terça-feira, 28 de agosto de 2012

21 O







A feira.
Para min o Vinte e un é un lugar. Como tamén o é o Día Oito, no mesmo concello de Cabanas. Teño querencia infantil polo sito, pola feira de tódolos meses, con xente, con animais, con postos diferentes, cos potes do polbo dispostos no camiño de acceso, cos seus olores e ruídos... Pensar no Vinte e un e desexar saír da casa viña sendo todo un. Hoxe, despois de ler a prensa, non sei, non sei... O viño tinto deses días estaba bo, pero moitos graos non debía ter, porque me acordo. Pensar no vinte e un de outubro case me leva a bebidas de máis alcol, por se acaso rematamos queréndoo esquecer.

Abstención, absenta e absentismo.
Convocadas as eleccións galegas comeza para nós un período indesexado de soportar infinidade de arengas políticas. Cada vez que se presentan unhas eleccións o proceso de atender e decidir faise vitalmente penoso, e un remata por padecer uns síntomas que o aproximan á agorafobia, e que o levan a pecharse en si mesmo para rematar pensando en erguer un par de metros máis os muros da horta e buscando información de cales son as especies arbóreas (autóctonas ou non, xa dá o mesmo) que medran moito e en pouco tempo, para ubicalas de segunda barreira e aillarse así un tanto máis da polución política. E de non haber  absenta botaremos man da guinda, porque para a caña deberemos  pensar  noutros.

Non nos representan.
Lóxico. Nós dámoslles polo pau. Escenifican por papeis (do banco). Son artistas, actores (e actrices, non se nos vaian enfadar por parecermos discriminadores, aínda que mellor deberiamos pensar en actoras, para acentuar máis a igualdade) dunha obra que se representa cada catro anos, que se ensaia tódolos días, que consiste en dicir o que a xente desexa oír e en facer o que a un máis o beneficie. Nada,  preferiblemente,  se con iso se obteñen boas ganancias, ou aquilo que pidan as persoas que saben recompensar economicamente o traballo político.

Unha de romanos.
Unha boa actuación do circo, precedida dos desfiles e actuacións na rúa dos acróbatas, dos domadores de persoas, verdadeiros artistas na arte do funambulismo (na segunda acepción do dicionario da RAE, non co significado do DRAG), coas conseguintes advertencias do perigo das feras que non se ensinan, pero que hai, e poden vir de non facérmoslles caso, abondará para que a xente, despois de ver as rúas adornadas coas carteleiras das funcións prometidas, leve o pan e faga circo, rindo ao crer en todo iso que sabe que non é certo.

Coma beatos.
Lóxico, por outra banda, nun país no que somos capaces de peregrinar por favores que non habemos ter, e polos que antes damos fervorosas grazas.











Xornadas de reflexión
de como nos van vender
o valor da votación.















.




domingo, 26 de agosto de 2012

Lúa




Morreu Armstrong e por todas partes apareceron as noticias do Apolo XI e da súa chegada á Lúa. A poucas lles lin algo máis que os titulares, pero si me demorei no recordo da retransmisión nocturna da alunizaxe e, sobre todo, dos comentarios do día seguinte. Fronte á ilusión dos máis novos, que entendíamos aquilo moito mellor que a heroicidade de Colón, oio aínda a pouca fe dos máis vellos. Incluso a dúbida por riba do  razoable.

Vexo a meu avó sentado á mesa da cociña, rosmando, para el e para todos, “Bueno, home, bueno... E non habería ningunha outra cousa que facer?









Poema laudatorio ou elexía
que sirva como escusa para un verso,
memoria colectiva dun instante
roubada para a fama noutros tempos.

Eu lémbrome de ti, sen que me acorde,
en cadro branco e negro dunha escea
e levo tamén son desas palabras
quizás, non sei, talvez non pronunciadas.

Mais non peno por ti, home con azas,
e síntome feliz do que ensinaches:
que mundo somos nós cando queremos!











.

quarta-feira, 15 de agosto de 2012

Cultura e civilización



A escritura e, por lóxica, a lectura que levou aparellada marcaron unha liña clara nos tempos do home. Antes e agora.


