto.
Unha calamidade coma esta, provocada polo desleixo, pola ineptitude e pola ineficacia. Polo aforro abusivo e pola inercia inactiva desenvolvida xa desde a creación do parque natural en 1997, queda reducida a un foi unha pena, pero podía ser peor. Non aprendemos nin aprenderemos nunca a este paso. Foi un desastre evitable, e é unha traxedia á que non se lle puxo freo, nin tan siquera atención, cando se debía. E, a maiores, temos case garantido que no verán as cousas van ser máis ou menos iguais, e para o ano que vén non mellorarán, porque xa a xente se esquecerá e andará noutras andrómenas.

E penso que debe ser algo xenético, un certo conformismo que mamamos desde pequenos e que nos acompaña toda a vida. Agora ben, se é así, non vexo moi claro que outros teñan tanto problema para recoñecernos esa identidade propia que reclamamos. Por se acaso, se estamos ás duras, que nos dean tamén as maduras.















Soñamos vivir de certo
convencidos por ideas
mais se pensamos un pouco
só son soños a moreas.













.



terça-feira, 3 de abril de 2012

As fragas





O incendio vai controlado, aínda que non extinguido. As declaracións da Xunta sinalan que o lume afectou a un dez por cen da superficie de maior valor ecolóxico ( arderon 370 ha das 3.253 ha de fragas)  e unha parte ben máis grande do conxunto do parque natural. A pesar de todo queda por ver cal será o impacto final no medio. Abonda pensar que estamos a falar de terra queimada, de solos ubicados en pendentes acusadas e de perda de manto vexetal e  raíces sustentantes. Se chove, e nesta zona  soen entrar cunha relativa frecuencia borrascas atlánticas, un pode botarse a temer que o río, a ría despois, vaian acabar transportando lodos considerablemente prexudiciais. De como poden quedar as vertentes, coa rocha desnuda, mellor non falar.

Non ha ser unha tarefa doada, pero si posible, devolver vida vexetal ás zonas necesitadas.  Mais a solución non pode pasar polo voluntarismo ilusionado de todos cantos, querendo preservar a fraga, acaben confundindo recuperar as fragas, e conservalas, con plantar carballos e bidueiros con pas de xardín nunha tarde de sábado cooperativo. 

Se os impostos serven para xerar riqueza e  axudar á vida dos cidadáns, investilos nunha recuperación planificada (racional e estudada), dos nosos montes, ben merece os cartos que se precisen.



Fragas do Eume (natural)




As augas son xinete sobre a pedra,
tan lixeiras.
As gotas no relanzo xa non volven,
feitas nome.
As pingueiras nun regato,
todo vida
moi desperta no balbordo.
Aire fresco,
movemento feito escuma
por fermoso.
O río ténme a min no remuíño,
acollido nas barbullas,
só por darme as razóns de quen eu son:
borboriños na ribeira,
ben das augas.


Río son.











.




domingo, 1 de abril de 2012

As fragas do Eume





E o sol choraba sangue. Choraba por todo o que se perdía no incendio das fragas do Eume. Choraba pola desidia dos nosos gobernantes, despreocupados na preservación dun medio excepcional e único.
Un, que xa vai perdendo fe nas persoas e colléndoa, ao cambio, na natureza, ten que lembrar que a fraga está aí desde tempos remotos, sendo unha fonte de riqueza para todos os labregos dos pobos veciños. Unha fraga non esquilmada, produtiva, racional. Un podía atopar no medio dela, en calquera revolta do río,  desde unha horta ata unha curripa, un herbal ou unhas baiugheiras a dar o viño romano que se sumaría ao das barras da casa para durar todo o ano. Podíanse introducir cultivos, podíanse traer árbores, e a fraga subsistía igual do que o facían as cañotas dos vellos castiñeiros dedicadas por centurias a fornecer de leña e froitos a todos aqueles que o demandasen. A fraga, o río, os peixes, os animais de todo tipo, ata mesmo as pedras foron sempre sobrevivintes, loitadores pola adaptación, defendéndose do interés do home. Non importaron nestes últimos tempos os ataques recibidos desde As Pontes, coas presas, coa central e os seus residuos, coa mina, co lago ou coas augas contaminadas da escombreira. Deu igual que secasen a auga dunha das partes máis fermosas da canle do río. Deu igual a extracción abusiva de area no tramo final dos meandros ou a existencia dunha canteira no lugar de maior pendente das vertentes fluviais. Non importaron as minicentrais que se fixeron por un lado e outro, nin tampouco as represas que favorecían aos pescadores; que houbera pontes, estradas imposibles (fermosas non por elas e si polo lugar polo que discorren) ou casetas de urbanismo condenable. A fraga quería sobrevivir e logrouno. Ata non deixou, ela, non as autoridades, que os eucaliptos a inzasen de cheo, nin que as alcacias pasasen moito máis aló da entrada. E seguimos gozando a fraga.
Para conservar o medio os políticos actuaron en conciencia: nin unha pregunta aos propietarios das terras, decisións unilaterais e nome rimbombante de Parque Natural Fragas do Eume, oficina de información e cafetería. E bus turístico no verán. Listo! Acábanse os cartos e dedícase nada á prevención e loita contra incendios. Este é o resultado: adeus Fragas do Eume.
Pero non nos queixemos, nos arquivos da  Cidade da Cultura pódense enterrar as cinsas do que nos queda nas fragas, namentres nelas proxectamos uns vídeos de como eran no século XX, e sen gastar nada, volvemos ter fragas, e virtuais, como corresponde a esta época. 
Dóeme. Queimouse un monte especial, un monte que eu coñecía xa sen saber que era un bosque atlántico. Ía ás fragas cando aínda nin oíra a palabra saramaganta, nin sabía o que era o érbedo, nin me parara a pensar un minuto na historia daquel espazo natural. Gustábanme os contos que me contaban do que tiña alí pasado, e  si, disfrutaba co medo de caer arrolo polo monte abaixo, por un monte que non podía comigo. As aventuras de visitar muíños xa abandonados, de verlles as pedras traballadas e imaxinar cousas sinxelas,  como ver os sacos no seu pousadoiro. Cruzar o río nas gamelas e, tempo máis tarde,  abanear polas pontes colgantes deixando caer o medo anterior. Ver Caaveiro, meterse polos seus ocos e, naquela escuridade, oír todos os sons inexistentes, ou entrar nos lugares das torturas, tiña un sentido que se completaba, sempre, coa admiración reverente ás formas vexetais que se observaban desde a varanda de pedra do mosteiro, nunha contemplación semellante á que puideron ter ben anos atrás os privilexiados monxes que o habitaron.

Ardeu a fraga e case con ela se foi tamén algo da memoria dos meus familiares, deses que tiveron nela un digno medio de vida.












Verde e marrón








O que queimamos no lume
cremos que queda na cinsa
cando se vai volto fume.



Non temos pena maior
que a que acaba por rompernos
as cordas do corazón.


















.