A min gústame a fotografía. Teño feito algunha e visto bastantes máis. Como din, co valor que teñen as imaxes, en ocasións a lo menos, poden chegar a sobrar as palabras.
Somos así, aínda que a algúns nos doa. 
E os cataláns, que andan polo lonxe e saben de todo, teñen os mesmos problemas ca nós.
Claro que, lendo todo o artigo, para eles os galegos nin nos preocupamos nin andamos optimistas: depende, é evidente.












De lonxe chamo en negros sons
soñando o aire azul por se o respiras.
Resóame o teu ser en canto vexo
como aroma feito eco no recordo,
regalo para min que te sei vento.


E todo se repite. Que obstinado,
se sen ti o instante xa é outro tempo!


Canto dese, de saberme equivocado,
por poder cambiar de voz para a alegría,
á ledicia que se acolle na esperanza
dos amores que gozan en presente!


Como sinto verme así nestes meus ollos,
alma sen espírito, case afogo...


Tan seco na derrama desta fe!

















.




quarta-feira, 8 de agosto de 2012

Súper (mega e guay)






Tristemente patético. 

Estes días as novas fálannos do SAT e as súas accións nos supermercados andaluces, máis contundentes cás que levou adiante en Ferrol outro colectivo de persoas sen traballo. As actuacións inmediatas do Goberno estatal para levar á cadea aos executores e instigadores destas accións son só equiparables, pola rapidez amosada, co indulto concedido ao alcalde de Valle de Abdalajís (Málaga) e a media corporación municipal, condenados todos eles por prevaricación. Non é necesario falar de bancos, porque xa se sabe, máis vendo alcalde por un lado e alcalde por outro, case nos vai ser mellor ir calando. Non hai amaño. Nin aínda que lles poñamos cadeados por todas partes, coma nos súper de Girona. E acórdome tamén do pateticamente triste desas monxas non xulgadas (polo de agora) por venderen alimentos obtidos da beneficencia.

Cando as cousas se escangallan de vez e o caos xerado faise grande demais, un opta por tirar con todo, e comezar de novo como poida. Que pena que iso só se poida facer coas cousas!










Escribo case a golpes de labrego
arando nun papel por velo vougo
e rego non con bágoas nin con sangue
e si con cantos soños que gardei.


Semento mil ideas imposibles
e arrinco todo o medo que escoitei.
E podo, coido e miro cada gromo
quitando todo o vello que se ve.


Espera dunha flor a florecer.


E collo máis papel, vale calquera,
e sei de entullo e lama, sen chover,
ou trollo, e esterco, ou poño pedras,
e cardos con espiñas, e con dor.


Caín, desde as palabras, desde a ira,
sabendo que non quixen ser pastor.













.





quinta-feira, 2 de agosto de 2012

Pensamentos








Edison dicía que cultivar o hábito de pensar proporcionaba un dos maiores praceres. É posible, a estas alturas eu xa non aseguro nada. De todas maneiras, estiven probando a pensar un pouco (sen cansarme, a verdade) no que lle pasa ao noso país nisto dos nosos partidos políticos e dos seus dirixentes, e non me prougo nada, nin o que lía, nin o que entendía. Vai ser que Edison falaba de pensar noutras materias.

Co paso do tempo pódese chegar a querer o que un fai, nun xeito de simbiose que axude á supervivencia mental. Incluso chegados á idade na que non admitimos moitas máis cousas das que nós mesmos pretendemos facer, podemos acabar querendo o noso rutinario traballo, e obtendo así a felicidade precisa para incorporalo ao noso feito vital.  Ata tamén coas persoas que se nos van incorporando á existencia e ao corazón.















Mirándome no branco do teu peito
descanso da visión erma da terra
e sei que así renacen esperanzas
á ansia de fartura cando axexa.


Abrázasme, amante xenerosa,
na entrega que se achega sen reparo
nos cálidos alentos que acarician
na luz das túas mans que son amparo.


Regálome na fala do futuro
sentíndome na vida do teu ventre
con calmas escoitadas nos latexos
gozadas como fin agora, sempre...


E sobran as palabras por ruídos
e vívese amizade no silencio.















.